Hai interese por deter a sangría do rural galego? "De habelo, o primeiro sería dotalo de infraestruturas e servizos"

O profesor da USC Antonio Doval Adán, asegura que "a verdadeira cuestión é se hai interese en revitalizar eses concellos que se están despoboando ou non, ou se o que verdadeiramente interesa aos gobernos é que a maior parte da poboación galega se desprace ao medio urbano". Plantexa a posibilidade dunha reorganización territorial na que os concellos en peor situación se engloben en comarcas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os datos sobre o despoboamento e envellecemento nas vilas do rural galego son demoledores. O 33 % da poboación galega ten máis de 60 anos e o 27 % supera os 65. A tasa de natalidade está nos 5,4 novos nacementos por cada 1.000 habitantes; a de mortalidade sitúase nas 12,1 mortes por cada 1.000 habitantes. O número de aldeas despoboadas en Galicia achégase xa ás 2.000. Hai unhas 1.090 aldeas que teñen un único veciño e máis de 12.370 con menos de dez. Xa son 11 os concellos galegos que contan con menos de 600 habitantes e hai uns 33 con menos de 1.000. Non se pode negar unha realidade que, ano tras ano, se fai aínda máis evidente. Pero, a pregunta é: estase facendo algo por mudar a situación? Nunha charla co Galicia Confidencial, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Antonio Doval Adán, apunta que "a verdadeira cuestión é se hai interese en revitalizar eses concellos que se están despoboando ou non, ou se o que verdadeiramente interesa aos gobernos é que a maior parte da poboación galega se desprace ao medio urbano".

Hórreo e casas tradicionais na aldea de Vilarxubín, unha das poucas aldeas galegas que conserva a etnografía tradicional
Hórreo e casas tradicionais na aldea de Vilarxubín, unha das poucas aldeas galegas que conserva a etnografía tradicional | Fonte: Sonia García-eiradepedra.blogspot.com - Arquivo

En concreto, o profesor apunta que "nestes momentos o 12 % do territorio galego concentra ao 70 % da poboación", sendo ese 12 % o espazo correspondente ás zonas urbanas. Pola contra, "o 88 % restante do territorio só concentra ao 30 % da poboación". É dicir, "dos 313 concellos que hai, o 73 % son concellos rurais e o 27 % son urbanos", porcentaxes que seguirán indo á baixa e á alza, respectivamente, en favor dos núcleos urbanos. Así as cousas, para Doval "este desequilibrio o que nos fai pensar é que, obviamente, aos políticos e ás estruturas económicas dominantes o que lles interesa é concentrar á poboación nos entornos máis urbanizados". Como consecuencia, no rural o que se está a ver é o que o profesor da USC deu en chamar 'política de parcheos'. Os problemas actuais dos concellos rurais de Galicia para o profesor son varios: dende a falta de transporte ata as malas comunicacións, pasando pola carencia de sucursais bancarias.

TRANSPORTE: "HAI LIÑAS QUE NON SON RENTABLES PORQUE NON HAI MOVEMENTO DE VECIÑOS NO RURAL, O QUE FAI QUE AS QUITEN"

Hoxe por hoxe en Galicia aínda quedan moitos concellos do rural que non teñen redes de transporte que os comuniquen con poboacións próximas nas que os veciños poidan realizar as tarefas da vida cotiá. En concreto, Doval apunta a que son vítimas desta circunstancia máis de 180.000 persoas que viven no rural galego, e lembra que "eu, cando tiña oito anos, podía desprazarse dende a aldea na que nacín (Avión) ata a capital provincipal ou mesmo ata as de outras provincias sen problema", mentres que "agora hai liñas de transporte que non son rentables, porque non hai movemento de veciños, o que fai que as quiten". Deste xeito, critica que "veciños que non saben conducir teñen que acollerse ao transporte combinado e subirse aos autobuses aproveitando o reparto de nenos que fan dende estas aldeas ata os centros educativos", algo que para el é evidente que "non é unha solución ás necesidades de desprazamento que teñen as persoas que viven no rural". E como a xente máis maior ve que non pode desprazarse da aldea nin sequera para acudir ás citas médicas, vese obrigada a marchar ás cidades, onde os servizos están máis á man. 

INTERNET: "EN MOITAS ALDEAS A FIBRA ÓPTICA VAI POR UN TENDIDO PRECARIO DE POSTES DE MADEIRA E, CANDO CHEGA O INVERNO, QUEDAN SEN SERVIZO"

Masa forestal entre as aldeas de Froxán e Vilamor, cuxos tons comezan a mudar dos verdes aos ocres, nos montes da Serra do Courel, en Lugo
Masa forestal entre as aldeas de Froxán e Vilamor, cuxos tons comezan a mudar dos verdes aos ocres, nos montes da Serra do Courel, en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Dende o punto de vista das comunicacións, na actualidade as que persisten na maior parte do rural galego son "precarias", tal e como as cualifica Doval. E pon o exemplo da rede de Internet, cuxa instalación no medio rural "non se está facendo subterránea, senón que se engancha na rede de telefonía antiga de Telefónica". Así, a situación actual é que "en moitas aldeas galegas a rede de fibra óptica vai por un tendido precario de postes de madeira, dos cales moitos están apodrecidos, o que provoca que cando chega o inverno e os fortes temporais de vento, estas zonas quedan sen servizo, incomunicadas". O profesor da USC denuncia que "ese é un problema que a Xunta autorizou no seu momento e que, a día de hoxe, aínda que a normativa actual di que o tendido debería ser subterráneo, as compañías sigan usando ese tendido aéreo para aforrar en custos". 

OFICINAS BANCARIAS: "A REDE DE SUCURSAIS QUEDOU REDUCIDA A UN NIVEL PROPIO DE FAI 50 ANOS: DE 5.539 NO 2008 A 952 A FINAIS DO 2023"

Outro dos grandes déficits que presentan os núcleos rurais galegos hoxe por hoxe é a falta de oficinas bancarias, pois "nos últimos anos retiráronse miles delas". Doval lamenta que esta é unha problemática da que habitualmente non se fala e que pasa inadvertida, pero que se debe ter moi en conta, pois "no 2008 había na comunidade galega un total de 5.539 oficinas bancarias, pero, a finais de 2023, quedaban unicamente 952". "A situación mudou de maneira tan radical que, nestes momentos, a rede de sucursais bancarias e de servizos bancarios quedou reducida a un nivel propio de fai 50 anos", critica o profesor da USC. Coma se nunca tivesen existido oficinas bancarias nos núcleos rurais, en lugar de avanzar, retrocedemos. "A nivel España xa hai 4.700 municipios dos pouco máis de 8.000 que o conforman que non contan con ningún tipo de surcursal bancaria, moitos deles situados en Galicia: un 14 % dos municipios da provincia da Coruña carecen de oficina bancaria; un 12 % dos de Lugo; ou un 34 % dos de Ourense; e nin sequera dispoñen de axentes bancarios, en moitos casos", lamenta Doval.

CAL É A SOLUCIÓN? "O PRIMEIRO PASO É QUE OS POLÍTICOS POÑAN INTERESE EN QUE AS COUSAS MUDEN"

Ante esta dramática realidade, a solución non é doada, pero, como advirte Doval, "o primeiro paso é que os políticos poñan interese en que as cousas muden". A partir de aí, e aínda que habería moitas máis actuacións que poñer en práctica, sinala algunhas fundamentais: actuar sobre as infraestruturas de transporte; dinamizar a rede de comunicacións; dotar aos concellos de servizos culturais e sociais axeitados, potenciando os recursos culturais dos mesmos cunha rede de bibliotecas e de centros telemáticos e dotándoos de atención social e sanitaria; diversificar a produción creando espazos para uso industrial e comercial, pois son moitos os concellos nos que hai pequenas empresas, sobre todo do sector da construción, que non teñen nin un sitio onde o concello lles autorice a construír un almacén, polo que dificilmente poden subsistir nun medio no que carecen ata de espazo para gardar os seus materiais de traballo. 

E é que é fundamental, como apunta o profesor da USC, "facilitar a actividade económica no rural, de tal maneira que se unha persoa quere poñer unha empresa nunha aldea ou nunha pequena vila, se lle faciliten os medios para poder facelo, así como os procesos administrativos". Isto é algo que non acontece a día de hoxe, pois os trámites burocráticos nos núcleos do rural galego son aínda máis complicados e dilatados que nas vilas. Algo que tamén se pode apreciar na rehabilitación das vivendas, pois, "se queres rehabilitar unha casa e esta se atopa nun entorno declarado núcleo tradicional, ao carón de hórreos, vanche esixir unha licenza que ten que pasar por Patrimonio e, ata que a consigas, pode pasar un ano e medio ou dous". "Cando dende as administracións din que vivir no rural é posible e que o rural é futuro... Bueno, pois haberá que poñer os recursos precisos ao alcance dos seus habitantes, porque senón a xente seguirá marchando", conclúe Doval.

"SE DOS 313 CONCELLOS GALEGOS SÓ ESTÁN EN CONDICIÓNS DE FUNCIONAR BEN UN 10 %, MENTRES OS DEMAIS ESTÁN ENDEUDADOS, PARA QUE EXISTEN?"

Finalmente, o cuarto e último punto, pero case o máis importante por vincular a todos os demais, pasa por "dotar aos concellos de fondos específicos para o acondicionamento e mellora e conservación dos núcleos de poboación, o que vai dende o abastecemento de auga ata as redes de alcantarillado e saneamento, pasando pola pavimentación regular das redes viarias principais para non ter que chegar a unha aldea e ver o asfaltado de fai 20 ou 30 anos, e a conservación do patrimonio natural e cultural que hai nas aldeas". Eses fondos só poden chegar dende as deputacións correspondentes ou dende a Xunta. E, se non é posible por número de poboadores dotar a estes concellos de máis fondos do reparto, haberá que recorrer á reorganización territorial do medio rural galego: "ou ben fusionando concellos ou ben optando pola creación de comarcas".

Para Doval é evidente que "se dos 313 concellos que hai en Galicia só están en condicións de funcionar un 10 ou 13 %, que son os que contan con orzamento suficiente para atender ás necesidades dos cidadáns, mentres o resto están endeudados e sen cartos para nada, para que existen?", plantéxase. O que para el non é de recibo é que sigan existindo "simplemente para manter unha estrutura política composta de 313 alcaldes máis os membros de cada corporación municipal". Unha das solucións estaría, por tanto, "na creación de comarcas que, mantendo as estruturas dos concellos actuais, só conten cun alcalde: se se crean 53 comarcas, por exemplo, habería soamente 53 alcaldes coas súas corporacións pertinentes". "O que non pode acontecer é que se dupliquen as estruturas administrativas: se se crean comarcas, non poden seguir existindo os concellos", conclúe, asegurando que "do que se trata é de crear unidades territoriais que estean suficientemente ben dotadas economicamente como para que sexan quen de acometer investimentos e de cubrir as necesidades dos seus propios cidadáns". 

Anciáns de paseo. O envellecemento dos maiores é un dos principais problemas da demografía de Galicia
Anciáns de paseo. O envellecemento dos maiores é un dos principais problemas da demografía de Galicia | Fonte: XUNTA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta