Por Galicia Confidencial | Lugo | 30/11/2015 | Actualizada ás 12:36
A muralla romana de Lugo está de aniversario. Cumpre 15 anos como Patrimonio da Humanidade e, con tal fin, se teñen organizado diversas actividades para conmemorar esta data con concertos, presentacións e actividades lúdico-festivas.
Este domingo, máis de 3.000 persoas asistiron desde as propias murallas ao lanzamento de máis de medio milleiro de farois que encheron de luz a fría noite de capital lucense. E este luns, inaugurouse o primeiro ascensor para facilitar o acceso ao adarve da Muralla romana de Lugo a persoas con problemas de mobilidade.
Neste acto estivo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e outras autoridades locais. Nel, fíxose entrega simbólica das chaves do ascensor a un representante do colectivo Auxilia, Aquilino González, dado que esta organización foi durante anos a cabeza visible da loita por esta infraestrutura.
Os actos de conmemoración do recoñecemento da Muralla como Ben Mundial continúan esta tarde. Os lucenses e visitantes poderán degustar a partir das 18:00 horas nunha carpa instalada na praza Anxo Fernández Gómez un anaco de torta xigante e solidaria, pois a ración soamente custará 20 céntimos, que serán destinados a unha asociación sen ánimo de lucro. Ás 20:00 horas, o Círculo das Artes acollerá un dobre concerto de jazz, onde actuarán Elisabet Raspall&Clara Luga e Carmen Souza&Theo Pascal.
Durante esta fin de semana, a Taberna Daniel, restaurante Antas, Curruncho A Nosa Terra, Arrocería Os Cachivaches, a parrillada Porta Santiago, o restaurante Campos e o Mesón do Alberto ofreceron menús con prezos especiais dedicados á Muralla.
Do 4 ao 8 de decembro, na carpa de Anxo Fernández Gómez haberá un concurso de fotografía sobre o monumento bimilenario. A partir de marzo do 2016, no Centro de Interpretación da Muralla estarán dispoñibles postais sobre a recuperación e posta en valor das portas da Muralla de onte e de hoxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.