O presidente da Fábrica de Armas carga contra a Xunta, o Concello e os antigos traballadores

A actual dirección de Hercules de Armamento fixo esta mañá toda unha escenificación de forza a prol da continuidade da industria. O presidente do Consello de Administración Ramón Mejuto estivo flanqueado polos 155 traballadores actuais nunha comparecencia pública ante os medios na Coruña.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/11/2015 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

O Ministerio de Defensa quitoulle o permiso temporalmente para fabricar armas. O Estado reaccionou a pasada semana así a falta de vixilancia na empresa. A concesionaria de seguridade abandonou as instalacións alegando o impago durante varios meses por parte da antiga Santa Bárbara.

Fábricas de Armas na Coruña
Fábricas de Armas na Coruña | Fonte: onemagazine.es

O tamén principal accionista pediu que "nos deixen traballar tranquilos, en paz". Entre aplausos dos operarios dixo que "non estamos a pedir nada, non pedimos subvencións".

O presidente da empresa negou que a actividade da compañía estea parada, aínda que admitiu dificultades. O empresario comprometeu que a carga de traballo estará próxima ao 80% dentro de dous meses.

O presidente da adxudicataria da antiga empresa pública lamentou que nunca tivo o apoio nin do Goberno local (nin do anterior do PP nin do actual da Marea Atlántica) nin da Xunta de Galicia. Desafiante, Mejuto reclamou un careo co antigo alcalde, o conservador Carlos Negreira.

Mejuto culpou ao anterior comité de empresa dunha "persecución despiadada". O presidente de Hércules de Armamento asegura que perdeu catro posíbeis inversores por esta suposta persecución. Con todo, informa que está a negociar con outros dous. Segundo os seus datos, agora mesmo na industria están en marcha 22 proxectos de carácter civil.

O voceiro de Hércules reclamoulle ao actual Concello que retire unha caseta do anterior comité, próxima a entrada da fábrica de armas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta