Policía Nacional: que hai detrás das patrullas e dos uniformes?

Os e as axentes da Policía Nacional veñen reclamando desde hai tempo subas salariais, reforzo de persoal e mellores condicións de seguridade no seu traballo. Reclaman reforzar a figura de autoridade que ven cuestionada nos últimos anos do mesmo xeito que ven cuestionado o seu traballo cando senten cuestionado o seu traballo e a súa figura coa creación de novas leis de seguridade. Finalmente, reclaman equiparación salarial coas policías autonómicas vasca e catalana coas que hai importantes diferenzas nas respectivas nóminas

Por Moncho Mariño | Santiago | 31/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As reclamacións dos axentes do Cuerpo Nacional de Policía (tamén Policía Nacional) pasan, primeiro de todo, por unha equiparación salarial coa Ertzaintza vasca ou os Mossos d´Esquadra cataláns. “Igual traballo, igual salario” sinalan portavoces dos sindicatos policiais. Outra queixa é o aumento de agresións físicas a axentes de policía durante horas de servizo e en diferentes contextos. Diante disto, os axentes din sentirse desprotexidos e ver minguado o seu principio de autoridade. Respecto do material que usan os axentes, existen queixas sobre a falta de elementos disuasorios, necesidade de melloras no uniforme, falta de chaleco antibalas e inseguridade ante a presenza de armamento de guerra na rúa. En relación a isto, reclaman ser recoñecidos como “profesión de risco” petición que comparten con outros corpos policiais. A día de hoxe, a xubilación está nos 65 anos non podendo retirarse antes segundo fontes sindicais, mais a cantidade monetaria que recibien é moi baixa con respecto ao salario recibido. Doutra banda están as reclamacións para que o corpo teña equipos directivos profesionais segundo os principios de mérito, antigüidade e capacidade, a día de hoxe a maioría de mandos a niveis ministerial son de libre designación.

Imaxe de recurso dun axente da Policía Nacional
Imaxe de recurso dun axente da Policía Nacional | Fonte: POLICÍA NACIONAL - Arquivo

SALARIOS E XUBILACIÓN
O salario dentro da Policía Nacional está entre os 1.800 e 2.100 euros na escala básica. A este salario engadiríanse complementos por formar parte de unidades como UIP (Unidade de Intervención Policial, 'antidisturbios'), GEO, GOES (Grupos Operativos Especiales de Seguridad) e outros corpos da Policía Nacional. “Actualmente somos a policía con máis competencias en seguridade e somos a que menos cobra, de media podemos cobrar 500 euros menos que axentes de policías autonómicas” di Agustín Vigo da Confederación Española de Policía (CEP).

Comparando salarios “un Mosso d'Esquadra cobra entre os 2.700 e os 2.800 euros a fin de mes, así pode haber unha diferenza de 1.000 euros con respecto a un policía nacional” di Alfredo Perdiguero do sindicato ASIPOL (Alternativa Sindical de Policía). “O actual Goberno apoiou a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para levar ao Congreso a equiparación salarial e agora queda crear unha auditoría que certifique canto queda de incremento para a igualdade en soldos”.

Co último goberno do PP chegouse a un acordo para subir salarios, algo que foi paulatino durante os últimos anos mais aínda non chegamos á equiparación real” di Marcos Franco do Sindicato Unificado de Policía (SUP). “É difícil chegar ao punto ideal porque os gobernos vasco e catalán buscarán estar uns puntos por diante, por iso cremos necesario un marco legal sobre salarios a nivel nacional”.

En canto ás xubilacións, os policías nacionais poden recibir unhas pensións moito máis baixas que o salario. “Un policía nacional pode retirarse aos 65 anos cobrando unha pensión de 1.600 euros, perdendo entre 600 e 700 euros mensuais” di Marcos Franco. Por que esa perda de poder adquisitivo tan importante? Polo sistema de cotización que tivo a Policía Nacional até 2011. “O PP levou unha proposta de lei ao Senado e logo ao Congreso cunha proposta de mellora na xubilación dos policías nacionais en base á súa cotización á Seguridade Social e iso só o fan os e as axentes que entraron no corpo a partir de 2011”.

Policía Nacional
Policía Nacional | Fonte: POLICÍA NACIONAL - Arquivo

Que pasaba antes de 2011? Os axentes da Policía Nacional estiveron cotizando durante décadas como 'clase pasiva'. “A figura de clase pasiva creouse para a cotización de políticos, funcionarios das Cortes e outros corpos, era un réxime especial que pagaba menos á Seguridade Social no momento de cotizar” sinala o membro do SUP. A cotización faise por un baremo de grupos funcionariais e non polo reflectido na nómina. Actualmente algo máis do 60% dos e das axentes da Policía Nacional cotizan como clase pasiva.

SITUACIÓN ACTUAL
“En 2023 sobre 12.300 axentes foron agredidos fisicamente en toda España” di Alfredo Perdiguero. “Sentímonos desprotexidos xudicialmente e o que vemos peor, tampouco somos considerados profesión de risco”. Perdiguero apunta que “agredir un axente de policía sae barato”. Un policía nacional que sofre unha agresión física, mesmo verbal, presentará unha denuncia por atentado contra a autoridade. Unha vez no xulgado “e aínda que é unha agresión que leva pena de cadea” a maioría das veces o xuíz resolve cunha sanción que pode ir entre os 50 e 70 euros. “Unha sanción de 50 euros pon en cuestión o principio de autoridade” sinala Marcos Franco.

Sobre a cuestión do material, o primeiro que destaca é que “os coches patrullas son vehículos de renting adaptados ás funcións de policía aínda que algúns, como os eléctricos, non son moi funcionais” di Agustín Vigo. “O sistema de renting permite a substitución máis rápida dun vehículo avariado porque é a empresa que renta a responsable da súa reparación”.

“O lóxico sería un chaleco antibalas por cada axente, actualmente hai que compartir este material, logo en España hai 1000 pistolas taser (eléctricas) que deben compartirse tamén entre diferentes unidades” apunta Perdiguero. “Sobre o armamento as cousas son moi mellorables porque as pistolas que temos son as máis baratas que teñen os fabricantes e tampouco son as máis modernas” declara Agustín Vigo. “Todo este material vai a concurso público e sendo así vaise ao máis barato” remarca Marcos Franco.

Anque os policías si poden sindicarse (en formacións propias, non en sindicatos de clase) non teñen dereito á folga mais si á concentración e á protesta. Por outra banda, está a división competencial entre as diferentes forzas que nalgúns momentos poden quedar solapadas, isto ralentiza os traballos de investigación. “Pode suceder entre a policía adscrita á Xunta de Galicia e o SEPRONA (Garda Civil) cando investigan as causas dun lume forestal”. A dualidade en seguridade pública en España (Garda Civil-Policía Nacional) “é unha reminiscencia do pasado, cando os corpos policiais estaban militarizados e despois apareceron corpos civís” indica Agustín Vigo. O ideal sería ter un único corpo e de existir dous ou máis “que as competencias estivesen moi ben delimitadas”.

Actualmente en España hai 73.000 policías nacionais dos que case 3.400 están destinados en Galicia. “Falta persoal, a última convocatoria oferta 2.000 prazas para escala básica, e ese é o número de axentes que se xubila cada ano” di Marcos Franco. “Hai corenta años o número de persoas que podía entrar cada ano eran 5000. No caso da Coruña enviarán 20 novos axentes, realmente necesitariamos 200”.

Actualmente a Policía Nacional en Galicia está presente nas sete grandes cidades máis outras comisarías como Vilagarcía, Ribeira, Monforte ou Viveiro. O número de habitantes para que unha poboación teña una comisaría de Policía Nacional sería de 45.000 persoas para arriba, aínda que en moitas ocasións este baremo non se cumpre. Outras veces o número de axentes é inferior ao necesario e é suplido pola Garda Civil ou polas policías locais. En tal caso, nestes momentos, o mesmo que noutras parte do Estado, as reivindicacións son melloras salariais, aumento de persoal e mellora material.

Policía Nacional de Vigo POLICÍA NACIONAL
Policía Nacional de Vigo POLICÍA NACIONAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta