Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 17/07/2024 | Actualizada ás 09:00
Conta atrás para o SilFest, un festival que ten o seu epicentro na Praia Fluvial do Barco de Valdeorras e que se caracteriza, ademais de polo seu coidado cartel de concertos, por formularse como unha alternativa aos ‘macrofestivais’ que abondan estes meses de verán. Neste senso, contémplase tamén como romaría, entendida esta como encontro familiar, de amigos e amigas para gozar da música, da gastronomía, do viño e doutros praceres compartidos como actividades infantís, acuáticas ou xogos populares.
PROGRAMACIÓN
Aínda que o SilFest ten a súa zona principal de concertos e romaría na beira do Sil, acollerá algunhas actividades no núcleo urbano. A Praza Maior será escenario este mércores 17 ás 22:30 h. da actividade ‘Ó son do Cine no SilFest’, e o xoves 18 ás 23:00 h. do concerto do grupo ‘Futuro Alcalde’.
O venres 19, entre as 18:45 e as 20:00 h., no Casco Vello e no Espazo Florencio haberá regueifas e unha cata respectivamente. E o sábado 20, ás 12:00 e ás 16:00h. dúas catas no Recuncho Valdeorras e un Showcooking no Espazo Florencio entre as 13:00 e as 14:00 h.
O Sábado 20, concerto en sesión vermú a cargo de El Patio de Leni e actuación do grupo tradicional Macizas Centrais na zona de restauración a partir das 15:00 h. E xa pola tarde, actividade de Kaiak polo Sil e máis catas, ás 16 e ás 17:00 h. no Recuncho Valdeorras e o Espazo Florencio.
CONCERTOS
Na contorna da Praia Fluvial, o venres 19 actuarán entre as 20:00 e as 4:00 h. Hawkins DJs, Catuxa Salom, Cala Vento, La Habitación Roja, Terbutalina e outra vez Hawkins DJS para pechar.
O sábado 20, ás 18:30 h. concerto de Zabriskie no Paseo do Malecón, e entre as 20:15 e as 4:00 h. pasarán polo escenario ‘Vibra Mahou’: Mrs Fnie, Las Odio, Carlos Ares, Sôber + Savia + Skizoo, Parquesvr e Dani Argü DJ.
MINISILFEST
Velaquí unha das características tamén deste festival, o seu coidado programa para a cativada. Os días 19 e 20 teñen unha chea de posibilidades para pasalo ben en compañía da familia.
Na súa zona propia, coñecida como ‘Zona Mini SilFest’, haberá unha actividade relacionada cos murais, faráselle aos pequenos e pequenas unha visita comentada aos ‘Backstage’, e gozarase da música e dos xogos populares na compañía de ‘Cé Orquestra Pantasma’.
Para o sábado 20, con actividades entre as 11:30 e as 23:30 h. na Zona Mini SilFest e outras ubicacións da vila, haberá obradoiros para dar a coñecer aos pequenos/as da casa detalles da organización dun concerto –instrumentos, probas de son, etc--, xogos de auga, espectáculo e obradoiro de malabares, navegación en Kaiaks, maquillaxe festivaleiro, busca do tesouro e cine ao aire libre coa película ‘La Sirenita’ ás 22:30 h.
ENTRADAS
Abono SilFest a partir de 13 anos: 42 euros (carné xoven 36 euros). Prezo en taquilla: 50 euros. Entrada por un día: 30 euros anticipada (36 euros en taquilla).
MiniSilfest (de 3 a 12 anos): 10 euros e de 0 a 3 año entrada de balde.
Todas as opcións dispoñibles a través da páxina web do festival.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.