Por Alberto Quian | Manchester | 10/12/2015 | Actualizada ás 08:00
Estamos en Manchester, o berce da revolución industrial e da revolución computacional, a cidade que deu acubillo a Friedrich Engels e na que, xunto con Karl Marx, comezou a redactar o Manifesto Comunista (1848) na Chetham Library; a mesma cidade onde xusto un siglo despois, en 1948, se creou a Manchester Small-Scale Experimental Machine (SSEM) —popularmente coñecida como 'The Baby'—, a primeira computadora do mundo cun programa almacenado, desenvolvida na Universidade de Manchester, e que deu lugar un ano despois á Manchester Mark 1, para a que Alan Turing —o pai da computación moderna e da intelixencia artificial— deseñou a linguaxe de programación.
Pero Manchester é moito máis que a fonte do mundo industrial e dixital. Esta é tamén unha das grandes capitais musicais do mundo. De aquí son os Bee Gees, The Smiths, Buzzcoks, The Charlatans, The Chemical Brothers, Elbow, Oasis, Inspiral Carpets, Simply Red ou Take That. Pero, sobre todo, houbo una xeración que fixo desta cidade o lugar ó que todo o mundo miraba na década de 1980, cando Manchester transmutou en MADchester, unha cidade marcada por entón pola depresión económica, as drogas, as armas de fogo e os sons de Joy Division, New Order, The Stone Roses e Happy Mondays, principalmente.
Manchester é aínda moito máis que todo isto. Esta é a primeira cidade británica libre de armas e industria nucleares, a vangarda da loita pola defensa dos dereitos de gais e lesbianas no Reino Unido, a casa do Manchester United e do Manchester City —para os amantes do fútbol—, a cidade dos medios de comunicación —en Salford atópase a MediaCityUK—, a dos canais navegables, a da maior rede de tranvía do Reino Unido ou a dun dos máis grandes e prestixiosos campus universitarios de Europa.
A cidade de Manchester non é moi grande, ten preto de medio millón de habitantes e unha extensión similar á de Vigo, pero ten unha das poboacións máis cosmopolitas de Europa e a súa área metropolitana, o Greater Manchester, é a segunda máis grande do Reino Unido, con case tres millóns de habitantes. Aquí, milleiros de mozos e mozas de toda España chegaron nos últimos anos na procura do futuro que lles arrebataron na súa terra de orixe. E aquí, centos de galegos tentan abrirse paso, non sen morriña. As xuntanzas privadas arredor dunha mesa chea de produtos da terra para aliviar a morriña, ou nos pubs británicos para ver xuntos os derbis galegos entre o Celta e o Deportivo, son xa case unha tradición. A emigración une. E dende a perspectiva que dan 1.300 quilómetros de distancia, mírase a Galicia dun xeito diferente. Para os emigrados forzados, expatriados por motivos económicos, expulsados polas políticas que miran polo benestar dos bancos e esquecen as persoas, as eleccións xerais do 20 de decembro son transcendentais, pois delas dependerá en gran medida que podan regresar a Galicia cos seus ou seguir no exilio forzoso. Na súa maioría non son emprendedores, como di o Goberno español, senón xente obrigada a marchar da súa terra. E a súa voz importa. Por iso recollémola aquí.
Atrancos para votar
Exercer un dereito tan básico como o do voto non é doado para os emigrantes galegos en Manchester, cidade que malia ser a segunda máis importante do Reino Unido non conta dende hai tempo cun consulado español, o que obriga aos emigrados a facer trámites ou ben coa oficina de Edimburgo ou ben coa de Londres. Todo son atrancos, como podemos comprobar cos seus testemuños.
Marcos Vázquez Trillo: "Eu vou votar porque non quero que sexa polo meu voto ou pola miña abstención polo que inútiles e corruptos nos gobernen. Por min non vai ser. Ao estar rexistrado no consulado, concretamente no censo CERA, o procedemento para poder votar é un fastío... Enviar un fax coa solicitude e copia do DNI ou pasaporte, esperar pola documentación, mandar o sobre por correo certificado, etc. Porén, entendo que debe existir un control da xente non residente que vota, para evitar, entre outros aspectos, os famosos casos dos mortos votantes. Polo tanto, non é un procedemento sinxelo, e debería modificarse para vindeiras eleccións".
Álex pose Mora: "Aínda que non é un proceso sinxelo, unha vez que estás rexistrado no censo electoral de residentes ausentes (rexistro que hai que facer con bastante antelación antes das eleccións) recibes no teu domicilio un formulario para cubrir e os prazos para enviar dita documentación, xunto coa copia do teu DNI ou pasaporte. No meu caso tamén enviei un fax, pero se mal non recordo tamén se podía enviar a documentación por correo postal certificado. Agora estou á espera de que me envíen as papeletas para poder exercer o meu dereito ao voto".
Mike Kazama Barbosa: "Todavía non sei se poderei votar. A cuestión non é sinxela... O 21 de novembro foi o derradeiro día para poderes apuntarse coma residente temporal (os únicos que todavía estaban en prazo para 'rogalo' —soa tan mal...—, o voto). Agora toca esperar a que cheguen as papeletas, neste caso, ó meu domicilio, aquí en Manchester. Logo de recibila, enviala antes do día 16 de decembro, por correo certificado ó meu colexio electoral. Veremos se se cumpren os prazos, se non se extravían as papeletas, etc. No meu caso concreto, amoloume moito non poder votar nas municipais por non ter nin cartos para ir a Edimburgo, nin tempo. Algúns din que se pode facer todo telematicamente, eu púxenme en contacto co consulado e dixéronme que o rogo tiña que ser presencial (ou unha das dúas cousas, igual non me lembro ben). De todas as maneiras, aínda que por orgullo non ía ir a Edimburgo, pesa máis a miña conciencia política. Non poderia ter feito isto sen a axuda inestimable de Marea Granate, da cal formo parte".
David Pérez: "Gustaríame votar, porque aínda que eu non vexo lóxico o de votar nas eleccións municipais ou case que nas autonómicas vivindo fóra (isto daría para outro tema), para as xerais si que hai que votar. Pero aínda non o teño claro, porque o pasado decembro rexistreime coma residente permanente (pódese facer por correo) en Edimburgo, aínda que un mes despois diso estou fomalmente rexistrado aquí (co cal tamen o estou no CERA) e semella que aínda estou rexistrado tamén no padrón da Coruña. A razón oficial é que están ata arriba de casos como o meu, e que ó INE non lle deu tempo de formalizar o meu rexistro (dándome de baixa na Coruña). Coido que terei que botar ó lixo unha mañá das miñas vacacións e acercarme polo padrón a ver que contan. Talvez me atope a carta do censo convocándome ás eleccións aínda coma residente en España. Vai ti a saber...".
Fátima González Rial: "Eu conto con votar. Para iso tiven que adiantar as miñas vacacións de Nadal, e se todo sae ben, pois chegarei un día antes e poderei exercer o meu dereito ao voto. A verdade é que si que vexo difícil todo o proceso, con pouca información".
Álex Louro: "Eu non vou votar, agás que poida ir de vacacións. O por que é moi sinxelo: ninguén pon as cousas doadas para facelo. Haise que desprazar mínimo unhas cinco horas para poder rexistrarte nun consulado que non existe en Manchester (sendo esta a segunda cidade máis grande de UK) e non todos dispoñemos de tempo ou cartos para poder facelo. Por outro lado, gustaríame facelo para poder acabar con toda a patraña que existe hoxe en día na política de España, e poder volver algún día a miña terra querida".
As demandas dos emigrados
Para os emigrantes galegos, estas non son unhas eleccións máis, son os comicios de cuxos resultados dependerá o seu futuro: seguir na emigración ou volver a Galicia. Son conscientes de que co seu voto poden axudar a mudar unha realidade na que a corrupción e o modelo económico semella que son os principais problemas de España.
Álex Louro: "Levo neste país dous anos. Cada vez que penso onde me gustaría que España se reflictise sería no Reino Unido, tanto en termos políticos como laborais. No tema político, aquí sempre estan a rifar entre eles no Parlamento, pero soen aprobar cousas con sentido para os cidadáns, como por exemplo salario mínimo, axudas sociais ou non ir cara onde van todos na Unión Europea. Por outra banda, non sigo moito a televisión, pero paréceme ben que agora en España haxa máis opcións para elixir".
Javi Barreiro: "Como emigrantre que saíu do seu país empurrado pola corrupción política, polo clientelismo e pola simple falla de oportunidades, a demanda principal que fago é que haxa renovación política, que entre xente nova con vocación de servizo público e que simplemente se goberne para o interese do 99 por cento dos cidadáns, é dicir, que se paren as grandes estafas privatizadoras de servizos públicos, que se convoquen prazas públicas de persoal en educaion e sanidade...".
Mike Kazama Barbosa: "A principal demanda, polo menos pola miña parte, é a transparencia, que se artellen mecanismos para evitar a dilapidación de cartos públicos, que se incentiven as iniciativas privadas e se invista en I+D+i, que se eliminen as deputacións, que se regularicen os postos gañados da forma que todos sabemos".
Marcos Vázquez Trillo: "A principal pregunta para min é: que ides facer vós para que nun futuro próximo a xente que está traballando fóra (casi exiliada) poida volver a casa? Non falo nin presupoño que vaia haber miragres económicas que consigan que podamos volver a casa por rexurdir inmediato da activade económica en tres días, simplemente quero saber cales van ser as bases nas que asentar un proxecto de país onde a emigración sexa voluntaria e non forzada. E claro, esta cuestión leva implícita moitas outras... Pero mencionando outros aspectos preocupantes, resaltaría: que propoñen para combater a corrupción tan establecida en certos estamentos políticos e empresariais por segundo que tendencias ideolóxicas?, como pretenden que a maioría da poboación recupere de novo a credibilidade no groso dos partidos políticos, perdida nos últimos anos polos escandalosos casos que curiosamente afectan sempre aos mesmos?, cales son os seus obxectivos ou puntos de vista en cuestións clave como: a) Favoritismo para grandes empresas (eléctricas, etc.), b) Políticas sociais (paralización dos desafiuzamentos, banca pública, etc), c) Lingua e cultura galegas, d) Defensa dos sectores estratéxicos do noso país: agricultura, gandeiría, pesca, etc.".
Unha mirada crítica a Galicia
A frustrada tentativa de artellar unha gran coalición da esquerda galega —dividida en dúas plataformas, En Marea e Nós-Candidatura Galega— non pasou inadvertida para algúns dos nosos emigrados.Tampouco o dominio que seguen mantendo PP e PSOE, segundo as enquisas, ou a irrupción de Ciudadanos.
Álex Louro: "Coido que o BNG fixo o correcto, xa que sempre foi independente. O PP e o PSOE sempre van estar aí, sobre todo o PP, xa que somos unha terra arraigada a Manuel Fraga, xa que a maioria dos nosos maiores sempre votarán ós azuis".
Javi Barreiro: "Tento seguir un pouco as eleccións e considero un fracaso que se presenten as dúas plataformas de esquerdas por separado. Con respecto á irrupcion de Ciudadanos, simplemente me parece un lavado de cara (ou de traseiro) dalgún partido xa presente dende hai xa demasiados anos na política galega. Dende o meu punto de vista de emigrante que atopou máis oportunidades no Reino Unido en dous anos e medio que en 28 anos en Galicia, agardo que haxa un cambio radical na política e na sociedade galegas, co ánimo de que se constrúa unha sociedade que provea oportunidades para volver a todos aqueles que tivemos que marchar".
Marcos Vázquez Trillo: "Ciudadanos e Podemos son partidos 'televisivos', con moitas cousas e aportes positivos no segundo caso, que xurdiron debido a que a xente estaba farta xa de tanta inxustiza e corrupción no panorama español. Non deixa de ser curioso que comezasen a impulsarse case á par, favorecidos por medios de comunicación afíns. Non teño nada en contra diso, pero é obxecto de estudo diferente ver como nos 'manipulan' ou 'controlan' os grupos de comunicación. E o problema xurde cando non somos capaces de ver máis aló da política de Facebook ou dos platós de televisión. Exemplos típicos son: que si en Alemaña hai dous mil millóns de políticos menos que no Estado español, que si o chavismo financiou a non sei quen, que se o outro aprobou os exames da oposición o ano que súa nai era amiga do presidente do tribunal, etc. Ás veces tanta información tendenciosa pode desinformar interesadamente, se non se ten un punto de vista crítico e certa capacidade para analizar as cousas e non crer todas as frases de, digamos, o gran politólogo Paulo Coello. Polo tanto a miña crítica vai no senso de que a política de Facebook e de TV fixo ou fai crer que todos os partidos que había ata a irrupción das dúas estrelas mediáticas foron postas no mesmo saco, todo era casta antes da chegada dos dous mesías, e iso non é así. E Ciudadados é unha copia mala dun partido que chega a rozar (ou máis ben abrazar) posturas xenófobas e elitistas, e Podemos foise descafeinando nos últimos meses, porque o que non se pode é contentar a todos".
Mike Kazama Barbosa: "Eu son de Ourense, creo que con isto xa está todo dito... O panorama moito ten que cambiar (aínda que empezou noutras cidades...). Espero que non ocorra o de sempre, que gañen os de sempre, cando ninguén os vota... A esquerda sempre está dividida, ese sempre foi o seu maior problema. E se non cambia o conto, seguirá a ser o problema da esquerda. A dereita terá moitos problemas, pero ese nunca foi un, aínda que o PP perda votos por mor das súas xuventudes, é dicir, de Ciudadanos... O que se ve dende aquí é que ou achicas auga ou o barco afunde... E non ten moi boa pinta".
Marcos Vázquez Trillo: "O PP e o PSOE realmente teñen moito mérito, para min ambos os dous partidos deberan ter sido ilegalizados hai moito tempo, e aí están co seu nicho de votos case intacto. Sempre pensei que o seu futuro pasaba por seren refundados, pero creo que máis ben o que hai que refundar é a sociedade que os vota (en vista dos enquéritos, que volvo dicir expresan o que queren). Non chegaría un mes para comentar todos os casos xa non graves, senón extremos, de desfachatez de ambos partidos... O caso Baltar, Feijoo no barco do narco Marcial Dorado, a deputación de Lugo e o seu famoso tránsfuga, o boicot aos gobernos das mareas, a corrupción da Pokemon, da Campeón, da Carioca, etc. E aí están".
Manuel Pazos: "Vai pasar o de sempre; non o entendo, pero gañará o PP".
Marcos Vázquez Trillo: "O panorama electoral en Galiza é (ou cando menos semella) bastante complexo, e esperemos que non acabe sendo tan simple como de costume. As enquisas precociñadas queren dar, baixo o meu punto de vista, unha idea de inmobilismo por parte da sociedade galega, asentindo e avalando a política dos dous grandes partidos que levaron ao país á situación actual. Sigo diariamente a actividade política galega, e desde logo que foi bastante frustrante ver como finalmente non se puido confluír nunha candidatura común (enténdase nacionalista de esquerdas). Sería, creo, a única opción de conseguir folgadamente grupo parlamentar propio, pero ese grupo debería pasar ao meu entender por ter unha obediencia exclusivamente galega, por suposto con aportes e interacións de forzas políticas doutras zonas do Estado, pero con capacidade de decisión propia e non supeditada a partidos que poden ter intereses diferentes aos dos galegos e galegas. Que penso que vai pasar? Gustaríame que das catro opcións con posibilidade de acadar representación en Galiza (descartando Ciudadanos, porque baixo o meu punto de vista creo que se obteñen algo no noso país sería un síntoma dunha sociedade enferma), gustaríame que tivera a meirande representación posíbel a candidatura nacionalista galega de esquerdas, chegando a conseguir grupo propio no Congreso".
Na noite do 20 de decembro, estes e moitos outros emigrantes galegos estarán pendentes dunhas urnas nas que se dedicide tamén o seu futuro. Do novo goberno dependerá que volvan ou que sigan no exilio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.