Por Galicia Confidencial | Lugo | 10/12/2015 | Actualizada ás 22:05
Centos de tractores volveron este xoves á saír á rúa. O seu principal obxectivo é reclamar o cumprimiento do acordo sobre prezos pactado hai meses con Ministerio de Agricultura, Xunta, industrias e comercializadoras que, polo momento, quedou en papel mollado.
Por iso, o seu principal obxectivo foron os grandes centros de distribución e comercialización pertencentes a multinacionais francesas, principalmente, Carrefour, Alcampo e Día. Medio cento de tractores rodearon centros destas marcas na Coruña e máis de 200 fixérono en Lugo. Queren deste xeito, concienciar aos galegos de que se senten estafados, principalmente, por estas grandes multinacionais.
Case un milleiro de tractores permanecerá nos vindeiros días en Lugo, rodeando a muralla e paralizando algunha destas superficies. Ademais, comezarán accións informativas a consumidores en centros comerciais, sobre todo, os das marcas francesas.
O que queren é facerlle ver aos consumidores que a suba nos prezos dos lineais do cartón de leite aplicados pola distribución en centros comerciais non supón un incremento do prezo que perciben os produtores. Manterán as súas protestas ate que o acordo lácteo asinado en setembro teña efecto nos prezos que reciben os gandeiros polo seu leite.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse este xoves a esta protesta e mesmo recoñeceu que os gandeiros tiñan razón. “Pídolles que teñan sentido común e que non confundan aos aliados con inimigos”, dixo. “Non están exentos de razón” nesta nova tractorada. “O aliado so sector lácteo é a Xunta, non así as grandes superficies e industrias”, afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.