A débeda de Galicia sitúase en 12.397 millóns no primeiro trimestre, segunda maior cifra histórica

Facenda xustifica a alza respecto ao peche de 2023 pola falta de actualización das entregas a conta do Goberno.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/06/2024 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A débeda de Galicia sitúase en 12.397 millóns de euros no primeiro trimestre de 2024, o que supón a segunda maior cifra na serie histórica, segundo os datos publicados polo Banco de España este venres. Este dato supón un incremento de 227 millóns fronte aos 12.170 millóns cos que pechou 2023, aínda que está por baixo dos 12.608 millóns do primeiro trimestre de 2023, maior cifra histórica.

No tocante á débeda respecto ao PIB está no 16,2% no primeiro trimestre de 2024, unha décima máis que o 16,1% co que concluíu 2023. Na comparativa interanual, hai un descenso de máis dun punto respecto ao 17,6% que se computaba no primeiro trimestre de 2023. Pola súa banda, a débeda das comunidades autónomas creceu no país ata os 329.000 millóns de euros entre xaneiro e marzo, o 22,2% do PIB, cun aumento interanual do 2%.

COMPARATIVA POR COMUNIDADES

Na comparativa por comunidades, Galicia ocupa o sétimo lugar por volume total, por detrás de: Cataluña (87.253 millóns), Comunidade Valenciana (57.676 millóns), Comunidade de Madrid (38.358 millóns), Andalucía (38.302 millóns), Castela-A Mancha (16.163 millóns) e Castela e León (13.833 millóns). Así mesmo, é a duodécima comunidade (sexta pola cola) con menor débeda por PIB, coa Comunidade Valenciana co peor cociente (41,5%).

FALTA DE ENTREGAS A CONTA

Pola súa banda, a Consellería de Facenda destaca que Galicia reduciu a súa débeda en 211 millóns no último ano, cun descenso de 1,4 puntos. A Xunta subliña que é a cuarta autonomía de réxime común con menor débeda respecto de PIB.

Ademais, xustifica como "puntual" o aumento do 1,9% intertrimestral no endebedamento do primeiro trimestre de 2024 e indica que está "provocado pola falta de actualización por parte do Goberno central das entregas a conta do sistema de financiamento autonómico". Sinala que se empregou para "garantir a liquidez e compensar os prexuízos" desta situación ao non ser achegado a comezos de 2024. Precisamente, esta mesma semana o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, demandou ao Goberno central que actualice, "dunha vez por todas, as entregas a conta para este exercicio", xa que "ten un prexuízo de dous millóns de euros ao día para Galicia, polo que se acumulan xa 300 millóns de euros" no que vai de ano. Apunta que isto provoca "o consecuente gasto en intereses de catro millóns de euros". Mentres, a débeda por habitante sitúase na comunidade galega en 4.582 euros, 2.209 euros menos que a media de comunidades de 6.790 euros.

O edificio administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela, iluminado de cor verde con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras / XUNTA - Arquivo / Europa Press
O edificio administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela, iluminado de cor verde con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras / XUNTA - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta