O futuro do galego na CRTVG: cuestión de mercado ou cuestión política?

O anteproxecto de lei sobre medios que o goberno de Alfonso Rueda busca, en teoría, unha maior proxección de Galicia a través do emprego doutras linguas, nomeadamente o español e o inglés. Sectores da política, traballadores e traballadoras da CRTVG e colectivos de xornalistas manifestaron o seu rexeitamento ao anteproxecto. O Grupo Parlamentario Popular considera precipitada calquera valoración e, sobre todo, que este anteproxecto prepara os medios públicos galegos para o futuro.

Por Moncho Mariño | Santiago | 17/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O relato narra como Xosé Luis Barreiro Rivas, daquela vicepresidente dunha seminal Xunta de Galicia, recibira “instruccións precisas” desde Alianza Popular (antecesora do PP actual) e outros sectores para crear unha CRTVG cincuenta por cento en castelán e cincuenta por cento en galego. Cando o vicepresidente chegou a Santiago dixo aos seus: “cen por cen en galego. A traballar!”. En 2012 aprobárase unha lei para a CRTVG que contemplaba mesmo a creación de consellos informativos, elección dun director xeral por unha maioría ampla no Parlamento e ao final, a lei quedou sen aplicar. En xullo de 2024 o goberno de Alfonso Rueda presenta un documento titulado: 'Anteproxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital'. Teoricamente o anteproxecto quere “preparar” a Corporación de Radio e Televisión de Galicia para os retos dixitais do século XXI. A alarma vén cando no texto se fala de flexibilizar os usos lingüísticos dando paso a outras linguas como son o español e o inglés para a maior difusión da cultura galega no exterior.

Estudio 300 da CRTVG. CRTVG
Estudio 300 da CRTVG. CRTVG

ATAQUE CON ALEIVOSÍA
A deputada do BNG, Olalla Rodil, valora a filosofía do anteproxecto como un ataque aos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas e atacar a lingua propia do país”. Se ben non se tramitou ningún dos pasos que debe seguir unha lei para ser aprobada no Parlamento, Rodil avanza que “para o PP quedou clara unha cousa, o galego non serve para representar Galicia diante do mundo” e aínda máis “o PP quere matar o galego”. A parlamentaria recorda a Rueda presente na manifestación de 2009 convocada por Galicia Bilingüe.

Carmen Rodríguez Dacosta, do PSdeG, valora o anteproxecto como unha continuación das políticas que o PP viña realizando até o de agora con respecto ao galego nos medios.  “Xa o estaban facendo desde hai tempo baixo maneiras indirectas” e a apertura a outras linguas tamén é unha porta aberta para que o PP controle totalmente a CRTVG. Rodríguez Dacosta remarca que estamos diante dun goberno coa misión de protexer e promocionar a lingua do país e no canto diso “fai o contrario en pleno verán e con aleivosía, publica en xullo o texto e logo en agosto engaden novos puntos en vez de atender outras cuestións importantes”.

“O anteproxecto non chegou ao Parlamento e non foi rexistrado” quere remarcar a deputada do PPdeG Carmen Pomar, e engade: “é cedo para falar de apoios para este documento e nós respectamos o proceso normativo”. Preguntada sobre as motivacións detrás do documento responde: “fíxose para pensar nos novos tempos que vivimos, cun audiovisual que experimenta cambios moi acelerados ademais de haber normas estatais e europeas que piden a renovación das lexislacións audiovisuais”.


CONTROL E RESTRICCIÓNS?
Unha cuestión que xorde é se este anteproxecto tamén busca transformar a CRTVG nunha máquina para crear contidos e servir a intereses alleos á mesma Corporación. “A CRTVG leva anos traballando con empresas externas mais tamén o que buscan é poñer o galego fóra por falta de respeto ao idioma” sinala Rodil. Alén diso, “a televisión e radio galegas buscaron espazos para o uso e prestixio do galego”. Para a deputada nacionalista está claro que os obxectivos son dous: reducir a presenza do idioma e o control político dos medios públicos galegos.

Rueda (dereita) na manifestación de Galicia Bilingüe
Rueda (dereita) na manifestación de Galicia Bilingüe

“É un golpe antidemocrático contra os principios da TVG e da Radio Galega, algo que expresamos desde o grupo parlamentario e que expresaron diversos colectivos do audiovisual” remarca Rodríguez Dacosta. Porén, esta acción non parece importarlle ao goberno de Rueda porque “non se esconden, non cumpriron coa lei de 2012 e agora poñen o que pensan negro sobre branco, poñer ao seu servizo os medios públicos”.

Pola súa parte, Carmen Pomar insiste en que “os novos mercados e as novas maneiras de contemplar a dixitalización necesitan de ferramentas que permitan unha oferta renovada” cara as novas maneiras de consumir audiovisual. E detrás non hai ningunha limitación ao galego? “Creo que non, que as persoas que interpretan así o anteproxecto están equivocadas, o galego é de todos, non pertence a ningunha ideoloxía”. Todo o que reflicte o texto do anteproxecto, sinala Pomar, é unha maneira de afrontar o século XXI e competir no terreo audiovisual.

Postos en contacto coa Xunta de Galicia sobre este tema, fontes da Secretaría Xeral de Medios apuntan que o Anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital continúa a súa tramitación administrativa. Na actualidade están en fase de estudo as diferentes alegacións recibidas durante o prazo establecido a tal afecto. "Todas serán estudadas en detalle para decidir se procede ou non a súa incorporación ao anteproxecto normativo”, indica. Desde a CRTVG respondeuse que "a CRTVG non ten entre as súas competencias nin a elaboración de lei algunha nin da súa tramitación parlamentar. Polo tanto, a Corporación debe manterse e mantense á marxe de calquera debate ou posicionamento arredor das mesmas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta