Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 02/06/2024 | Actualizada ás 14:00
"É un proxecto que nace no contexto da pandemia, tras unha reflexión que se fixo a nivel da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, ante a necesidade de incorporar mocidade ao deporte para garantir a súa supervivencia", así define Alexandre Sanmartín, director das Gaélico Escolas en que consisten. Dentro deste contexto, nace o proxecto Gaélico Escolas, que consiste na incorporación do fútbol gaélico nos centros de ensino. Contan con diferentes programas adaptados, concretamente con tres: "Un a modo de xornada de coñecemento do club máis próximo ao centro de ensino; outro programa, o máis demandado e o que empregamos habitualmente, que consiste nunha unidade didáctica de catro sesións e cun torneo a modo de conclusión; e logo, actividades extraescolares para os centros".
As Gaélico Escolas diríxense, principalmente, a dous grupos: o de quinto e sexto de Primaria e o de primeiro e terceiro da ESO: "Consideramos que é na Primaria cando nenos e nenas comezan a escoller ese deporte que queren practicar e a partir de terceiro, cuarto da ESO e Bacharelato, normalmente xa se fan xornadas máis de captación para equipos de adultos". Alexandre conta que os inicios estaban marcados polo handicap de descoñecer este deporte, polo que se fixo fincapé na parte máis pedagóxica. Como positivo disto, destaca, que foron moitos os profesores de Educación Física que se quixeron formar a través dos cursos porque vían nisto unha alternativa que poder impartir nos seus centros de ensino. "Aí comezan a xerarse sinerxias para continuar avanzando na práctica deste deporte", recoñece.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Que beneficios destaca? "É un deporte con moitas habilidades, é dinámico e a posibilidade de xogar, tanto coas mans como cos pés, facilita a incorporación. Participar neste deporte é sinxelo, divertido e rapaces e rapazas teñen a posibilidade de xogar contra outros centros educativos, participar en torneos a nivel galego e internacional", expresa. Nesta liña, considera que outro punto destacable do deporte son os valores intrínsecos: "Estamos acostumados a ver que noutros deportes, algúns se foron perdendo, como a pertenza a un club de toda a vida, a pertenza e defensa dun territorio ou o respecto cara aos compañeiros, árbitros e demáis".
"AS ESCOLAS PERMITEN COMPETITIVIDADE E CONVIVENCIA"
Este ano co proxecto levan organizados uns oito torneos entre escolas, tanto no norte como no sur. Isto xera sinerxias para que, a partir de aí, "comecen a saír actividades extraescolares". Alexandre comenta que en Toén hai unha escola que funciona regularmente, así como a de Boqueixón ou a de Ponte Castelo, en Vigo, e que todas eas xorden de que incialmente participaron nestes torneos entre escolas. Menciona tamén o caso do colexio de Urdilde, que despois de probar o primeiro ano, xa repite e demanda que se vaia á escola para que os nenos sigan participando. "Os torneos están enfocados a nivel competitivo e tamén de convivencia, xa que mozos e mozas dun centro pasan unha xornada cos de outro e incluso fan o terceiro tempo, que favorece a participación", expón.
O caso da escola de Boqueixón é significativo. "É unha das Gaélico Escolas máis consolidadas, que vén de gañar o Campionato Galego e fai par de semanas quedou subcampioa de Europa", resalta. Foi en Vigo onde se organizou este torneo Europeo infantil e cadete no que participaron diferentes escolas de Galicia e o equipo de Boqueixón conseguiu chegar á final. Porén, perdeu contra o equipo de Bruxelas, pero isto non quita mérito. "É unha escola que constitúe un dos mellores exemplos de como, a raíz de comezar con unidades didácticas, chegou a competir en Berlín o ano pasado, e este ano participaron no Europeo", comenta. Desta maneira, se xeran dinámicas de avance i é algo que xa se ve noutras localidades. Precisamente, o Galicia Confidencial desprazouse ata O Forte, en Boqueixón, para coñecer a estes rapaces e rapazas durante un adestramento. Así foi a cousa!
"ATOPAMOS MOITO INTERESE"
O proxecto das Gaélico Escolas non ten máis ca dous ou tres anos de vida e continúa en fase de crecemento. Nun inicio segundo conta o director, comezouse con torneos locais e, a partir de aí, a un galego e os mellores galegos participan no Europeo. Agora aprecian que cada ano teñen máis escolas interesadas, entón é posible que este ano se reorganice é sexa torneo local, despois provincial, a nivel galego e a nivel europeo. "Isto vai evolucionando sobre a marcha, temos un plan a un par de anos vistas, pero adaptámonos á demanda", confesa e indica que no resto do Estado non van tan evolucionados, como si noutros puntos de Europa como Francia, Alemaña ou os Países Baixos, onde hai proxectos similares.
O principal das Escolas e do que organizan é que participen e o pasen ben, polo que adaptan ou modifican diferentes normas. Alexandre fai mención especial ao auxe que ten o fútbol gaélico a nivel feminino: "Ao pensar noutros deportes como pode ser o fútbol convencional ou o baloncesto, acontece que ao facer deportes mixtos elas, non todas, non acaban de ser moi participativas. Porén, no fútbol gaélico vemos que é máis paritario e notamos que participan nun nivel maior ca noutros deportes". Precisamente, é a Selección Galega feminina á referencia, que nos últimos anos veñen de gañar un Europeo ou quedar terceiras no Mundial. "Aquí a mocidade ten o mellor referente que se poida ter, moi próximo, a Selección Galega", conclúe.
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O deputado do PP Pablo Prieto renuncia ao escano no Parlamento para presidir a Federación Galega de Fútbol
- O Goberno confirma eleccións á RFEF se "se ratifica" a condena a Louzán por prevaricación
- Vía libre para a cidade deportiva do Celta en Mos tras un acordo histórico entre clube e comuneiros de Tameia
- Máis do 50 % do alumnado deixa de realizar actividade físico-deportiva na ESO, que está acontecendo?
- Rey Varela insta ao máximo accionista do Racing de Ferrol a reconsiderar a construción da cidade deportiva fóra da urbe
- Así foi o abandono do motorista Edu Iglesias no rally máis duro do mundo