Finalistas do XXI Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego: Diego Ameixeiras, Xavier Lama e Antía Yáñez

Un total de 27 artigos presentáronse a este premio, dotado con 10 000 euros

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2024 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Diego Ameixeiras, Xavier Lama e Antía Yáñez son os autores dos artigos finalistas do XXI Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, segundo deu este mércores a coñecer o xurado.

Un total de 27 artigos presentáronse a este premio, dotado con 10 000 euros. O xurado estivo integrado por Víctor Freixanes, Carlos Vale, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Mar Mato.

Na súa resolución, o xurado seleccionou como finalistas a Diego Ameixeiras Novelle por 'A metade do inverno vai fóra', publicado en La Voz de Galicia o día 10 de febreiro de 2023; Xavier Lama, por 'Unha casa con alma de inverno', en Mundiario, o día 28 de decembro de 2023; e Antía Yáñez Rodríguez, por 'Medrar', en Luzes, o 15 de marzo de 2023.

Na rolda de prensa celebrada este mércores en Pontevedra, Víctor Freixanes destacou "a calidade literaria admirable de todos os traballos presentados", así como a "enorme riqueza temática" reflectida nos seus artigos que abarcan "desde cuestións da máis absoluta actualidade, ata textos ao redor das raíces culturais e históricas de Galicia".

Freixanes tamén sinalou que "o feito de presentarse a este premio é un acto de humildade, e por isto mesmo todas as candidaturas merecen un profundo respecto".

Pola súa banda, a coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores subliñou "o papel esencial que o xornalismo desempeña e que require grandes esforzos e revélallenos imprescindible".

Ao Premio Fernández del Riego podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autoría que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en lingua galega.

Entre os gañadores deste galardón están: Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns, Francisco Castro, gañadora da última edición.

Francisco Fernández del Riego. RAG
Francisco Fernández del Riego. RAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta