Temas: 20D ELECCIóNS

Os grandes cambios das eleccións do 20D

Onde gañou o PP, e o PSOE?... Onde tivo mellores resultados En Marea e Nós?. Como é a irrupción de Ciudadanos?. Os comicios do pasado domingo deixan abertas moitas incógnitas sobre a evolución política e electoral dos concellos e as provincias galegas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/12/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os comicios do pasado domingo deixan unha radiografía electoral en Galicia con enormes fracturas entre as zonas rurais e as zonas urbanas do país. Así, no interior,  o PP volveu arrasar e numerosos concellos. Tamén o PSdeG tivo vitorias folgadas en concellos do interior. As zonas urbanas e semiurbanas, pola contra, son os espazos onde con máis forza chegaron En marea e Ciudadanos.

Papeletas electorais para a votación nas eleccións xerais
Papeletas electorais para a votación nas eleccións xerais | Fonte: teinteresa.com

O PPdeG segue sendo a forza máis votada en Galicia, especialmente, nas zonas rurais. Acada maioría absoluta en máis dun terzo dos concellos galegos. Mentres, o PSdeG acadou a vitoria en 18 municipios, ao igual que os populares. Pola contra En Marea conseguiu o primeiro posto en 14 municipios, todos eles das áreas metropolitanas das grandes urbes do país. Ciudadanos, pola contra, non foi a forza maioritaria en ningún punto de Galicia e Nós, a pesar dos numerosos concellos que ten o BNG, só venceu en Vilar de Santos, que, curiosamente, goberna actualmente Compromiso por Galicia.

Os populares arrasaron nos seus feudos do interior, principalmente, no territorio Baltar. En Beariz (Ourense),  superaron o 83% das papeletas depositadas e en Avión o 82,5%.  Tamén en Quintela de Leirado e Teixeira obtiveron o 76,27% e o 70,19%, respectivamente. Ademais, obtiveron máis do 60% dos votos noutros 22 concellos de Ourense, que volveu ser a provincia galega con máis porcentaxe de voto a este partido e volve a demostrar o poder que o baltarismo ten nela.

PSdeG

Pola súa banda, o PSdeG tivo tamén os seus mellores resultados en concellos do interior de Ourense e da Montaña de Lugo como A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ourol, Pedrafita do Cebreiro, Pol e Ribeira de Piquín, en Lugo, e Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Entrimo, A Mezquita, Parada de Sil e Petín (Ourense), en Ourense. Tamén foia a máis votada na Capela e Dumbría, na Coruña, e en Fornelos de Montes e A Illa de Arousa, en Pontevedra.

O espazo urbano e semiurbano é, pola contra, das novas formacións xurdidas destes comicios. En ningunha das grandes cidades o PP pasou do 36% dos votos. O mellor resultado que tivo, novamente, foi na cidade de Ourense, co 35,77%, e o peor en Vigo, con pouco máis do 27%. De feito, nesta cidade, os populares foron superados por En Marea, que foi a forza máis votada, con case o 34% das papeletas.

En Marea

A nova forza impulsada por Anova, EU e Podemos tamén empatou co PP na Coruña e quedou a 1,5 puntos en Ferrol, menos de catro en Pontevedra e seis en Santiago. De feito, foi a lista máis votada en numerosos concellos das áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol e Vigo como Arteixo, Cambre, Culleredo, Fene, Mugardos, Narón, As Pontes, Cangas, O Grove, Moaña, Redondela e Vigo. Tamén obtivo o primeiro posto en Ames e Corcubión e foi a segunda forza en varios concellos da Mariña de Lugo, a zona con máis pulo da provincia, como Xove, Burela, Ribadeo ou Cervo.

Pola súa banda, o PSOE caeu por baixo do 20% nas tres urbes da provincia da Coruña, co 17,67 por cento de Santiago como o seu peor dato. Nas outras catro cidades foi a terceira opción elixida polos cidadáns, con Ourense como mellor cifra: un 23,11 por cento.

Ciudadanos

Pola súa banda, Ciudadanos incrementou o respaldo entre os seus votantes en 10 dos 12 concellos onde obtivo presenza en Galicia  nas eleccións municipais do pasado mes de maio.

En Ferrol e Lugo, duplicaron os seus resultados de maio e en Pontevedra, acadou os 5.350 sufraxios e foi a cuarta forza, por riba de Nós, nun concello no que goberna o BNG. Tamén subiu en zonas metropolitanas como Culleredo e Cambre (área da Coruña), ou Ames (área de Santiago).

Temas: 20D ELECCIóNS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Este Pais fede a morto

Abraia a capacidade que ten o franquismo de sobrevivir mutandose de cote en xeito de bipartidismo PPSOE. Os iletrados,, o analfabetismo político e funcional, e a colaboración acelerante da pseudo esquerda española traidora e anti obreira, dende Carrillo CC OO ate PPodemos e 15M parido nas cloacas do CNI coa inseminación artificial do 15M.

1 Balbino_

Esqueces a coalición PSOE-BNG gobernando institucións galegas durante décadas.

2 Eunonmanipulo

Non manipular. Decides que o PP acadou maioría absoluta nun terzo dos concellos mentres que o PSdeG en 18, "ao igual que os populares". Manipula, que algo queda...

1 Bóveda

Na Galiza: O cainismo destrúe o mellor du país e fai que a endogamia do partido termine nunha burbulla ideolóxica lonxe da realidade e do pobo. Subsisten porque acoden aos conflictos sociais máis duros, pero non avanzan, senon que se radicalizan e o "sistema fascio do poder" remata por liquidalos. O ANPG foi un acerto, o UPG un erro. Galiza é un país de vellos, vasalos da igrexa, enganchados ás procesións e ás papadas. A universidade é un exército de funcionarios "sociolistos", fillos de labregos que se convertiron e mediana burguesía. Mariñeiros e campesiños sempre os tiveron aillados, no barco e na taberna uns; na corte e na leira otros. Os obrerios foron dezmados coa reconversión do traidor González. A nova mocidade está enganchada ao móvil e á tablet, ogallá tome cocienza "nas mareas" e axuden a mudar a este país "dos ananos".