Por Europa Press / Redacción | Compostela | 10/08/2024 | Actualizada ás 15:21
A piragüista galega Antía Jácome finalizou este sábado no cuarto lugar da final da modalidade de C1 200 metros do piragüismo dos Xogos Paralímpicos de Paris 2024, a só cuarto décimas da medalla de bronce.
A de Pontevedra, que foi quinta nesta proba en Tokyo 2020 e que se meteu nesta final tras concluír terceira nas semifinais disputadas no Estadio Náutico Vaires-sur-Marne, comezou algo atrasada, polo que tivo que apertar nos últimos metros, un esforzo insuficiente para cruzar en postos de podio olímpico, cun tempo de 44.78.
"Estou moi contenta. Non podía dar máis de min. Hoxe terminei baleira do todo. Fixen unha regata moi boa, moi bo tempo e realmente creo que é un dos meus mellores tempos a día de hoxe. De verdade, que non tiña máis neste corpo para dar hoxe", indicou Jácome aos medios minutos despois do seu cuarto posto na final de C1 200 en París.
Aínda así, a galega recoñeceu que lle "gustou" subirse ao podio olímpico, aínda que se mostrou máis contenta con esta regata que coa do C2 500 xunto a María, na que acabaron sextas na final. "Voume cun sabor un pouquiño mellor, porque eu sei do que somos capaces María (Corbera) e eu", asegurou.
"É verdade que me deu bastante rabia que María quedou fóra desa final, porque o merece, que é unha persoa supertraballadora, axudoume moitísimo. Nalgún momento seremos capaces de poder subirnos a ese podio olímpico", augurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.