25N.- Mulleres referentes en sectores masculinizados: Ana Oróns, enxeñeira agrónoma e directiva da madeira que cre no futuro

Aínda que nin mentres estudaba nin ao longo da súa traxectoria profesional se sentiu discriminada polos homes que a rodeaban, si apunta que "a diferenza fundamental que creo que sentimos as mulleres que formamos parte de sectores masculinizados, aínda que tamén acontece dentro dos sectores máis feminizados, é que no momento en que accedemos a unha área de dirección ou a un posto intermedio, semella como se tivésemos que amosar a nosa valía todos os días; mentres que, pola contra, cando un home chega a un certo nivel de responsabilidade, a ostentar un certo rango dentro do escalafón de mando, xa se lle presupón a capacidade, o coñecemento e a dilixencia para estar aí e tomar decisións".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/11/2024 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Aínda que resulte duro dicilo, nunha sociedade tan ideoloxicamente avanzada como se quere facer ver que é a actual, aínda hai moitas profesións nas que as mulleres non gozan de presenza, ás veces pola súa propia falta de interese, pero ás veces tamén porque dende sempre lles fixeron crer que non encaixaban nun mundo dominado por homes. Con motivo do Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero (25N), e poñendo sobre a mesa o feito de que a violencia de xénero non só se atopa nos asasinatos (últimas consecuencias da mesma), senón tamén en todas esas pequenas cousas, eses micromachismos, que cada día teñen que soportar as mulleres, o Galicia Confidencial comeza unha serie na que falará ao longo de toda a semana con mulleres que son auténticos referentes en sectores nos que chama poderosamente a atención que o sexan, ao estar integrados practicamente na súa totalidade por homes. Así, na nosa primeira entrega falamos con Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradeiros e Rematantes da Madeira de Galicia (Fearmaga) e enxeñeira agrónoma de carreira especializada no ámbito da mecanización e construción rural.

Sector forestal
Sector forestal | Fonte: GC - Arquivo

Ao pedirlle que bote a vista atrás, ata aqueles tempos nos que se atopaba na universidade cursando o que para ela sempre foi unha paixón, lembra que "na nosa especialidade, que xa de por si tiña un número moi reducido de alumnos, ao redor de 20, eramos unicamente dúas rapazas". No seu caso, "sempre tiven claro que quería ser enxeñeira, xa que, aínda que non era unha alumna especialmente brillante nas materias de ciencias, si que eran as que máis me gustaban e tiña unha vocación moi definida". E, aínda que concede que si que había unha clara predominancia dos homes na clase, asegura que "eu nunca me sentín discriminada nin tiven a sensación de que compañeiros ou profesores me tratasen diferente por ser muller". Xa rematada a carreira, Ana comezou a traballar en diversas empresas, tanto do ámbito público como do privado, e sempre en sectores vinculados co medio rural e, en consecuencia, asimilados tradicionalmente aos homes: concentración parcelaria, proxectos forestais... Ata que chegou a postos de dirección. Ao longo de toda esa dilatada traxectoria séntese afortunada de poder dicir que "nunca notei ningún tipo de diferenciación de trato".

Con todo, si apunta que "a diferenza fundamental que creo que sentimos as mulleres que formamos parte de sectores masculinizados, aínda que tamén acontece dentro dos sectores máis feminizados, é que no momento en que accedemos a unha área de dirección ou a un posto intermedio, semella como se tivésemos que amosar a nosa valía todos os días; mentres que, pola contra, cando un home chega a un certo nivel de responsabilidade, a ostentar un certo rango dentro do escalafón de mando, xa se lle presupón a capacidade, o coñecemento e a dilixencia para estar aí e tomar decisións, a non ser que cometa un erro moi grande". Ana asegura que isto é algo que tamén ten comentado moito con outras compañeiras que ostentan cargos directivos e no que todas concordan: "É como se tivésemos que estar sometidas a exame diariamente". Aínda que concede que o que tamén pode acontecer é que "sexamos nós mesmas as que nos autocuestionamos", precisamente por ter nacido nunha sociedade patriarcal na que eses traballos unicamente estaban reservados aos homes. "Canto é cousa nosa e canto se debe á presión allea? Iso xa non o sei", expón a secretaría xeral de Fearmaga.

"NO 2007 NON HABÍA MULLERES NOS ÓRGANOS DE GOBERNO DAS ASOCIACIÓNS PROVINCIAIS E AGORA XA AS HAI, AÍNDA QUE SEGUIMOS SENDO MINORÍA"

No seu caso concreto, como é o día a día de Ana? Que é o que fai no seu cargo? Antes de respostarnos, danos un matiz fundamental: "Unha cousa é o que un estuda, xa sexan estudos básicos ou superiores, e outra cal é a súa profesión e ao que se remata adicando". Puntualizado isto, Ana explica que "fun pasando dende execución de proxecto nos meus primeiros anos ata a área de dirección e asesoramento na que estou agora mesmo". Foi no ano 2007 cando se incorporou á Secretaría Xeral da Federación Galega da Madeira, cargo que, despois de 17 anos segue ocupando. "Dende aquí o que fago é apoiar e dar soporte aos nosos socios, así como establecer tamén vínculos de unión entre os diferentes axentes que conformamos o sector forestal, dende os axentes públicos ata os privados, propietarios e industrias doutros sectores que tamén son eslabóns da nosa cadea de produción", comenta. E é que Fearmaga representa aos rematantes e aos aserradeiros de madeira, pero antes están os propietarios e logo as empresas de taboleiros e de pasta, seguidas das empresas de segunda transformación en mobiliario. "Nós só somos un eslabón máis desa cadea e, parte do meu cometido é xerar eses vínculos, esas sinerxias, eses puntos de encontro e reunión con outras asociacións e entidades públicas e privadas, tanto do sector forestal galego e nacional como de outros sectores económicos, porque o sector da madeira tamén é un sector transversal e que pode ser un aliado para outros sectores económicos", asegura Ana.

Anacos de leña apilados xunto a troncos de madeira que van ser cortados
Anacos de leña apilados xunto a troncos de madeira que van ser cortados | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Agora ben, outra das cuestións que nos xorde é: dentro de todos eses socios aos que Ana axuda a diario e asesora, cantas mulleres hai? Como indica, "nós como federación somos unha asociación de asociacións, é dicir, todas as asociacións provinciais do sector da madeira conflúen na nosa federación". E, moi orgullosa, Ana asegura que "dende que me incorporei a Fearmaga no ano 2007 vin unha evolución moi grande no sector a nivel de igualdade de oportunidades". "No 2007, nas asociacións provinciais, non había ningunha muller que formase parte dos órganos de goberno, mentres que, actualmente, aínda que seguimos sendo minoría, si que contamos xa con mulleres nas xuntas directivas das asociacións de todas as provinciais", asegura. E afirma que isto xa non é algo que pase só nos órganos de goberno, senón que "é un reflexo de que, efectivamente, tamén hai mulleres que están traballando na parte produtiva da cadea, que son motoserristas, operarias de maquinaria pesada ou que traballan nos aserradeiros". Sobre esta última profesión, Ana destaca que "realmente nel fomos pioneiros, comparativamente con outros sectores masculinizados, na incorporación da muller, pois esta estivo xa dende sempre presente no proceso de transformación", e é non ten dúbidas de que "aportamos un 'plus' de calidade e de perfeccionismo moi interesante para aqueles produtos e materias primas que precisan dun control de calidade exhaustivo".

"COS PROCEDEMENTOS DE TRABALLO ACTUAIS E AS NOVAS MAQUINARIAS, XA NON É PRECISA A FORZA FÍSICA QUE SE PRESUPOÑÍA ANTES AOS OPERARIOS"

Como se pode observar, moitas veces tamén entra en xogo á hora de definir un sector como masculinizado o descoñecemento da sociedade sobre o mesmo. Para Ana o concepto que a xente pode ter sobre o sector da madeira pode verse distorsionado polo feito de que "se nos segue a ver como un sector moi primario, cunhas condicións extremadamente duras como si que o foron noutras décades, pero a realidade é que agora, cos procedementos de traballo actuais e as novas maquinarias, esa xa non é a realidade, pois para traballar neste sector nin tan sequera se require desa forza física que se presupoñía antes". De feito, asegura que "a día de hoxe non se require dunha forza física específica para traballar no sector grazas ás novas técnicas de traballo que fan que a forza non xogue un papel determinante e que non sexa necesaria, permitindo que cada vez máis mulleres accedan a diferentes postos de traballo". Para tratar de transmitir isto á poboación e, especialmente, ás novas xeracións, que son as encargadas de garantir o relevo futuro na profesión, dende a federación promoven charlas en colexios nas que contan como se traballa no sector e toda a riqueza social, económica, medioambiental e laboral que este pode aportar, deixando claro que "somos un sector altamente inclusivo que non discrimina por sexo, idade nin orixe". Xunto a isto, este mesmo verán tamén lanzaron unha campaña na que tratan de captar vocacións en institutos e centros escolares ante a falta de man de obra que hai nestes momentos no sector.

Sobre estas charlas en concreto, Ana asegura que lle gusta ir impartilas ela mesma, para recibir o 'feedback' do alumnado, xa que "considero que eu podo servir de exemplo para moitas nenas, ao non ter uns estudos nin unha profesión vinculada a sectores femininos". É por iso que "gústame moito participar e responder ás súas dúbidas, aportando así o meu graniño de area xa non dende o sector, senón tamén a título individual". Así as cousas, confirma que, efectivamente, nos últimos tempos "deime conta de que o da madeira é un sector que está xerando moita máis atracción e que está a ser visto como algo rompedor". Durante esas charlas tamén amosa mediante vídeos aos rapaces e rapazas a historia de mulleres que diversas circunstancias persoais traballan no monte aínda tendo unha complexión absolutamente normal, demostrándolles así que "non teñen que ter unhas características físicas significativas nin por envergadura, nin por altura nin por peso para poder poñerse a manexar unha motoserra ou maquinaria pesada". Ana asegura que "iso si que é algo que xera moito interese tanto entre rapaces como entre rapazas, porque fainos conscientes de que ao mellor ese estereotipo que tiñan de home fornido e moi curtido para traballar dentro do sector forestal xa é cousa do pasado, e que as novas técnicas de traballo e maquinarias fan que esa complexión física xa non sexa necesaria".

"FOMOS ENGANADAS: AS MULLERES INCORPORÁMONOS MOITO MÁIS RÁPIDO AO ÁMBITO LABORAL DO QUE OS HOMES SE INCORPORARON AO ÁMBITO DOMÉSTICO"

No seu caso, aínda con todo, sabe que é unha auténtica privilexiada por poder dicir que nunca tivo que aguantar ningún tipo de discriminación, nin agora que está nun posto de mando nin antes cando, nas orixes da súa carreira laboral, se atopaba no monte dirixindo cuadrillas. "Eu era unha rapaza nova, recén saída da universidade e con moi pouca ou ningunha experiencia en moitos dos campos, polo que sería doado pensar que ao mellor naquel momento si que me poderían ter discriminado, sobre todo porque estamos a falar dunha época, nos meus comezos, nos que os homes do sector si que eran moito máis aguerridos e fornidos, pero nunca me aconteceu", afirma. E ao preguntarlle cal pode ter sido a crave, apunta ao "tratar aos demais con respecto sempre, como che gustaría que che tratasen a ti, sendo sempre consciente do que cada quen pode aportar e cunha serie de principios e valores tanto no trato persoal como no laboral". Aínda que tamén concede que puido deberse "ao meu carácter ou forma de ser, que tampouco dá moito pé a que me traten de menos", chancea. 

Agora ben, o que si concede é que non é doado ser muller traballadora. "Tanto no noso sector como creo que, en xeral, en todos os demais, cando as mulleres chegamos a postos intermedios ou de mando temos que estar demostrando continuamente a nosa valía", e, por se isto fose pouco 'handicap', "impútannos unha serie de palabras trampa que nós mesmas somos as primeiras que nos rematamos crendo". Cales son esas palabras? Para ela, sen lugar a dúbidas: igualdade, conciliación e axuda. "Non hai igualdade, a igualdade dáma a Constitución, que é a norma que recoñece o meu dereito a ser igual aos demais independentemente do meu sexa, raza ou relixión, iso xa o teño, pero o que agora quero como muller é que se me dea algún tipo de compensación por esa deuda histórica que ten a sociedade para coas mulleres, quero unha paridade", reivindica Ana. Por outra banda, no tocante á conciliación, e como nai de dous nenos pequenos, denuncia que "a conciliación non chegou, e non porque non chegase ao meu sector ou á miña contorna laboral, senón porque creo que realmente non chegou á sociedade, esa palabra é unha trampa". E, finalmente, critica que "sempre se fala de axuda cando che din que seguro que a túa parella che axuda cos fillos, cando en verdade non ten que axudarche, senón que dentro dunha unidade familiar todos debemos ser corresponsables e colaborar". Neste senso, Ana lamenta que "en certo sentido as mulleres fomos enganadas cando nos incorporamos ao ámbito laboral, porque nós incorporámonos moito máis rápido ao ámbito laboral do que os homes se incorporaron ao ámbito doméstico".

"PRECISAMOS DE MAN DE OBRA, ESE É O PRINCIPAL RETO AO QUE NOS ENFRONTAMOS COMO SECTOR, UN SECTOR DE FUTURO E OPORTUNIDADES"

Sobre o futuro do sector en xeral, e tamén como unha forma de animar ás novas xeracións de rapaces e rapazas a que se sumen a el, a secretaria xeral de Fearmaga asegura que "somos un sector absolutamente de futuro e de oportunidades, sobre todo neste novo escenario económico que se está abrindo coa conciencia mediambiental como alicerce fundamental, xunto ao coidado do noso patrimonio natural, algo no que o sector forestal é un dos principais que pode permitir á sociedade cumprir cos estándares e economía sostible, e axudando tamén a outros sectores a subirse a este carro da transición ecolóxica e da utilización adecuada e respectuosa co medio dos recursos naturais". "Cada vez é máis habitual o desenvolvemento de novos produtos e procesos, innovando en novos compoñentes tecnolóxicos e doutros sectores económicos que teñen a súa base no sector forestal", asegura Ana, que por iso se amosa convencida de que "somos un sector de futuro". Pero, para iso, tamén fai un chamamento aos novos profesionais: "Precisamos de man de obra cualificada, de man de obra con estudos básicos e tamén de man de obra con estudos superiores, porque o principal reto ao que nos estamos enfrontando nestes momentos e a escaseza de traballadores", conclúe.

Ana Oróns, enxeñeira agrónoma e directiva no sector da madeira
Ana Oróns, enxeñeira agrónoma e directiva no sector da madeira | Fonte: Empresarias de Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta