Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2024 | Actualizada ás 14:57
As palabras da parlamentaria do PSdeG, Paloma Castro nas que afirmou que a lei contra o proxenetismo fracasou no Congreso por "as presións" do 'lobby' da prostitución ou porque hai deputados "puteros" nas filas dos grupos que votaron 'non' provocaron un encontrón co PP, que entendeu as afirmacións como un ataque ao partido.
"Neste grupo non hai puteros. Non sei se no PSOE poden dicir o mesmo", rebateu a viceportavoz do PP galego no Parlamento de Galicia, Paula Prado, que pediu a quenda de palabra ao termo do debate da moción sobre igualdade na que, durante a sesión plenaria celebrada este martes no Pazo do Hórreo, a parlamentaria socialista relacionara o voto contrario a lei do PSOE para abolir a prostitución á existencia de "puteros" entre os partidos que fixeron que fose rexeitada a toma en consideración do texto elaborado polos socialistas.
En concreto, a maioría na Cámara baixa tombou a pasada semana a toma en consideración da lei dos socialistas, que só apoiaron Coalición Canaria, BNG, UPN e o parlamentario do grupo mixto e exministro José Luís Ábalos. Para Castro, o rexeitamento ao texto debeuse ao voto contrario de forzas que "hipócritamente considéranse progresistas" e ao "cambio de criterio" de grupos que se manifestaron a favor como o PP, o que vinculou ás "presións" do sector das proxenetas ou a que "hai moitos puteros" nas filas destes partidos.
Ao termo do debate, a número dous o PP de Galicia solicitou ao presidente da Cámara autonómica, Miguel Anxo Santalices, ao considerar que as afirmacións de Castro supuñan unha infracción do regulamento por falta de decoro cara ao Grupo Popular. "Entendo que teñan un problema (o PSOE) coa prostitución, pero non vou consentir que se diga iso deste grupo", sentenciou Prado.
A viceportavoz parlamentaria do grupo maioritario incidiu en que nas filas populares "non hai puteros". "Non se se no PSOE poden dicir o mesmo", engadiu Prado, que aseverou que "a historia" de relacións entre "cargos socialistas" coa prostitución "é moi longa" e, di, vai "desde (Luís) Roldán aos ERE ou o 'Perico' Berni".
Finalizada a intervención de Prado, o presidente do Parlamento pediu a Castro que retirase a expresión "putero" para que non figurase no libro de sesións, pero a socialista mostrou a súa negativa e reafirmouse nas súas palabras, o que levou a Santalices a ser el quen ordenou a súa eliminación porque "a palabra putero non debería ser usada no debate".
MOCIÓN
A lea por mor das palabras de Paloma Castro produciuse no debate dunha moción do BNG que reclamaba, entre outras cuestións, a rectificación da Xunta da división da Secretaría Xeral de Igualdade, que pasa a estar desdobrada en dúas direccións xerais. Para a deputada nacionalista Noa Presas, esta decisión adoptada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na reorganización do seu goberno tras as eleccións supón unha "rebaixa" da importancia da loita contra o machismo e "rompe" co principio de transversalidade que debe rexer as políticas de igualdade.
A moción foi rexeitada cos votos do PP, cuxa deputada Raquel Arias, acusou a nacionalistas e socialistas de romper "" a "unanimidade" que existía na Cámara en materia de violencia de xénero polo seu voto en contra da lei galega de igualdade tramitada na última lexislatura. "En Galicia vostedes elixiron confrontar contra o PP no canto de ir contra as vítimas. Igual que en Madrid decidiron encartarse a Pedro Sánchez votando a lei do só si é si, a maior ultraxe ás vítimas", sentenciou.
Pola súa banda, o deputado do grupo mixto e representante de Democracia Ourensá, Armando Ojea, quixo facer uso da súa quenda de palabra (refugou facelo nas outras tres mocións debatidas na mañá deste martes) para afirmar que "existe unha publicidade descarada dos valores machistas" que se ve "todos os días do ano" coa existencia de clubs de estrada nos que se exerce a prostitución.
"Todo o mundo sabe o que pasa aí e considerámolo algo normal", aseverou Ojea, que comparou isto cos trens que usaba o réxime nazi para transportar a prisioneiros a campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.