Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 30/03/2025 | Actualizada ás 12:00
Malia que hoxe en día moitas das paremias de gran vixencia no mundo tradicional agrícola e mariñeiro xa case non se empregan, ou mesmo son obxecto de total descoñecemento por parte das xeracións máis novas, se cadra non está de máis lembrar de vez en cando algunha delas.
Así pois, na presente entrega imos reflectir paremias que dan conta de que a neve e a xeada son boas para as colleitas, pois manteñen a terra con lentura e esponxosa e impiden a proliferación das malas herbas:
Año de nieves, año de bienes
Año de nieves, año de mieses
{= Paremias con que se expresa que se o ano trae nevadas e/ou xeadas traerá boas colleitas.}
Ano de nevadas, ano de fornadas
Ano de nevadas, ano de anadas
Ano de neves, ano de bens
[E MAIS]:
Ano nevado, fartura trae ó cabo
Ano de nevadas, ano de regazadas
Ano de neves, ano de bens, se na túa casa os tes
● Tamén:
Año de heladas, año de parvas
Ano de xeadas, ano de fornadas
Ano de xeada, ano de anada
Ano de moitas xeadas, ano de boas anadas
Ano de xeos, ano de codelos
[E MESMO]:
Ano de xeadas, ano de parvas
● E inda tamén, neste mesmo sentido, e gardando relación:
Gran nevada, colleita dobrada
Noites de xeadas, días de fornadas
NOTAS:
1. Polo que respecta á paremia ano de xeadas, ano de parvas, tirada do traballo “Falares de Boqueixón”, de Ramón Losada Álvarez e mais Vanesa Fernández Pampín, cómpre indicar que a voz parva, co significado que nela presenta (que sería o que no Diccionario de la Real Academia Española nos aparece reflectido como «Mies tendida en la era para trillarla, o después de trillada, antes de separar el grano»), non se recolle no Dicionario da Real Academia Galega, a obra normativa léxica de referencia para o idioma galego, na cal se nos ofrece, para dar conta deste concepto, as voces eirada ou airada.
Non obstante, e dado que na obra lexicográfica galega Frampas, contribución al diccionario gallego, de Eligio Rivas Quintas, si que se recolle parva con este significado, decidimos finalmente incorporala tamén, mais facendo constar as nosas dúbidas e reservas en canto á súa enxebreza.
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Acevedo y Huelves, Bernardo & Fernández y Fernández, Marcelino: Vocabulario del bable de occidente. Publicado en 1932. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ferro Ruibal, Xesús & Veiga Novoa, Cristina: “Paremias selectas. Un manuscrito bonaerense (1956) de Vicente Llópiz Méndez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 265-315. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
- VV.AA.: Refráns e ditos da Ulla. Obra á que no seu día se accedeu, a través da Internet, e que actualmente xa non se atopa dispoñible.
- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.