Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2024 | Actualizada ás 14:32
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) do Servizo Galego de Saúde (Sergas) desenvolverá este verán a campaña 'Somos Olímpicos', coa que regalará camisetas a todos os cidadáns que se acheguen a doar sangue ás unidades móbiles que viaxarán por máis dunha vintena de municipios en Galicia.
Así o explicou este xoves o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na presentación desta iniciativa na contorna da sede administrativa do Sergas, no barrio compostelán de San Lázaro. Esta campaña especial arrincará este mesmo venres, Día Mundial do Doante, na Praza de María Pita, na Coruña.
Gómez Caamaño aproveitou o acto para facer a que foi a súa primeira doazón, para "dar exemplo". "O meu pai foi sempre doante e hoxe vaise a levar unha alegría", confesou. Ademais, o conselleiro destacou a "solidariedade" dos galegos nesta materia e deu o dato de que, desde 1993, foron xa "máis de 3 millóns" as achegas realizadas.
"Somos os quintos no ranking español, por encima da media", dixo, para augurar que Galicia chegará a ser a primeira dado o ritmo de crecemento do 1,5 % rexistrado o ano pasado. O conselleiro de Sanidade lembrou que o Sergas precisa entre 400 e 500 achegas ao día, polo que espera que a campaña 'Somos Olímpicos', que coincidirá cos Xogos de París, teña "moito éxito" entre a poboación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.