Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 31/01/2025 | Actualizada ás 17:51
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres senllos anuncios da Consellería de Economía e Industria nos que se declaran francos os terreos e se convocan os concursos públicos relativo a dereitos mineiros con permisos caducados correspondentes ás provincias da Pontevedra e Ourense. Deste xeito completa a convocatoria destes dereitos mineiros tras facer o propio, nun DOG publicado o pasado 17 de xaneiro, coas provincias de Lugo e A Coruña.
Esta medida, aprobada o 13 de xaneiro no Consello da Xunta, forma parte do plan co que o Goberno galego pretende "impulsar a investigación sobre materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos". Por provincias, a maioría das licitacións repártense entre as provincias de Lugo e Pontevedra, con 17 cada unha; mentres que en Ourense saen a concurso 10 dereitos e na Coruña, 7.
Estes dereitos mineiros foron concedidos no seu día, principalmente, para a extracción de caolín e arxila na provincia coruñesa; caolín, feldespato, cuarzo, laxa, baritina, ferro e mica en Lugo; arxila, laxa e granito ornamental en Ourense; e, finalmente, caolín, arxila e cuarzo en Pontevedra. Os contratos dan dereito, en primeiro lugar, á análise e investigación para determinar o potencial do subsolo e á súa posterior explotación no caso de que o interesado así o desexe e, segundo a Xunta, cumpra "todos os requisitos técnicos e ambientais esixidos".
MUNICIPIOS
O Concello de Ourol rexistra un total de 14 explotacións mineiras con permisos caducados que a Xunta saca a concurso. Trátase do municipio con maior número entre os 51 dereitos en toda Galicia que se abrirán de novo a unha posible explotación toda vez conclúa unha fase de análise e investigación do chan. Séguelle o municipio de Muras, con 10 dereitos mineiros que sairán a concurso. De feito, Ourol e Muras comparten oito explotacións entre ambos os municipios. Outra mina na provincia lucense atópase en Mondoñedo. Mesía sobresae na provincia da Coruña con cinco dereitos mineiros caducados (dous con Frades). A lista complétase con: unha explotación entre Vimianzo, Dumbría e Muxía; ademais doutra entre Vimianzo, Dumbría, Muxía e Camariñas.
Na provincia de Pontevedra, O Porriño conta con seis dereitos mineiros caducados, dous deles compartidos con Salceda de Caselas (que conta con catro ao sumar un en solitario e outro con Tui). Sanxenxo e A Guarda rexistran tres en cada caso. Outros municipios na lista (algúns compartidos) son: O Rosal, Valga, Pontecesures, Tomiño e Meaño. Na provincia de Ourense, catro das minas están compartidas entre terreos de varios municipios: unha entre Vilamartín, O Barco e Petín; unha entre Vilamarín e Amoeiro; unha entre Amoeiro e Coles; así como outra entre Vilamarín, Amoeiro e San Cristovo de Cea. Completa a lista: Xunqueira de Espadañedo, O Barco, Cortegada, O Irixo (2) e Toén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.