Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2024 | Actualizada ás 20:45
A eurodeputada e candidata ás eleccións europeas Ana Miranda (BNG) participou este luns nun acto público en Narón no que trasladou o seu compromiso de "seguir traballando" no Parlamento europeo para conseguir o saneamento da ría. Así, subliñou a importancia de que o BNG teña representación nas institucións europeas para defender cuestións crave para o futuro de Narón e da comarca, como o saneamento da ría, "vital para a recuperación do marisqueo", ou a industria; e recalcou que, neses temas e outros "transcendentais" para Narón e para o resto de Galicia (pesca, naval, vivenda, transporte ou loita contra o espolio do territorio), "o BNG sempre estivo na UE defendendo a Galicia en Bruxelas".
"Se o BNG non leva esas demandas, non estarían. É así de claro", proclamou e repasou o traballo desenvolvido nos últimos anos en aspectos como o saneamento das rías, os problemas de transporte en bus e tren, o proxecto da planta de Altri, as peaxes da AP-9, a 'crise dos pellets' ou os problemas de despoboamento, entre outros.
Respecto diso, Ana Miranda trasladou o seu "orgullo" por levar estas cuestións ás institucións comunitarias, reflexo do seu "férreo compromiso" con Galicia, un compromiso que coñecen "ducias de colectivos e centos de persoas" que puideron ir a Bruxelas estes anos "da man do BNG" para trasladar os seus problemas e demandas ao Parlamento e á Comisión. "O escano do BNG en Bruxelas é o escano que defende os intereses de Galicia, libre, sen intermediarios. Ao único ao que lle temos que dar contas é ao pobo galego", sentenciou a candidata.
No acto de Narón participaron tamén o número 2 da candidatura, Bieito Lobeira; a portavoz municipal do BNG, Olaia Ledo; e o concelleiro Geno Carballeira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.