Un documento cifra en 1.500 os traballadores necesarios para traballar na eólica mariña

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, lembrou que nestes momentos hai 3.000 persoas en Galicia traballando de maneira directa neste sector, pero avanzou que se poderían alcanzar as 12.000 no próximos dez anos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2024 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O Galician Offshore Energy Group (GOE-Asime) cifrou en 1.500 o número de traballadores necesarios para o sector da eólica mariña e aplaudiu o fallo do Tribunal Supremo sobre os plans de ordenación marítima aprobados polo Goberno.

A entidade mantivo un encontro este martes no CIS da Cabana, en Ferrol, no que participaron as 53 empresas e entidades que o forman. No acto, sinalaron que a Comunidade Autónoma está "moi ben situada" no sector da eólica mariña, como "referente" non só europeo, senón tamén mundial. Cabe lembrar que do cinco parques flotantes implantados a día de hoxe no continente, tres teñen tecnoloxía galega.

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, lembrou que nestes momentos hai 3.000 persoas en Galicia traballando de maneira directa neste sector, pero avanzou que se poderían alcanzar as 12.000 no próximos dez anos "se se aproveitan as oportunidades e o noso posicionamento".

Explicou que, ademais de "exportar", débense "implantar" parques eólicos mariños nas augas galegas, sempre en convivencia coas demais actividades do espazo máritimo e desde o diálogo". "A convivencia", engadiu, "é posible, como vemos noutros países como Alemaña, Reino Unido, Países Baixos ou Dinamarca".

"Apoiamos proxectos que non teñan impactos relevantes, queremos gañar todos, que gañe Galicia, e por iso non podemos deixar pasar esta oportunidade histórica para o noso territorio", dixo antes de lembrar que "a descarbonización non é unha opción, senón unha obrigación".

Nesa liña, o secretario xeral de Asime valorou a sentenza do Tribunal Supremo que valida os Plans de Ordenación Marítima (POEM) deseñados polo Goberno central.

"O Supremo", afirmou, "constata non só que a aprobación dos POEM é correcta, senón necesaria e confirme á esixencia europea para regular os espazos marítimos".

O real decreto dos POEM contempla a posible instalación de eólicos no mar en 19 polígonos concretos nunha superficie total de case 5.000 quilómetros cadrados. Destes, máis do 40% (2.114 quilómetros cadrados) sitúase en Galicia.

GOE-Asime quixo facer tamén un "chamamento á calma e a evitar calquera tipo de alarmismo" porque, segundo indicou Mallón, "vanse analizar minuciosamente con avaliacións ambientais todos os proxectos que se presenten ás poxas públicas desas zonas. É un proceso moi rigoroso e con todas as garantías".

Por último, desde a organización volveuse a pór de manifesto que o sector necesita "1.500 novos profesionais para facer fronte aos novos parques nas nosas augas e tamén a nivel internacional".

Enerxía eólica mariña / SEO/BIRDLIFE - Arquivo
Enerxía eólica mariña / SEO/BIRDLIFE - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta