Concentración para esixir á Xunta que licite os contratos de transporte sanitario non urxente

A Consellería de Sanidade avanzou que licitará os contratos de transporte sanitario non urxente "no prazo máis breve de tempo posible".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/07/2024 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

CIG, UGT, CC.OO. e USO convocaron unha concentración para o 10 de xullo ante a Consellería de Sanidade para esixir que licite os contratos de transporte sanitario non urxente. Así o anunciaron este xoves nunha rolda de prensa celebrada na sede da CIG onde denunciaron a situación dos contratos das ambulancias do 061 e, explicaron que, "están sen licitar de novo" os contratos dos non urxente. "Sacouse hai un mes a licitación, pero quedaron todos desertos porque a Xunta non puxo o diñeiro suficiente como para que a ningún empresario lle 8nterese facer ese servizo", esgrimiron.

Imaxe dunha ambulancia pintada.. CIG, CC.OO. E USO
Imaxe dunha ambulancia pintada.. CIG, CC.OO. E USO

"ISO ESTÁ PARADO"

Por tanto, iso "está parado" e os sindicatos "non teñen ningunha información". Ademais, lamentaron que "o compromiso da Xunta era sacalos en outubro" do pasado ano. Que estes contratos non se liciten, engadiron, teñen unha "transcendencia no sector" porque hai unha paga que "non se cobra" ata que estea aprobada a adxudicación. Por todo iso, avisaron que "en función da resposta da Xunta" barallarán se realizan outras accións reivindicativas.

A RESPOSTA DA XUNTA

A Consellería de Sanidade avanzou que licitará os contratos de transporte sanitario non urxente "no prazo máis breve de tempo posible", en todo caso, "neste mesmo mes de xullo". Tal e como detallou a Xunta, nas últimas reunións mantidas cos sindicatos, a Consellería trasladoulle que estaba a ultimar as tramitacións para poder licitalos. "Mentres non se adxudiquen os novos contratos, os que están vixentes agora teñen a posibilidade de prórroga ordinaria prevista, co obxecto de garantir á cidadanía este servizo público esencial", incidiu.

Os contratos licitados incluirán as melloras das condicións económicas establecidas no V Convenio colectivo galego de transporte sanitario que recolle as actualizacións dos salarios e a dedución horaria de oito horas en 2024 e outras 16 horas en 2025. Ademais, continuou a Consellería, contemplarán un aumento das dietas, do plus de transporte e das retribucións de festivos e días especiais, entre outros incentivos.

Tamén establecerán a obrigatoriedade do cumprimento do convenio colectivo galego de transporte sanitario, así como ofrecer aos traballadores un emprego estable e de calidade, protexelos fronte aos accidentes e riscos laborais e asegurar todas as mediadas de protección e prevención.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta