Anita Mateu, a 'influencer' que grazas ás redes puido saír de Cuba para vivir nunha Galicia que a namorou

Con máis dun millón de seguidores sumando a súa canle de Youtube e as súas contas de Instagram e Tik Tok, Anita logrou forxarse un futuro nas redes sociais que lle permitiu saír dunha ditadura que afoga ao seu país, que restrinxe dereitos e que obriga á súa xente a vivir na miseria. Esta é a súa historia.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/11/2024 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

A realidade que se vive a día de hoxe en Cuba moi probablemente sexa aínda máis dura do que podemos chegar a imaxinar ou do que os medios nos transmiten. Unha férrea ditadura non permite a liberdade de expresión nin, moito menos, de información, ocultando ao exterior todos os crimes e violacións de dereitos que día a día se cometen sobre os seus cidadáns. É por iso que son moitos os cubanos que tratan de fuxir desa represión e dunha inflación desmedida que os obriga a vivir na miseria, pasando penurias e fame. Nesta punto, Galicia converteuse nunha terra de acollida para moitas desas persoas que lograron fuxir da ditadura. Lonxe quedan eses tempos nos que eran os propios galegos os que emigraban na procura dunha vida mellor e de oportunidades de traballo no continente americano. Agora, é o momento de devolverlles o bo recibimento que tiveron para con nós. Dende o Galicia Confidencial falamos coa creadora de contido, 'youtuber' e 'influencer' Anita Mateu, que grazas ao seu traballo en redes sociais logrou saír de Cuba fai xa dous anos e chegar a Galicia, unha terra que a namorou dende o primeiro momento e da que xa non pensa marchar.

Anita Mateu en Cuba
Anita Mateu en Cuba | Fonte: @anita_mateu

A día de hoxe Anita ten unha canle de Youtube con 455.000 seguidores (AnitaMateu), aos que hai que sumar 373.000 na súa conta de Instagram (@anita_mateu) e outros 269.000 na de Tik Tok (@anita.mateu). "Eu comecei a facer vídeos de YouTube estando en Cuba e así foi como conseguín reunir uns cartiños para poder fuxir, pero non é tan doado para todo o mundo, tes que ter algún familiar que che axude dende fóra ou que che dea cartos, porque senón non podes nin vivir", explica, asegurando que é por iso que "hai moitos que tamén se van cruzando fronteiras para os Estados Unidos, non só para aquí para España, todo depende da oportunidade que se che presente". O que si é común a todos os que deixan familiares na súa Cuba natal é a solidariedade cos que nela se quedan. "Alá os cartos non chegan para nada, os salarios son moi baixos en comparación co custe de vida, por iso a maioría dos que logramos fuxir mandámoslle cartos á nosa familia que segue dentro para que poidan vivir, pois, de non ser por iso, teríano practicamente imposible", asegura Anita.

A súa aventura en Youtube arrincou precisamente a partir da necesidade que tiña de poder subsistir. "Eu tiña un traballo en Cuba que non me facía feliz, porque non me chegaban os cartos para nada, perdía moito tempo e sempre che vinculaban coa política, porque se traballas para o Estado en Cuba xa significa que apoias ao Goberno", explica. De tal maneira que, aínda que non foi unha decisión doada, decidiu renunciar a ese traballo e "como sempre me gustaron as redes sociais, comecei a facer vídeos sobre a miña vida en Cuba, como era un día comigo, que era o que se comía, como se vivía, como estaban os supermercados...". Despois de varias publicacións, lembra moi ben cal foi a que se viralizou: unha na que falaba da comparativa entre o salario medio e o custe medio de vida. "Eu son enxeñeira industrial e fixen un vídeo de canto gañaba séndoo alá en Cuba, canto sería o equivalente en dólares e para que me chegaban os cartos", explica, e apunta a que "alá o salario medio anda nos 20 euros ao mes, mentres que o custe de vida sobrepasa os 200 euros ao mes, polo que é imposible vivir".

Grazas a ese vídeo viral, Anita comezou a ser coñecida por moita máis xente e, a partir de aí, a súa canle non parou de medrar. O impacto das súas vivencias causou tal sensación que pouquiño a pouco os ingresos que percibía das redes foron medrando. "Youtube era a miña plataforma principal e sempre tiven claro que todo o diñeiro que me chegase dela ía gardalo ben gardado e non tocalo, coa idea de aforrar para poder marchar", conta Anita, que explica que "tan só sacaba o xusto e preciso para poder mercar un pouco de comida, pero non o derrochaba nin me iba de viaxe nin de hotel". Tiña claro que era por esta vía que, algún día, lograría aforrar o suficiente como para poder deixar atrás a miseria dunha terra tan bonita como maltratada. E ben é certo iso de que todo esforzo dá os seus froitos, pois agora mesmo pode desfrutar dunha vida feliz en Galicia.

"SUBIR UN VÍDEO DE 10 MINUTOS A YOUTUBE EN CUBA PODÍA LEVARME UN DÍA ENTEIRO, E CADA HORA DE ACCESO A INTERNET CUSTÁBAME 1 DÓLAR"

Anita Mateu coa súa placa de Youtube tras superar os 100.000 seguidores
Anita Mateu coa súa placa de Youtube tras superar os 100.000 seguidores | Fonte: @anita_mateu

Daqueles primeiros tempos nos que gravaba vídeos en Cuba, esta nova aínda lembra a odisea que era lograr subir un vídeo á hora que quería ou que consideraba que era mellor para que o vídeo se posicionase: "Era misión imposible, porque aló o Internet vai moi lento e tiña que poñerme a subir os vídeos ás 4 da madrugada, porque era o momento no que o Internet me ía un pouco mellor". Así, asegura que "podía pasar un día enteiro para subir un vídeo de 10 minutos". Ademais, "cando eu vivía en Cuba o Internet aínda era moi caro, agora está un pouco máis barato, pero cando eu comecei a subir vídeos, aló polo 2021, cada hora de acceso á rede custábame 1 dólar". Se subir un vídeo lle levaba todo o día, estamos a falar xa de 24 dólares ao día para ter acceso continuo á rede. A estes impedimentos técnicos había que sumar os ideolóxicos, e é que "eu non podía dicir abertamente todo o que quería, tiña que ter coidado e nunca dicir que toda a miseria que eu ensinaba era culpa do presidente". O que si asegura que podía facer era "ensinar como estaban as tendas, que non había produtos nelas, que o salario non chegaba... Pero nunca dicir que todo iso era culpa do presidente, porque, senón, podía meterme en problemas".

Dende Cuba, Anita decidiu xa directamente vir para Galicia. Como insiste, "a situación alá está moi mal, non hai electricidade, non hai comida, non hai oportunidades... Vívese moi mal e todos os mozos tratan de marchar na procura dun futuro mellor". De feito, asegura que isto é algo que leva vendo toda a súa vida, nos 28 anos que ten, e as cousas seguen igual. "O desexo de marchar de Cuba é algo que comezou xa fai moitos anos, mesmo miña nai cando era nova intentou fuxir, pero nunca o logrou, porque tampouco é algo doado". No seu caso, "eu tiven a posibilidade de vir para España porque teño familia aquí e unha amiga que foi a que me axudou a vir para Galicia, máis concretamente". Foi ela a que "me conseguiu un piso aquí". Así, aínda que confesa que "nun primeiro momento non sabía se me ía quedar aquí ou non, senón que vin para aquí porque foi o primeiro lugar que vin como saída de Cuba, pero de seguida me gustou e, así as cousas, xa levo dous anos aquí".

"LEMBRO QUE AO ATERRAR EN GALICIA O PRIMEIRO QUE NOTEI FOI MOITO FRÍO, ERA NOVEMBRO DE 2022, PERO LOGO TODO ME PARECEU MOI BONITO"

Anita conta que "si que é certo que sempre me gustou España, por todo o que vía nas películas e nas series, e porque teño tamén familiares aquí que xa me contaban como vivían, gustábame o estilo de vida dos españois e sabía que quería vir para España, pero o lugar en específico non o tiña claro". Así que, cando optou por Galicia, o primeiro que fixo foi informarse de como era a nosa terra: o clima, a comida, a xente... E confesa que "o clima si que era algo que me preocupaba un pouco, pero pensei que se vía que me chegaba a molestar moito ou non me acostumaba, logo podía ir para Mallorca, porque teño unha prima que vive alí". Cal foi a súa sorpresa cando, "lonxe de molestarme, gústame, ben é certo que ás veces chove moito e ponse o tempo un pouco triste, pero logo cando sae o sol xa todo se ve máis bonito, con moito verde". Iso si, nunca se lle esquecerá ese primeiro momento no que aterrou e puxo os pés en Galicia: "Lembro que tiña moito frío, pois cheguei xusto en novembro de 2022 e facía moito frío".

Pero, unha vez se subiu ao coche para chegar ata o seu novo apartamento, "todo me pareceu moi bonito: as paisaxes, as árbores, as estradas, as casas moi ben pintadas... todo me parecía unha película, porque en Cuba o clima é tropical e, aínda que hai palmeiras, non hai estes bosques tan frondosos como os que hai en Galicia, e, ademais, as estradas alá teñen fochancas e non están ben mantidas". "En Cuba todo está destruído, roto, as rúas están cheas de buratos, as casas están sen pintar e son moi vellas...", explica, e pon o exemplo de que, "estes días mesmo caeu un balcón polo paso dun ciclón, pois alá non se fai un mantemento das vivendas, porque tampouco hai posibilidades económicas como para iso". Así as cousas, Anita está encantada con Galicia e asegura que pensa quedar a vivir en Galicia "mentres poida, non teño pensado cambiar". O único que poida que chegue a cambiar é a vila de residencia, porque actualmente vive en Carballo, pero "gustaríame vivir na Coruña, porque todas as colaboracións e traballos de publicidade que me saen adoitan estar sempre na Coruña".

"TODO ME SORPRENDÍA AO COMEZO, TODO O QUE SE PODÍA MERCAR, TODA A COMIDA, NUNCA PROBARA O MARISCO E GÚSTAME MOITO""

Para esta 'youtuber' e 'influencer' cubana, outras das cousas que máis lle gustan de Galicia é, sen lugar a dúbidas, a comida. Asegura que "gústanme moito os mariscos, e iso foi algo que descubrín aquí, porque é unha cousa que nunca comera antes, nin polbo, nin zamburiñas, nin luras...", polo que foi todo un descubrimento que "me encantou". Ademais, Anita conta que para ela tamén foi toda unha experiencia a primeira vez que viu un supermercado cheo de comida: "Todo me sorprendía ao comezo, todas as tendas, todo o que podías mercar, todas as posibilidades...". E asegura que isto é algo que lle pasa en xeral a todos os cubanos cando abandonan Cuba por primeira vez: "Os primeiros meses volvémonos tolos, queremos probalo todo, comer de todo, facer de todo, porque é algo que nunca antes puidemos experimentar, totalmente novo para nós".

E, aínda que Anita traballa e vive das redes sociais, tamén ve ao seu arredor diferencias notables en canto á forma de traballar dos galegos e dos cubanos. "En Cuba todo é un pouco máis relaxado, debido á situación que atravesa o país: a xente vai traballar, pero se por exemplo se enteran durante a súa xornada laboral de que hai comida á venda a bo prezo, marchan do traballo para facer cola para comprala, pois non saben cando volverán ter esa oportunidade", conta, asegurando que ese é o motivo polo que "é un pouco máis desorganizado todo, porque a situación obriga a que así sexa". Pola contra, chamoulle a atención que "a maioría dos horarios de aquí sexan a xornada partida e permitan ese período de descanso no medio no que mesmo hai persoas que botan a sesta", porque "alá en Cuba trabállase de corrido, de 8.00 a 17.00 ou de 8.00 a 16.00 horas, sen parar". A nivel cultural e de personalidade, para Anita galegos e cubanos parécense "na súa hospitalidade e en que son bastante amables", pero "non tanto na forma de ser, porque niso os cubanos parécense máis aos canarios, son máis alegres e todo o mundo saúda aínda que non che coñezan, aquí son algo máis reservados".

"EN CUBA A UNIVERSIDADE É 'GRATUÍTA', PERO UNHA VEZ TE GRADÚAS, TES QUE PASAR 3 ANOS SERVÍNDOLLE AO ESTADO PARA DEVOLVER ESE GASTO"

A nivel político, esta creadora de contido lamenta que "Cuba leva sendo unha ditadura dende fai 60 anos, cos mesmos gobernantes á fronte, sen eleccións, sen opcións de ningún tipo, sempre saen os mesmos e non se preocupan de que o pobo mellore, senón que, lonxe diso, as cousas aínda van peor cada ano que pasa". É por iso que asegura que dos galegos que emigraron para alá no seu momento, antes do comezo desa ditadura, cando as tornas estaban invertidas e a situación precaria estaba en España, "xa non queda ninguén: todos os que puideron marchar de Cuba porque eran estranxeiros, marcharon". O que si quedan son moitos cubanos fillos e netos deses emigrantes galegos, algo que lles dá unha facilidade extra para saír do país. No caso de Anita, por exemplo, "meu tataravó era asturiano e, grazas a iso, a miña familia tivo moitas máis facilidades para sacarse a nacionalidade española". Esta nova aínda se emociona cada vez que pensa no incerto futuro de Cuba e en que non sabe se poderá retornar algún día para ver á súa terra próspera. Mentres, "o único que podo facer é seguir axudando á miña familia e, se podo, intentar sacala de alá".

Esta cubana tamén lamenta que haxa moitos cubanos que non vén recoñecida toda a súa valía laboral, porque, a pesar de contar con estudos, non llos validan en Cuba ou non llos homologan fóra. En concreto, Anita explica que "en Cuba a educación é gratuíta, incluída a universidade, e ti podes elixir a carreira que queiras en función da nota que teñas, fan un listado e poden elixir antes as persoas que teñan mellores notas". Ata aí todo semella xusto e correcto. O problema está en que, "cando te gradúas, tes que pasar 3 anos servíndolle ao Estado, como se fose un servizo social co que estás devolvendo o que che costearon de estudos". Deste xeito, "eses tres primeiros anos de traballo cobras moi pouquiño, porque unha parte do teu salario queda con ela o Estado". E que acontece se non pasas eses tres anos obrigatorios traballando? Pois que "dinche que o teu título non é válido". Aínda que Anita apunta a que "ese título si sería válido se marchas do país e fas a homologación, pero se queres traballar en Cuba, non che valería".

Anita Mateu en Galicia
Anita Mateu en Galicia | Fonte: @anita_mateu
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Ferroviario

O que non se pode, como fai " Sentidiño" e escribir coma se a situación de Cuba non fose moi mala, facer abstracción de todo eso, e repetir discursos que non teñen en conta a realidade. Se a xente marcha de Cuba, é por qué alí as cousas están mal, e o sistema non funciona, non marchan para comer marisco precisamente.

1 Sentidiño
recente

Non dixen o contrario. Só lin o artigo e ollei as fotos. Imaxino que estará de acordo comigo: esta rapaza é un modelo para a nosa mocidade.

2 Sentidiño

Isto é un artigo de axencia, ou un traballo da vosa responsabilidade, don Xurxo Salgado? Parécevos mal que un estado, boicoteado pola comunidade internacional, e que segue a formar gratuitamente a súa mocidade, precise dela para o servizo comunitario? Parécevos admirábel que unha muller abandoe o país que lle deu todo para poder comer marisco na Coruña? Vós tamén sodes parte da gusanera? Noxo.

1 NoamP7VC

Non recordo como se di miñoca en español.Non me ven a palabra.