Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2024 | Actualizada ás 13:39
A Xunta acaba de dar un paso máis para impulsar o novo proxecto mineiro que Cobre San Rafael quere facer na mina que ten entre os concellos de O Pino e Touro. Por iso, no Consello da Xunta deste luns aprobaron conceder o estatus de proxecto estratéxico ao plan que esta empresa ten para os terreos da antiga mina.
Iso significa darlle unha nova vida a un proxecto que levaba anos durmindo nunha gabeta tras numerosas mobilizacións o que obrigou a paralizar autorizacións anteriores. Pero, agora, a Xunta, como xa fixo co proxecto de Altri en Palas, insiste nos investimentos e postos de traballo como argumentación. "Implicará o investimento de 200 millóns e 400 postos de traballo", asegurou este luns o presidente da Xunta.
O proxecto vaise realizar nos terreos sobre os que Cobres Rafael ten licenza desde o ano 1958 co obxectivo de extraer, sobre todo, cobre. Rueda destacou que non só se trata de explotar unha nova mina, senón que a empresa terá que restaurar as antigas zonas mineiras. "O obxectivo é facer unha minaría sostible",indicou para defender que o proxecto recolle tamén instalacións fotovoltaicas e unha planta de reciclaxe dos puríns da zona.
Con este proxecto industrial son xa oito as iniciativas empresariais declaradas como estratéxicas pola Xunta entre elas, a de Altri.
PONTÓN VE UN "MODELO CADUCADO, DO SÉCULO XIX"
Ante este anuncio, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a actuación da Xunta en relación aos proxectos da mina de Touro e de Altri evidencian que "o PP traballa para as multinacionais" que queren "depredar o territorio". Para a líder dos nacionalistas galegos, estes dous temas deixan en evidencia a un Partido Popular que "está a defender o interese das súas empresas amigas" en lugar de defender o interese xeral.
"E estao facendo, ademais, cun modelo caducado, do século XIX, que quere pór en marcha a contaminación e as agresións ao territorio", afirmou. Pontón asegurou que lle preocupa "moitísimo" que a Xunta queira utilizar a figura dos plans estratéxicos para "coar pola porta de atrás" proxectos que "son moi agresivos e que teñen un impacto grave no medio ambiente".
"Porque se non nos chegaba con Altri e coa agresión que pode significar para o río Ulla, agora vemos como a Xunta quere retomar ese proxecto da mina de Touro, que significa máis agresións ao río Ulla e pór en risco toda a produción marisqueira na ría de Arousa", sostivo. A portavoz nacional do Bloque incidiu en que se trata dun "auténtico disparate" da Xunta. "Se ela non frea, vaina a frear a cidadanía", subliñou.
PRODUCIÓN DE COBRE SUSTENTABLE
Tras facerse pública a declaración de pé, Cobre San Rafael emitiu un comunicado no que sinalou que este será o "primeiro proxecto de produción de cobre sustentable galego" e que se fará "cumprindo con toda a normativa comunitaria e nacional, xunto cos esixentes requirimentos da Xunta" para converterse en "un referente en minaría sustentable" a nivel europeo.
A empresa, como indica a normativa da Xunta, lembrou que a consideración de pé "non reduce a esixencia da tramitación nin as garantías que teñen que achegar as empresas a hora de realizar os trámites técnicos e administrativos, incluíndo a exposición pública do proxecto". Para Alberto Lavandeira, CEO de Atalaia Mining, trátase de "unha gran noticia" que a Administración galega, "despois de estudar o proxecto de forma profunda e rigorosa", determinara que "cumpre cos requisitos legais" desta opción.
OPOSICIÓN DOS ECOLOXISTAS
Esta declaración prodúcese de forma paralela á oposición ao proxecto de distintos colectivos ecoloxistas, veciñais e sindicais, que hai xusto unha semana expresaban o seu rexeitamento á nova formulación do proxecto de Cobre San Rafael. O anterior proxecto de reapertura da mina, de 2020, foi rexeitado pola Xunta baseándose na afectación a oito cursos fluviais, así como unha posible incidencia nos animais --dunha zona de especial protección agraria--, unido a "un risco moi elevado" para as poboacións e o medio ambiente en caso de catástrofe.
O pasado luns, máis dun centenar de colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar e sindicais emitiron un comunicado rexeitando este novo proxecto de explotación, presentado en xaneiro deste ano, asegurando que se trata "dunha copia barata do tombado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsibles impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.