Cal vai ser futuro de La Voz de Galicia con Lois Blanco, o elixido por Santiago Rey para presidir o grupo?

Presidirá a fundación que controlará o grupo de comunicación. Adianta que a liña editorial seguirá sendo a mesma que ata agora. Continúa o respaldo dos grandes poderes económicos, principalmente, Abanca, Gadisa e Inditex, pero asexa a sombra dun monopolio informativo.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 19/09/2024 | Actualizada ás 21:37

Comparte esta noticia

Lois Blanco, o ata agora director xeral de La Voz, substituirá a Santiago Rey Fernández-Latorre, tras a morte do propietario do maior grupo mediatico de Galicia. Tal e como xa informou Galicia Confidencial hai unhas semanas, será a fundación Santiago Rey a encargada de dirixir o futuro do xornal.

Arquivo - Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de 'La Voz de Galicia'.. ANGEL MANSO
Arquivo - Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de 'La Voz de Galicia'.. ANGEL MANSO | Fonte: LA VOZ DE GALICIA - Arquivo

Nas ultimas semanas especularase coa posibilidade de que a viuva de Rey, Salomé Fernández-San Julián Martínez asumira este posto, pero, finalmente, recaeu na persoa que desde facía anos levaba, de facto, o temon desta compañía de medios. La Voz anunciaba este mesmo xoves a noticia, adiantada polo GC, tras a publicación doutra longa reportaxe no xornal Público para cortar de raíz as especulacións sobre o futuro de La Voz.

"Santiago Rey Fernández-Latorre adiantou en varias ocasións en actos públicos e en reunións cos seus empregados a súa vontade de confiar á súa Fundación a propiedade da Voz e das demais empresas da Corporación. Con ese obxectivo refundou a entidade no ano 2001 e dotouna duns novos estatutos que lle permitan actuar como propietaria dunha organización empresarial de medios de comunicación", recolle a nova.

POSICIÓN EDITORIAL

Segundo as disposicións testamentarias, a fundación será a encargada de dar continuidade ao legado empresarial e editorial da Voz. "Os principios editoriais están recollidos no Libro de estilo: un medio de comunicación liberal, aberto a todas as ideoloxías, defensor do Estado democrático e de dereito, e dos intereses xerais de Galicia", recolle a información que insiste na visión de "imparcialidade" deste grupo no panorama mediatico galego. Un aspecto que teñen criticado duramente outros medios e, sobre todo, determinadas formacións políticas, nomeadamente o BNG, Sumar, Podemos ou as mareas que o acusan de ser "a voz do PP".

Lois Blanco, presidente da fundación Santiago Rey, editora de La Voz
Lois Blanco, presidente da fundación Santiago Rey, editora de La Voz | Fonte: Linkedin

De feito, La Voz tamén puntualizaba nesa noticia que entende Galicia "como unha comunidade e un territorio --non unha nacionalidade histórica e menos unha nación-- con cultura e identidade propias, sólidamente integrada en España e Europa". Quizais un aviso de confirmación da liña editorial que seguen para aqueles que, tras a morte do editor, saíron en redes a criticalo duramente, especialmente, desde o ámbito nacionalista.

Precisamente, tras a morte de Santiago Rey, unha mensaxe en redes sociais de Ana Pontón acendía os ánimos de moitos militantes e simpatizantes da formación frontista que criticaron duramente a líder nacionalista por "render preitesía" ao editor falecido. Nos comentarios a ese tuit moitos deles lembraban que baixo o seu mandato o xornal contribuiu a rematar co bipartito, converteuse nun "panfleto do PP" e axudou a "esmagar" o galego e a imaxe do nacionalismo.

A CHEGADA DE LOIS BLANCO Á PRESIDENCIA

Lois Branco Penas (1968, Melide, A Coruña) asume a presidencia da fundación por designación expresa do testador. Unha función que xa asumira, de facto, nos últimos anos tras as longas ausencias de Santiago Rey por enfermidade e recaidas. "Lois era o candidato natural a substituír ao finado. Era o seu preferido e nel confiaba todo o que se movía no xornal", apunta un integrante do grupo consultado por GC.

E, aínda que tras a morte de Santiago Rey e a incorporación da viuva á presidencia da fundación, especulouse con que podía ser ela a que asumira ese papel, o certo é que nin Salomé Fernández-San Julián Martínez quería asumilo, nin tampouco o editor finado, que preferiu xestionar en vida, xunto cos seus homes de confianza da fundación, a súa sucesión.

O elixido foi o home da casa. A persoa que leva anos sendo a súa man dereita, o seu "fillo político", como o propio Santiago Rey ten dito del. Lois Blanco leva 34, dos seus 56 anos, vinculado a esta casa. Creceu nela como xornalista desde que no 1990 comezou como redactor en prácticas  na delegación de Santiago. Desde entón foi cronista político, delegado da edición de Santiago, xefe de área da sección de Galicia, subdirector de edicións entre 2007 e 2010, ata que en xuño do 2011 foi nomeado director xeral da Corporación e conselleiro de La Voz de Galicia con atribucións empresariais e editoriais.

As fontes consultadas por GC coinciden en que tras coñecer o seu nomeamento "respirouse certo alivio", sobre todo, "para cortar de raíz as especulacións" que tiñan a moitos mandos intermedios e tamén redactores, en tensión permanente. "Polo menos xa sabemos que as cousas non van cambiar moito", apuntan. Con todo, e tal e como puido saber GC, é probable que haxa cambios no futuro dentro do escalafón xornalístico do grupo, dos que tamén se tentará dar conta.

O EQUIPO

É certo que Lois Blanco será o presidente, pero o seu mandato non será ilimitado, como o do "patrón", como se coñecía a Santiago Rey en ámbitos xornalísticos. Terá moito poder exercendo a presidencia do grupo pero as decisións de peso terán que ser sometidas ao parecer do Padroado da fundación. Con todo, no triunvirato deste organismo, estaŕán homes da súa confianza; como vicepresidente o catedrático de Dereito Constitucional e articulista Roberto Branco Valdés, e como secretario, o secretario xeral da Voz e catedrático de Dereito Mercantil Manuel Areán. Os dous xuristas. 

O resto de xornalistas que están no padroado Xosé Luís Vilela Conde, director do xornal, e José Francisco Sánchez Sánchez director da institución, serán vogais. Un posto que tamén terán José Arnau Sierra, vicepresidente de Inditex; Salomé Fernández-San Julián Martínez; José Luís Vázquez Mariño, conselleiro da Voz e Luciano Vidán Martínez, presidente do Colexio Médico da Coruña.

O FUTURO

Polo momento, o apoio da Xunta e de certos poderes económicos aos cambios na presidencia de La Voz, garantizan tempos tranquilos. De feito, o propio Santiago Rey preparou en vida o seu relevo e a futura continuidade do seu proxecto xornalístico sen contar cos seus fillos cos que tamén quixo fechar parte da súa herdanza para evitar, precisamente, turbulencias na fundación.

 

E nunha Voz sen Santiago Rey, o editor finado quixo continuar a ter o respaldo dos grandes poderes económicos coruñeses, principalmente, Abanca, Gadisa e Inditex. A presencia no órgano reitor da entidadede José Arnau Sierra, vicepresidente de Inditex e man dereita de Marta Ortega, garantiza o apoio do imperio textil fundado por Amancio Ortega. Tamén seguirá contando, de momento, co apoio de Abanca e Gadisa. O presidente do banco, Juan Carlos Escotet, e o propietario do grupo líder do sector da distribución en Galicia, Roberto Tojeiro, continúan de patronos de honor. Tampouco se agardan cambios na política publicitaria das grandes institucións galegas, nomeadamente, a Xunta de Galicia, da que o grupo La Voz recibiu ducias de millóns nos últimos anos.

OPERACIÓNS DE MONOPOLIO QUE TERÁN QUE AGARDAR

Con todo, e a pesar dese respaldo empresarial e político, o certo é que a experiencia de fundacións controlando emporios empresarias non é satisfactoria. A maior parte deste tipo de experimentos non saíron ben. Por iso, o interese doutros grupos mediáticos non galegos, nomeadamente Prena Ibérica, por facerse con La Voz non decae.  Como tampouco decae o interese de mercar outros medios provinciais de Galicia e sumalos aos que xa ten. Son movementos aos que Galicia Confidencial estará moi atento, sobre todo, para evitar que a titularidade do maior grupo de comunicación de Galicia, e doutros galegos, saia do país. Ao fin e ao cabo, o monopolio informativo nunca é san nunha democracia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ixtlan

Excelente artigo de Xurxo Salgado! O xornalismo crìtico e rigoroso tan necesario e raro en Galicia.