Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2024 | Actualizada ás 17:46
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrouse este luns partidario de "debater" o informe encargado polo Executivo autonómico e que conclúe coa análise de ata sete opcións posibles de fusión entre municipios na comunidade, tras analizar a súa viabilidade. En todo caso, garantiu que o Executivo autonómico só impulsará, se se dá o caso, as que sexan voluntarias.
O estudo, froito dun convenio da Xunta coa Fundación Juana de Vega, no que colaboraron o tres universidades, expón sete posibles fusións, simuladas desde o punto de vista económico: Santiago e Teo, Noia e Lousame, Sanxenxo e Meaño, Alfoz e O Valadouro, O Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín; e dúas propostas que implican a concellos do Deza (unha para toda a comarca: Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e outra só para Lalín, Rodeiro e Dozón.
Rueda reivindicou que o informe non é un estudo da Xunta, senón que está "encargado" pola Administración e sufragado con recursos públicos, no que definiu como "unha demostración e un exercicio de transparencia". Pero matizou que, aínda que é partidario de debatelo, non implica que o seu Goberno asuma "todos" os seus postulados. Nesta conxuntura, lembrou que Galicia rexistrou nos últimos anos (con Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade) as dúas únicas fusións de municipios rexistradas en España, e mostrouse partidario de "seguir debatendo" sobre este tema.
Pero remarcou que, tanto cando Alberto Núñez Feijóo dirixía o Executivo autonómico como agora, tíñase "claro" que hai un parámetro básico que segue vixente: "a voluntariedade absoluta". Para Rueda, este é "o primeiro requisito fundamental", polo que garantiu que non haberá fusión algunha se os municipios implicados non o desexan. "Isto quero que quede clarísimo. As propostas son propostas que se fixeron ou que se estudaron, e que está ben debater como escenarios ideais. Pero iso non quere dicir que esas fusións, nin ningunha outra, vaian a diante, se non hai unha vontade inequívoca como nas que saíron adiante", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.