Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2024 | Actualizada ás 12:56
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez Mejuto, remitiu unha carta á Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, para solicitarlle unha reunión ante as paralizacións dos parques eólicos. Na misiva, á que tivo acceso Europa Press, a conselleira pediu "coñecer de primeira man e coa máxima celeridade posible" a postura da ministra e a do Goberno central sobre estas paralizacións, así como as "medidas que van adoptar" ante esas decisións que, segundo a Xunta, "prexudican a Galicia".
"Quero, por este motivo, transmitirlle nunha reunión nosa máxima preocupación neste asunto e ante as novas paralizacións producidas, porque a descarbonización de Galicia está comprometida", recalou a conselleira na carta. Neste sentido, Ángeles Vázquez ve "vital" para a comunidade "acabar con esas paralizacións" que "lastran ao sector" nun momento no que Europa o considera "clave" para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e alcanzar a neutralidade climática.
Para cumprir cos obxectivos establecidos no Pacto Verde da Unión Europea, a Xunta defendeu que desenvolve unha política eólica que se centra en "garantir a plena compatibilidade" do desenvolvemento dos proxectos renovables co territorio e co medio natural. Ángeles Vázquez apuntou que o goberno autonómico defende a "análise pormenorizada" na tramitación ordinaria que desenvolven os técnicos da Xunta.
Con todo, aínda que o Executivo que dirixe Alfonso Rueda respecta as decisións xudiciais, "non poden compartilas". "Porque na Xunta sempre se esixe que superen unha tramitación ambiental rigorosa na que se establece, como non podía ser doutra forma, as condicións que garanten que non se produza un dano ambiental", asegurou Vázquez.
52 SUSPENSIÓNS CAUTELARES
Actualmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ten en suspensión cautelar un total de 52 parques eólicos en toda a comunidade. O alto tribunal galego emitiu un total de 111 autos relativos a solicitudes de suspensión de autorizacións administrativas previas e de construción de 56 parques eólicos, dos cales 52 foron estimatorios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.