Cando a UPG volve ás orixes: candidatura única e advertencias a "tentacións presidencialistas"

O partido maioritario do BNG manda dous grandes recados. A diferencia do acontecido na asemblea de Amio, aposta por unha candidatura unitaria parada dar a imaxe dun Bloque "unido". Tamén hai mensaxes cara Ana Pontón, mellor unha dinámica interna "máis colectiva e coral", que "presidencialista".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/11/2024 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

A Unión do Povo Galego (UPG) falou alto e claro. Nun momento de definición estratéxica do futuro do nacionalismo galego, o partido hexemónico do BNG tamén quixo dar a súa opinión. Unha opinión que, aínda que quere ser constructiva, a verdade é que engade máis leña a unha fogueira que haberá que apagar na vindeira Asemblea Nacional desta fin de semana.

Membros do Comité Central da UPG elixidos na asemblea do 2016
Membros do Comité Central da UPG elixidos na asemblea do 2016 | Fonte: UPG

Nun comunicado colgado na súa páxina web, manda varios recados e todos apuntan cara a Ana Pontón, líder do Bloque pero tamén militante deste partido. Anuncios que chaman a atención e, especialmente, nun momento no que o BNG ten o maior apoio electoral da súa historia.

A UPG considera que se pode ver a existencia de varias candidaturas como un síntoma de "normalidade democrática nunha organización frontista e plural", pero tamén subliña que "é evidente que unha lista única e unitaria" --pola que aseguran apostar-- lanzaría unha mensaxe "potente" dun BNG "unido e con capacidade de integrar todas as correntes e sensibilidades", "a imaxe dun BNG máis forte e cohesionado".

"Lamentamos, por tanto, que esa vontade integradora que a UPG defende desde o inicio non fose suficientemente compartida para dar lugar a unha candidatura máis plural e unitaria". Por iso, comprométese a impulsar todos os esforzos necesarios e seguir traballando ata a propia Asemblea Nacional para lograr un acordo final que a faga posible.

En todo caso, animan á militancia a que participe activamente na cita e lembra que as grandes decisións que definiron as liñas de traballo do BNG e a súa estratexia foron sempre tomadas colectivamente pola militancia na asemblea. "Ese debe seguir sendo o camiño", apunta a UPG, que asegura ter a convicción de que a XVIII Asemblea servirá para que o nacionalismo continúa o camiño definido que terá que levar a novos éxitos políticos e á conquista do obxectivo final da soberanía de Galicia.

CANDO EN AMIO DICÍA OUTRA COUSA

A UPG mantén agora unha posición moi diferente a mantida hai 12 anos na famosa asemblea de Amio, aquela que provocou unha crise de tal calibre que acabou co nacionalismo esfalerado e roto en moitos anaquiños. Entón, o partido maioritario do Bloque,defendía a necesidade de "clarexar", é dicir, confrontar, fronte ao quintanismo e ao beirismo. Máis dunha década despois, e sen colectivos que lle fagan sombra, a UPG é partidara xa dunha candidatura única.

CONTRA O PRESIDENCIALISMO

Outra das advertencias da UPG vai dirixida expresamente contra a súa voceira nacional, Ana Pontón, e o seu equipo, especialmente, logo de ser a candidata nacionalista que máis éxito electoral ten colleitado en número de escanos, mesmo por riba do histórico Xosé Manuel Beiras.  Neste sentido, no seu comunicado, a UPG avoga por unha dinámica interna "máis colectiva e coral" no Bloque Nacionalista Galego, "afastada de calquera tentación presidencialista" por considerar que é "incompatible co carácter asembleario e democrático da fronte".

No texto, a organización asegura ser "moi consciente" da importancia no momento actual da comunicación e dunha "acertada estratexia neste ámbito", pero incide na necesidade de máis traballo organizativo. "Sabemos que unha forza que traballa contra o poder e todos os seus medios non pode avanzar apenas con mercadotecnia e accións performativas de imaxe", indica a UPG, que fai fincapé na necesidade deel traballo organizativo, social, institucional e da batalla das ideas.

Así, a UPG sinala que a súa presenza na candidatura que agrupa á maioría da anterior dirección e que lidera Ana Pontón "debe entenderse como un acto de responsabilidade" pero tamén como "garantía de que sexa cumprido o compromiso de que a nova dirección funcionará sobre a base do diálogo, a negociación e o consenso" e de que será reactivado o papel do Consello Nacional como órgano de dirección do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Agora falta saber quen asina o comunicado da UPG ? Se Ana Pontón pentence á UPG e os seus colaboradores tamén, cómo é posible que saia este comunicado da UPG agás que o asinen as Pantasmas do Pasado e de Sempre ! ¿O de Paco Rodríguez é incríble, era o Cid quen cabalgaba despois de morto? Mentras non se disolva a UPG o Nacionalismo en Galicia será sempre a Cofradía do Santo Cristo do Perdón...