Por E.P. | OURENSE | 18/07/2024 | Actualizada ás 19:29
O Bloque Nacionalista Galego do Concello de Pereiro de Aguiar rexistrou na delegacion ourensá da Xunta centos de firmas reclamando melloras no centro de saúde do municipio.
Os nacionalistas explicaron que as instalacións se estrearon en decembro do 2020, cun investimento superior a un millón de euros, o que supuspo unha ampliación das anteriores ata unha superficie de máis de 682 metros cadrados. A pesar diso, criticaron, "non hai un incremento da carteira dos servizos sanitarios que recibe a poboación".
Pon o foco especialmente na ausencia de atención pediátrica, aludindo a que son un concello que aumenta a súa poboación ano a ano. "Somos o único concello da provincia con máis de 6.000 habitantes sen este servizo", manifestou o portavoz municipal da formación, Rubén García, expondo que a situación fai que máis de 800 nenas e nenos teñan que desprazarse ata o centro de saúde Valle Inclán, na cidade de Ourense.
"Para evitar o despoboamento do rural e fixar poboación no mesmo hai que garantir servizos desde as administracións públicas", reprochou García.
O portavoz municipal estivo acompañado do deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabares, quen lembrou que non é a primeira vez que se reclaman melloras, porque xa no 2021 desde o BNG "denunciouse que a renovación non estaba aparellada a unha substancial mellora na atención sanitaria", lamentado a ausencia de servizos como pediatría, fisioterapia ou odontoloxía.
"Co inicio da nova lexislatura volvemos dirixirnos á Xunta de Galicia, acompañados de centos de veciños a través da súa firma", indicou Tabares, antes de sinalar que "os máis de 840 nenos", para os que demandan atención, "representan ao 14% do censo poboacional do concello de Pereiro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.