Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/08/2024 | Actualizada ás 10:51
A Alianza Galega polo Clima que promove a Xunta arrincará unha nova etapa coa posta en marcha dunha oficina 'en liña' de apoio para empresas e entidades galegas e unha nova programación de eventos, foros e encontros que se inaugurará o 18 de setembro no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña. Será unha xornada na que distintas empresas mostrarán a súa experiencia en economía circular.
Así o avanzou este xoves a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, durante a firma da adhesión do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia á Alianza, iniciativa que xa engloba a 154 entidades entre universidades, organismos, portos, asociacións e empresas, tal e como destaca a Xunta.
Uría reivindicou que Galicia leva anos traballando para mellorar a súa capacidade de resiliencia ante o cambio climático. De feito, desde a aprobación en 2019 da estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron na Comunidade un 19,5%, a un ritmo tres veces superior que a media española (6%) e que a europea (6,1%).
Así, tras o desenvolvemento de 139 das medidas previstas e do investimento de 1.140 millóns de euros, o Consello da Xunta aprobou o pasado mes de xuño a elaboración do novo plan rexional integrado de clima e enerxía 2024-2030 para continuar coa aplicación da estratexia 2050.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.