Galicia non é Galicia sen o galego

Artigo de Xosé Antón Rodríguez, catedrático de Economía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (USC) sobre a situación do galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/11/2024 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Os idiomas  dun pobo son instrumentos culturais fundamentais para definir a súa identidade. Os  cidadáns que viven nese pobo teñen o dereito de coñecer os idiomas que se falan nese territorio; o mesmo que teñen o dereito a coñecer a súa cultura, historia ou xeografía.

'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua
'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua | Fonte: Queremos Galego

 

Outra cuestión distinta é a elección de cada persoa de utilizar o idioma ou  lingua que considere oportuno. Por outra banda, os gobernantes teñen a obriga de proporcionar as persoas dese territorio os recursos  necesarios para o coñecemento do seu idioma (ou idiomas). Os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en relación ao uso do galego, poñen de manifesto que  a Xunta de Galicia está a incumprir a súa obriga de que tódolos  seus habitantes  coñezan  a súa lingua propia (o galego),  así definida no  seu Estatuto de Autonomía (onde tamén se recolle o dereito a coñecer o galego). Isto é así porque os datos do IGE están a indicar que  máis dun terzo  da súa poboación menor de 15 años resulta que é analfabeto funcional, en canto ao coñecemento do galego. O retroceso é xeneralizado en tódalas franxas de idade, e  se se compara a situación coa de hai 20 anos o retroceso do galego en favor do castelán e moi preocupante. Con todo xustiza algúns medios falan de “emerxencia lingüística extrema”. 

 

No artigo que publicamos neste xornal, con  data 02/06/2024, titulado “Galicia necesita outro tipo de política económica”, indicábase que a política económica levada a cabo  nos últimos anos desde a Xunta de Galicia non foi efectiva porque non estivo deseñada para aproveitar a capacidade plena dos seus habitantes (os seus recursos humanos), en particular e de maneira específica, para aproveitar a capacidade é o talento da súa xuventude.   É obvio, que igualmente a política lingüística da  Xunta tampouco foi efectiva nos últimos anos para coidar  os seus recursos lingüísticos, que se concretan neste caso no uso e coñecemento da súa lingua propia. O galego é un  patrimonio inmaterial de incalculable valor que define a identidade de Galicia a través da súa cultura e historia, e á  proxecta cara o futuro. É sen dubida un instrumento de conectividade e interacción internas e externas de enorme impacto que debemos saber aproveitar os galegos. 

Pero non podemos esquecer que, a propia dinámica da promoción é uso do galego, é o resultado dunha política lingüística determinada e intencionada. Intencionada no senso de que responde a unha estratexia política onde a potenciación do galego non é unha prioridade. Como mostra de isto indicar que non se aprecia  ningún tipo de intencionalidade política de cambiar aquelas normativas que están a condenar ao galego. É suficiente  con ver a evolución dos datos dos orzamentos do goberno galego para a normalización lingüística, ou para a promoción dos libros en galego. Igualmente  pódese ver, como mostra,  a  evolución dos contidos no CRTVG para a xuventude ou ver o escaso esforzo que se está a facer para potencial o audiovisual en galego. Todo este conxunto de factores crean unha convicción errada de que o galego non é importante, non é útil. Por contra, o útil no contexto que nos movemos é realmente o castelán. É moi fácil de ver que na TVG cada vez hai máis anuncios en castelán. Para que comunicar  en galego se unha parte xa significativa da súa poboación nin o entende ben.

Para terminar podemos preguntarnos se o galego ten futuro. A grande cantidade de xente que, o domingo día 17 de novembro se manifestou en Santiago de Compostela en apoio do noso idioma, representa unha chama moi intensa de esperanza para a supervivencia do galego. Esta manifestación mostra que, unha parte moi importante da sociedade galega, está concienciada e entende a relevancia, en tódolos ámbitos, de que Galicia teña un idioma de seu con unha grande vitalidade.   Pero moi probablemente este tipo de manifestacións non sexa suficiente. O futuro do galego tamén depende do que cada día fagamos as galegas e galegos en canto o uso do galego. Se o utilizamos na rúa, no traballo, no ocio, na escola, no ámbito familiar....o galego non vai a morrer. Se o utilizan as persoas que podemos considerar “referentes” (na ciencia, na educación, na sanidade, no deporte, na cultura.....) o galego vai coller un gran impulso. Pero tamén parece obvio afirmar que, unha das mellores alternativas para o impulso do galego, é elección dunha opción política que contemple, entre as súas prioridades de acción de goberno, a defensa e revitalización da súa propia lingua.

Sen dúbida a xestión política resulta fundamental en tódolos ámbitos de goberno. O mesmo que se non apoiamos a nosa xuventude con políticas económicas decididas, Galicia vai ser relativamente menos importante no contexto español e europeo, se non apoiamos o galego con unha política lingüística verdadeira (non de prensa), Galicia vai a perder unha parte moi importante da súa esencia, Galicia non vai a ser a mesma Galicia sen o galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta