Seguen aumentando as listas de agarda para cirurxías e consultas na sanidade galega

A área sanitaria da Coruña conta coa maior espera para cirurxía, con 81 días, e a de Lugo a menor, con 50,3. A de Santiago é a única área que consegue reducir o dato con respecto a mediados de 2023, ata os 69,1 días de demora media.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 31/05/2024 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

A área sanitaria da Coruña-Cee foi, a peche de 2023, a que contaba coa maior espera media de toda Galicia para unha cirurxía, con 81 días, practicamente unha semana máis que a mediados do mesmo ano. No lado oposto situábase a de Lugo-A Mariña-Monforte, que se consolida como a de menor demora con 50,3 días de media, aínda que tamén empeora en dous días.

Segundo cifras que publicou nas últimas horas a Consellería de Sanidade, a espera media para unha operación no Servizo Galego de Saúde (Sergas) --quitando o concerto do Hospital Povisa de Vigo-- sitúase nos 67,9 días --dous días máis que a mediados de 2023--, con 31.483 pacientes pendentes dunha intervención. Sanidade deu a coñecer as cifras de listas de espera por área, que sitúa por encima da media á da Coruña-Cee. Tamén superan o dato galego as áreas de Santiago-Barbanza pero é a única que consegue reducilo a unha demora media de 69,1 días, oito menos que a 30 de xuño de 2023; e a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 70,1 días, tres máis que seis meses atrás.

A seguinte, aínda que xa por baixo da cifra xeral do Sergas, é a de Vigo, con 64,4 días (+0,5 días), e séguelle a de Pontevedra-O Salnés con 63,6 días de espera, un aumento duns 14 con respecto ao dato do 30 de xuño. Finalmente, as que menos demora para unha cirurxía rexistraban a 31 de decembro, aínda que tamén cun empeoramento, son a de Ferrol, con 56,9 días (+8,5), e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 50,3 días (+1,9). No que respecta ao Hospital Povisa de Vigo, a espera media reduciuse en máis de cinco días, ata os 60,9 de media a peche de 2023.

ESPERA DE 73,4 DÍAS PARA CONSULTA

En canto á lista de espera para unha consulta cun especialista, a media de todo o Sergas creceu en algo máis de 10 días con respecto a xuño. Así, a peche de 2023 situouse en 73,4 días, de acordo cos mesmos datos de Sanidade. Neste caso, destaca o aumento da demora media na área de Ourense ata os 130,1 días de media para ter unha consulta externa. Séguelle a de Lugo pero a unha distancia notable, con 86,7 días de media. Así mesmo, a área de Santiago notifica 63,9 días de espera para ver a un especialista, seguida de Pontevedra (58,2 días), Ferrol (56,5), Vigo (49,8) e A Coruña (49,5).

Quirófano da sanidade pública
Quirófano da sanidade pública | Fonte: EP

CAAMAÑO PEDIU DAR "IMPORTANCIA RELATIVA ÁS LISTAS"

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, pediu dar ás listas de espera "importancia relativa", xa que, na súa opinión, o importante son "os resultados que teñen esas listas na saúde dos pacientes". En declaracións aos medios tras un acto na Consellería, o titular de Sanidade insistiu en que o seu departamento vai tentar " melloralas", pero volveu a reiterar que "o importante é como repercuten na saúde dos galegos e galegas".

"Queremos priorizar, reordenar a asistencia en función de tempos de acceso a probas diagnósticas e terapéuticas e traballar sobre iso. O importante son os resultados en saúde. Á xente impórtalle máis o resultado que realmente o tempo que espera. De nada vale facer cousas moi rápido se despois o resultado é malo", aseverou. Ademais, cuestionado sobre se vai mellorar a transparencia nas listas de espera, Gómez Caamaño reivindicou que é "un compromiso" da Consellería que dirixe.

MIR DE ÚLTIMO ANO

Por outra banda, cuestionado sobre as declaracións da ministra de Sanidade nas que sinalaba que "hai moita irregularidade" nos plans dalgunhas comunidades para cubrir ausencias de facultativos habituais dos meses de verán con residentes MIR de último ano, o responsable autonómico trasladou que falará coa ministra, pero defendeu que o plan proposto pola Xunta "é moi simple": "Os residentes seguen sendo residentes, están nos últimos meses da súa formación e son xente xa preparada". "Que diferenza hai entre un médico a 31 de agosto e a 1 de setembro? É voluntaria, que é o máis importante. É un acto de xenerosidade e, por suposto, vai estar retribuído dunha maneira diferente que o traballo que fai o residente. Non son adxuntos, son residentes supervisados por adxuntos", insistiu.

Aínda que indicou que aínda non teñen a cifra definitiva de profesionais que estarían dispostos, Gómez Caamaño afirmou que ve "bo feedback" por parte dos residentes. Tamén sobre a falta de médicos, o conselleiro recoñeceu que "hai un problema de planificación a longo prazo, que non se fixo no seu momento". "Negalo é absurdo", esgrimiu. Con todo, indicou que a porcentaxe de médicos que "se van fóra" é "pequeno". "Importamos máis que exportamos", asegurou antes de explicar que teñen que facer postos de traballo "atractivos, primalos e incentivalos", sobre todo en prazas de difícil cobertura.

BESTEIRO PIDE MÁIS FONDOS PARA REVERTER O "COLAPSO"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a espera para recibir atención "é un dos grandes problemas" da sanidade pública e pediu mais fondos para reverter o "colapso". O dirixente socialista asegurou que a situación da sanidade pública é de "declive total" debido ás políticas do PP, ao que afeou decisións como as bonificacións fiscais ás rendas máis altas que "retraen recursos", ata "2.000 millóns nos últimos anos", das arcas públicas.

Este feito, conforme sinalou, implica que "non haxa medios eficaces para tomar decisións, sobre todo para paliar esa lista de espera" que é percibida "como un dos grades problemas que ten a sanidade", especialmente "na atención primaria". Por tanto, considerou necesario "investir máis" e "gastar máis en sanidade pública", "sobre todo para pór fin a esas listas de espera que son tan longas e que, efectivamente, conducen a un colapso da sanidade pública". "Non vexo que o PP tome medidas decididas para facelo", sostivo Besteiro, que considerou que o PP "mira para outro lado en relación aos servizos públicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta