Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2024 | Actualizada ás 19:40
A Xunta de Galicia e a Asociación Eólica Galega piden ao Goberno central ir "da man" para "desbloquear" a "parálise" que afronta o sector nos últimos anos. Así o sinalou a conselleira, que na tarde deste xoves reuniuse coa asociación, entre eles co seu presidente, José Manuel Pazo, a quen puxo ao día da súa viaxe a Bruxelas.
Avanzou que este venres a secretaria xeral técnica e a directora xeral que leva a parte de avaliación ambiental e a parte de enerxía reuniranse co persoal técnico e xurídico do Ministerio de Medio Ambiente e Enegía para valorar a causa pre-xudicial.
"O que lle imos a pedir ao Ministerio é ir da man. Ir da man por tratarse dun problema non exclusivo de Galicia, senón que, tal e como está presentada a prexudicial, esténdese ao resto de España. Por iso, máxima preocupación en Europa, preocupación tamén por parte do Ministerio e, por suposto, Galicia, que está a ser a máis afectada", afirmou.
Isto último, apuntou, pódese comprobar. "Cada día hai unha resolución cunha nova parálise dun eólico e isto supón incerteza para o sector, problemas de carácter económico; problemas que afectan á implantación de insdustrias en Galicia", lamentou.
Nesta liña, a conselleira advertiu de que "non quedarán de brazos cruzados" xa que están "convencidos" de que a trasposición da directiva á lei nacional de 2013 fíxose correctamente. "Levamos 11 anos e chama a atención que tan só se centren na parte eólica, cando en realidade as regulacións ambientais fanse por igual en todos os sectores", sentenciou.
AVANZAR NA DESCARBONIZACIÓN, "FUNDAMENTAL"
Tamén no que respecta a Europa, a conselleira mostrou a súa esperanza de que a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, agora nomeada vicepresidenta de Transición Limpa, Xusta e Competitiva da Comisión Europea, teña "outra sensibilidade" a partir de agora en Bruxelas, aínda que "deixa temas pendentes con Galicia".
"A boa noticia é que o Tribunal Superior Europeo haxa visto que era prioritario albiscar o futuro para que teñamos seguridade xurídica e, aínda que non vai polo procedemento de acelerar, si polo de priorizar -- determinou que estando todo paralizado é imposible que haxa ningún tipo de afección ao territorio --, xa que no fondo hai unha cuestión fundamental que é que non avanzamos na descarbonización e non avanzamos nos obxectivos marcados pola Comisión Europea para implantar a enerxía limpa e verde", detallou.
Pola súa banda, o presidente da asociación, expresouse nos mesmos termos, denunciando a paralización no sector desde o últimos catro anos. "O que non podemos facer é ter paralizado un sector no que se foi pioneiro nos primeiros anos. Fomos a primeira comunidade, a cuarta de Europa e a sexta do mundo, e estamos nun tema totalmente ilóxico que non ten ningunha outra comunidade, ademais por unha lei de hai 11 anos", aseverou.
José Manuel Pazo comentou que non se trata só de frear a implantación de novas empresas, senón que hai outras moitas compañías xa en marcha que necesitan deste tipo de enerxía. "Esperamos que se resolva canto antes, presionando porque a comunidade europea poida resolver isto canto antes. Non só interésalle a Galicia, senón a todos os investimentos que hai no Estado", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.