Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/12/2015 | Actualizada ás 00:33
“Estou moi satisfeito por un resultado absolutamente positivo". Foi unha das principais conclusións que sacou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destes comicios do 20D, no que o seu partido repite os mesmos escanos que no 2011, pero no que cede a súa histórica segunda posición a En Marea.
Sen embargo, o líder socialista, que compareceu na sede do seu partido na rúa O Pino de Santiago, matizou ese dato e suliñou que o PSOE é o "segundo partido" en Galicia só por detrás do PP, pois “En Marea é unha coalición de tres forzas políticas diferentes (Podemos, Esquerda Unida e Anova)”.
Besteiro evitou a autocrítica e quixo só centrarse nos datos positivos destes comicios. Así, destacou que este 20D anticipa un “cambio de tendencia” en Galicia. Un cambio de tendencia, dixo, que chegará o próximo ano nas eleccións autonómicas tras o “fracaso” do PPdeG. “O PPdeG aínda que é a forza máis votada, perdeu cinco escanos e obtén o peor resultado da súa historia en Galicia”, dixo.
Ademais, insistiu nos seus “bos” resultados: “O PSOE, que tiña seis escanos, revalida eses resultados nun escenario de moita fragmentación. Por iso, estou moi contento con estes resultados. O PSOE mantén as súas seis actas e defenderá con esas actas os intereses de Galicia”, aclarou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.