Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2024 | Actualizada ás 14:59
Galicia rexistrou un aumento do 57% no número de doantes de órganos e do 32% nos transplantes durante o primeiros cinco meses do ano, segundo informa o Sergas. Con motivo da conmemoración esta semana do Día Nacional do Doante de Órganos e do Día Mundial do Paciente Transplantado, a Xunta celebra as cifras conseguidas.
Tanto a Consellería de Sanidade como a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) remarcan "a excelente evolución experimentada en Galicia polos programas de captación de donadores e de actividade de transplante".
Ata finais de maio realizáronse en Galicia un total de 186 transplantes de órganos, cun incremento acumulado do 32% neste tipo de intervencións. O transplante de ril, no primeiros cinco meses do ano, experimentou un crecemento do 26 por cento.
No caso do fígado, o aumento foi do 61%, do 10% no caso do transplante de corazón e do 25% nos transplantes de pulmón. O Sergas destaca a cifra de 66 donadores de órganos a data de 31 de maio xa que supón un crecemento do 57% con respecto aos 42 rexistrados no mesmo período do ano 2023.
Desde o inicio do programa de transplantes, ata a actualidade, en Galicia rexistráronse preto de 3.500 doazóns de órganos. Desde a Coordinación Autonómica de Transplantes de Galicia destácase "unha evidente tendencia ao descenso da resposta de negativas familiares á doazón de órganos nos últimos anos". O pasado ano rexistrouse un índice de negativa do 15,5%, tres puntos menos que no exercicio precedente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.