Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2024 | Actualizada ás 13:16
Tras as primeiras 20 axudas por importe de 147.000 euros resoltas o pasado 3 de xullo, a Fundación Deporte Galego aprobou a segunda remesa de axudas para os deportistas, técnicos e árbitros galegos que participarán nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, composta nesta ocasión por quince axudas por importe de 117.000 euros.
Estas achegas enmárcanse dentro das 'Axudas DGAN 2024' que contan cun orzamento de 600.000 euros e, de novo, cun modelo de dúas convocatorias para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tivesen o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2023 e 2024.
As 'Axudas DGAN' alcanzaron o seu máximo histórico con preto de 700.000 euros (680.940 euros) en 2023, ano no que xa se puxo en marcha a dobre convocatoria para axudar aos deportistas na súa preparación para os Xogos. Nesta ocasión, son quince novas axudas (catorce deportistas e un técnico) por importe de 117.000 euros, superando a segunda resolución dos Xogos de Toquio, cun 50 % máis de axudas e un 109 % máis de orzamento. Na primeira resolución de principios de xullo xa se superaron as cifras da primeira resolución de Toquio nun 25 % en axudas e nun 35 % en orzamento, destacou a Xunta.
Máis en detalle, Rodrigo Germade (piragüismo), Ana Peleteiro (atletismo) e Juan Atonio Saavedra (tiro paralímpico) reciben a Axuda Galicia-París 1 cun importe de 12.000 euros para os deportistas que participasen en catro ou máis edicións dos Xogos ou que conseguisen medalla. Julia Benedetti (patinaxe), Antía Jácome (piragüismo), Manuel Lorenzo (baloncesto en cadeira de rodas) e Yulenmis Aguilar (atletismo), conseguen a Axuda Galicia-París 2 cun importe de 9.000 euros para os deportistas que participasen en tres ou menos edicións sen conseguir medalla.
Antía Chamosa (atletismo), Pablo Crespo (piragüismo), Carolina García (piragüismo), Diego Domínguez (piragüismo), Araceli Menduíña (piragüismo adaptado), Juan Ferrón (natación adaptada) e Manuel Ochoa (piragüismo) benefícianse da Axuda Galicia-París 3 cun importe de 6.000 euros para aqueles deportistas que non participasen en ningunha edición dos Xogos. Por último, Daniel Costa (piragüismo) recibe a Axuda TA principal París cun importe de 3.000 euros para os técnicos e adestradores principais nos Xogos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.