"PEC", "Y la queso, "servir coño" ou "Je m'appelle Bárbara", a linguaxe da Xeración Z

Exploramos como a Xeración Z está a transformar a comunicación coa creación de expresións virais que reflicten o seu humor e visión do mundo.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 10/08/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Xeración Z, nacida entre mediados dos 90 ata o 2010, distínguese pola súa habilidade para reinventar a linguaxe e adaptarse á era dixital. Este grupo creou unha identidade propia a través de memes e expresións virales que capturan o seu humor e forma de ver o mundo. Exploramos algunhas das frases máis icónicas da Xeración Z, cal é a súa orixe e o seu significado.

Mozos e mozas da Xeración Z
Mozos e mozas da Xeración Z | Fonte: Freepik

JE M'APPELLE BÁRBARA

Esta frase xorde dun meme viral que xoga coa tradución fonética incorrecta de frases noutros idiomas. "Je m’appelle Bárbara", que en francés significa "Chámome Bárbara", converteuse en "me la pela una barbaridad" na xerga da Xeración Z, utilizada para expresar indiferenza de maneira divertida, ou que che dan igual as consecuencias. En galego, unha expresión similar podería ser "se chove que chova", que tamén se emprega para transmitir unha actitude de indiferenza ou resignación. Outra expresión galega é "ainda que me botes os cans ó rabo, léveme o demo se deixo o nabo", que significa que non vas cambiar de opinión ou ceder. 

PEC

As iniciais PEC significan "por el culo". Tradicionalmente, a expresión tiña unha connotación negativa, como o clásico insulto “que che den polo cu”, empregado para expresar desprezo ou rexeitamento. Non obstante, a Xeración Z, sempre innovadora e disposta a transformar o significado das palabras, deulle un xiro positivo e sorprendente a esta expresión. Agora, "métomo polo cu" significa que algo é caralludo, ou sexa, algo que che gusta moito ou que consideras excelente. Este cambio de significado representa a capacidade desta xeración para apropiarse das expresións tradicionais con connotacións negativas, e reinventalas para adaptalas ao seu propio estilo de comunicación, cargado de ironía e humor. 

ESTAR NO TEU PRIME, UNHA NOVA ERA

Derivada do inglés "prime", que significa excelente ou supremo, ven a expresión "estar no teu prime" que quere dicir estar no mellor momento da túa vida, no teu punto máximo de rendemento ou felicidade. E falando de épocas da túa vida, temos as "eras", por exemplo “estar na túa Single Era”, no teu momento de solteiría. Provén de como Taylor Swift denomina as diferentes fases da súa carreira. Cada etapa defínea como unha "Era", por ejemplo, a "Lover Era". A Xeración Z adopta esta idea para describir momentos específicos das súas vidas. Frases como "Estou na miña Era de non me toques o carallo" indican estar nun período no que non se quere ser molestado. 

SER UN NPC

No mundo dos videoxogos, un NPC é un "Non Playable Character", un personaxe que non é controlado polo xogador e que adoita seguir un guion preestablecido. A Xeración Z adoptou este termo para referirse a persoas que consideran aburridas ou que non destacan en nada, sendo simplemente parte do "fondo" ou irrelevantes.

DAR CRINGE

Aínda que a palabra vén do inglés, describe a sensación de vergoña allea ou incomodidade extrema que se pode sentir ante certas accións ou comportamentos. Nós en galego xa tiñamos a palabra perfecta, noxo.

Y LA QUESO

Aínda que a frase empregouse nas redes sociais durante anos, a súa orixe exacta non se coñece con certeza. Sábese que era comunmente empregada pola comunidade LGBT+, e documéntase a súa aparición na canción “Pavonéate”, que marcou o final da tempada 3 do programa “A máis Draga”, interpretada pola drag Madison Basrey. A frase “Y la queso” é un xogo de palabras utilizado para expresar de maneira breve e divertida o concepto de “E a que soporte”. Significa "así son eu, gústeche ou non". En galego xa temos unha frase moi auténtica que reflicte isto mesmo, “ó que lle proa que rañe”.

SERVIR COÑO

A expresión "servir coño" é unha adaptación do inglés "serving cunt", que ven da cultura LGBT+ e da cultura drag e se popularizou grazas a RuPaul coa súa canción “Charisma, Uniqueness, Nerve & Talent” (C.U.N.T). Emprégase para describir a alguén que está a destacar ou lucindo incriblemente ben, exudando confianza e carisma. En galego poderíase dicir que alguén que serviu cona ou devorou, que é o seu sinónimo, "chegou e encheu".

UNHA XERACIÓN VANGARDISTA

Entender á Xeración Z implica mergullarse nun mundo onde as palabras e as expresións reinvéntanse constantemente para reflectir o seu humor, perspectivas e experiencias. Tamén se ve como a cultura LGTB está moi presente e comeza a ter unha voz potente. A Xeración Z, co seu vocabulario, mostra como está en contacto continuo con outras linguas, comprometida con romper tabús e regras, e vai sobrada de ironía e sentido do humor. Estas frases non só son unha forma de comunicación, senón tamén un testemuño da súa creatividade e capacidade para adaptarse e redefinir a linguaxe e a cultura na era dixital.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta