Por Gc Tendencias | Compostela | 02/12/2015 | Actualizada ás 10:00
A revolta Irmandiña volve estar de actualidade, aínda que, desta volta, é a través das armas da música. Os días 7 e 8 de decembro Quique Peón Cía estrea no Teatro Colón da Coruña o seu novo espectáculo: ‘O Poder de Arcabuz’, un musical que recrea esta revolución labrega que tivo lugar en Galicia na Baixa Idade Media. Trátase dun espectáculo que combina música e danza (tradicional e contemporánea) en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro.
A obra, que forma parte do programa de residencias do Teatro Colón, “é unha proposta tradicional e vangardista ao mesmo tempo”, explica Peón, “trátase dun espectáculo ambicioso, un proxecto apaixoante e arriscadísimo, con cen artistas en escena, froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e as nosas danzas”.
Quique Peón -autor, director e coreógrafo do espectáculo- utiliza a historia dos Irmandiños e o arcabuz como metáfora do poder e dos cartos. De feito, a Revolución Irmandiña foi a maior revolta europea do século XV, que foi derrotada finalmente polos nobres, que traían a primeira arma que usaba a pólvora: o arcabuz.
A compañía Quique Peón Cía. e o Grupo de Música e Baile Tradicional “Xacarandaina” xúntanse para facer unha das obras máis ambiciosas no mundo da danza galega. “O Poder do Arcabuz” fusiona distintas artes escénicas enmarcadas nun contexto netamente contemporáneo e traído aos nosos días. A obra é a descrición surrealista dunha historia, creada para a ocasión, baseada na maior revolta do século XV en Europa: A Revolta Irmandiña.
A danza e o baile tradicional galego serán o elemento principal do espectáculo, a linguaxe de cohesión de todo. Na obra amosaranse diferentes movementos e expresións de danzas, bailes, músicas, cantos e coreografías, moitas delas medievais (de espadas, de arcos, de paus, de cintas, de reis, de dongas e galáns...), empregando un amplísimo abano de movementos folclóricos que evolucionarán até os nosos días e que servirán para relatar o que se quere contar en cada momento.
Sen embargo, a danza contemporánea tamén estará presente na obra, non tanto na súa linguaxe como no seu concepto, pois é un estilo que foi creado para expresar os sentimentos e reexaminar os principios fundamentais da danza como medio de comunicación.
A música, dirixida por Pedro Lamas, será un eixo fundamental do espectáculo e fusionará a música tradicional e a culta, facéndo énfase na do medievo, creando bases contemporáneas e étnicas utilizando música instrumental, de percusión e vocal (solista e coral).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.