Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2024 | Actualizada ás 18:51
As estacións de Ourense, Pontevedra e Vigo-Guixar contan xa cun aparcadoiro seguro para bicicletas e patinetes, unha iniciativa coa que Adif e Adif Alta Velocidade queren ingresos extras tras prohibir o transporte de patinetes eléctricos nos seus trens.
O novo aparcadoiro responde ao modelo Bicihangar Rocket -deseñado, desenvolvido e fabricado por Don Cicleto-, que está preparado para un uso intensivo e, ademais, protexe ás bicicletas de condicións climatolóxicas adversas, roubos e vandalismo. Ou iso é o que di Renfe que aclara que, obviamente, este servizo terá un custe.
O sistema de tarifas dos aparcadoiros, que están operativos as 24 horas do día, 365 días ao ano, está adaptado a distintos perfís de usuario e a todo tipo de necesidades. Por exemplo, o tramo de ata 12 horas ten un prezo de 1,80 euros (0,15 euros/hora). Pero se se quere alugar un día o prezo será de 3,60 euros e un mes será de 108 euros.
APARCADOIRO PECHADO QUE CONVIVIRÁ CON MENOS PRAZAS GRATUÍTAS
O aparcadoiro, tipo modular, pechado e cuberto, ten capacidade para seis bicicletas e un baixo impacto visual. O modelo é sustentable e autónomo energéticamente e aliméntase con electricidade xerada por instalacións solares fotovoltaicas, que carga as baterías, informa Adif.
Xunto a este aparcadoiro, instaláronse catro unidades de aparcamento gratuito pero xa ao aire libre e sen seguridade. En función do comportamento da demanda, está previsto aumentar a capacidade das instalacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.