Por Europa Press / Redacción | Santiago | 30/05/2024 | Actualizada ás 17:39
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que quere iniciar en xuño unha rolda de contactos cos presidentes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e das catro deputacións provinciais, pero tamén cos rexedores de Vigo, Abel Caballero, e Lugo, Paula Alvarellos.
De feito, á carta remitida por Caballero na que expuña manter un encontro no que tratar asuntos "pendentes" da Xunta na cidade, Rueda respondeu cunha oferta de dúas datas posibles --25 e 26 de xuño-- para a reunión, para a que sitúa como sede a delegación territorial do Goberno galego en Vigo.
Fontes de Presidencia da Xunta consultadas por Europa Press limitaron os encontros con alcaldes por agora aos rexedores de Vigo --que non acudiu ás anteriores roldas de encontros e agora si manifesta o seu interese en facelo-- e Lugo --tras asumir o cargo unha nova alcaldesa, sempre que así o solicite--.
As fontes consultadas inciden en que o resto de rexedores reuníronse con Rueda "hai menos dun ano", aínda que, por exemplo, a alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, avanzou en abril que a súa intención era pedir ao presidente galego un novo encontro para abordar cuestións como a capitalidade e a vivenda protexida.
Entre tanto, o Executivo galego sostén que o obxectivo desta nova rolda que Rueda prevé activar en xuño é "manter un diálogo continuo" cos representantes das administracións locais e "coñecer de primeira man" as súas necesidades para, desta forma, "habilitar vías de colaboración institucional que vaian en beneficio dos cidadáns".
É a terceira vez que o presidente da Xunta inicia unha rolda de contactos destas características. A primeira foi en 2022, uns meses despois de asumir o cargo, cando se reuniu cos alcaldes das cidades, excepto Vigo. A segunda foi en 2023, cando mantivo encontros cos alcaldes de Santiago de Compostela, Ourense, Ferrol, Pontevedra e Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.