Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2024 | Actualizada ás 20:44
O Parlamento de Galicia acolleu este martes un pleno infantil como mostra de apoio á Campaña Mundial pola Educación, coa participación duns 50 estudantes galegos que alertaron sobre o perigo dos discursos de odio.
Trátase, explican nun comunicado, dunha coalición internacional integrada por ONG, sindicatos, centros escolares e diferentes movementos sociais para reivindicar os compromisos internacionais asinados polos Estados "para garantizr o acceso a unha educación publica e de calidade para todas as persoas do mundo".
O presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, que participou no acto, felicitou aos integrantes da campaña por "comprometerse na defensa dun obxectivo loable que, lamentablemente, dista moito de ser realidade".
Así, lembrou que aínda que no primeiro mundo, as necesidades educativas están "razoablemente cubertas", non ocorre o mesmo noutros países menos desenvolvidos, "onde, en moitas ocasións, ir á escola é un luxo ao alcande de tan só uns poucos".
A este respecto, espera que actos como o deste martes sirvan de "aliciente para impulsar unha educación pública universal e de calidade e, de paso, constituír un mundo máis xusto e con oportunidades para todos".
Para Santalices, a educación é "a principal, probablemente a única, panca eficaz paa o desenvolvemento económico e social, e para a mellora do benestar de calquera pobo".
A este respecto, destacou que a Galicia actual "pouco ou nada se parece á de hai 100 anos". "Este avance é consecuencia dun proceso de desenvolvemento, especialmente acelerado nas últimas décadas que se sustenta sobre dúas realidades: a consolidación da democracia e o desenvolvemento do modelo de autogoberno que Galicia exerce con especial sentidiño".
"A decidida aposta pola educación pública, universal e gratuíta, cambiou radicalmente, e sempre para mellor, o rostro desta vella Gallaecia", sinalou.
PROPOSTAS QUE VIRAN AO REDOR DA DIVERSIDADE
O pleno infantil arrincou coa intervención de representantes da campaña como son Mónica Viqueira Martínez; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Tamén participou alumnado do CEIP Plurilingüe Vendas da Barreira (Riós); Víctor Sáenz (Mazaricos); Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero), Plurilingüe a Inmaculada (Maristas, Lugo); representantes de Estudantes pola Inclusión, alumnado do grao de Pedagoxía da USC e un deputado de cada un dos grupos parlamentarios da Cámara.
Os estudantes expuxeron unha serie de demandas como a necesidade de habilitar nos centros educativos, programas de concienciación e sensibilización fronte á diversidade.
Tamén propuxeron a creación de escolas de pais e nais, así como a formación do profesorado e a puestra en marcha de equipos de mediación. Así mesmo, puxeron o foco na importancia da formación para un uso "responsable e seguro" das redes sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.