O PPdeG activia a comisión para abordar a proposta de Galicia de financiamento autonómico no Parlamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2024 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia reactivou a comisión de estudo posta en marcha en novembro de 2021 para abordar a proposta de Galicia no novo modelo de financiamento autonómico. O seu labor centrarase na elaboración dun ditame tras as comparecencias dos expertos que tiveron lugar a pasada lexislatura e tras analizar a documentación presentada. Entre outros, neste órgano citouse a economistas como Santiago Lago, María Cadaval, Xoaquín Fernández Leiceaga e a exconselleira Elena Muñoz e o actual titular de Facenda, Miguel Corgos.

Na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces, a viceportavoz parlamentaria e secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, informou de que a Mesa da Cámara aceptou a solicitude do seu grupo para reactivar este órgano. Segundo detallou, o seguinte paso será a convocatoria para a constitución deste órgano para que, posteriormente, poidan aprobarse as normas de funcionamento e o plan de traballo.

Paula Prado cualificou de "paradoxal" que o BNG pida "ambición" nesta comisión de estudo sobre o financiamento á vez que "insiste en defender unha cota para Galicia nunha negociación bilateral co goberno". "Non hai máis cego que o que non quere ver", dixo Paula Prado, que sostivo que "a práctica totalidade dos expertos que compareceron nesta comisión", "fóra dunha única persoa proposta polos nacionalistas", incidiu "no prexudicial que sería para Galicia a extensión dunha cota foral ou a cesión de máis porcentaxe de impostos sobre a renda ás comunidades autónomas".

Fronte a iso, a parlamentaria popular subliñou que a Xunta de Galicia e o Partido Popular seguirán defendendo unha negociación multilateral xusta e equitativa do financiamento autonómico, de forma que se atendan ás necesidades específicas da poboación para que se poida atender a prestación de servizos públicos en igualdade de condicións para todos os españois.

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG e secretaria xeral da formación, Paula Prado, informa da reactivación da comisión para abordar a proposta de financiamento tras a Xunta de Portavoces. PPDEG
A viceportavoz parlamentaria do PPdeG e secretaria xeral da formación, Paula Prado, informa da reactivación da comisión para abordar a proposta de financiamento tras a Xunta de Portavoces. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta