Pontón sobre a existencia de varias listas na XVIII Asemblea Nacional: "O BNG é unha gran organización democrática"

"Somos compañeiros e compañeiras que podemos expresar cales son as nosas ideas. Eu entendo que despois do que vimos neste país, cun Feijóo que se vai designando a dedo quen é o seu sucesor e con prácticas antidemocráticas nas organizacións, pois se cadra as cousas non se entenden, pero no BNG, se algo temos, é un valor importante como é a democracia interna", insistiu a portavoz nacional do BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2024 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou a "democracia interna" que existe na formación e enmarcou na "normalidade" o feito de que haxa varias candidaturas ao Consello Nacional de cara á XVIII Asemblea Nacional que se celebrará esta fin de semana. Pontón pronunciouse respecto diso ao ser preguntada nunha rolda de prensa ofrecida este luns no Parlamento de Galicia, onde compareceu xunto ás demais deputadas da formación, entre elas Noa Presas, que lidera unha das listas alternativas, a impulsada polo colectivo 'Arredistas' de cara á cita orgánica.

Na súa intervención, Pontón puxo en valor o feito de que o BNG estea este luns "pondo o foco no importante", como é a "loita contra a violencia machista" e destacou que a cita do próximo domingo demostra que o BNG é unha "gran organización" que ten na democracia interna un dos seus maiores alicerces. "Confiamos moitísimo na militancia e todos e todas traballamos na dirección de fortalecer este gran proxecto que é a gran esperanza para que en Galicia se poida abrir un cambio", destacou. Pontón sostivo que traballan "desde esa convicción" sabendo que "todos e todas" son "compañeiros e compañeiras" e que "nunha organización na que hai democracia interna, cada un pode expresar as súas ideas". "Iso o que fai é fortalecernos de cara aos retos que temos no futuro", afirmou.

A líder do Bloque diferenciou á organización frontista doutros partidos como o PP. "Somos compañeiros e compañeiras que podemos expresar cales son as nosas ideas. Eu entendo que despois do que vimos neste país, cun Feijóo que se vai designando a dedo quen é o seu sucesor e con prácticas antidemocráticas nas organizacións, pois se cadra as cousas non se entenden, pero no BNG, se algo temos, é un valor importante como é a democracia interna", insistiu. "Precisamente, as feministas, como somos Noa e eu, sabemos que os debates non nos preocupan, porque construímos desde liderados integradores, construímos desde unha visión diferente da política e normalizar este tipo de cuestións é fundamental para que vexamos con normalidade os procesos que se dan nas organizacións políticas".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa xunto ao resto de deputadas da formación no Parlamento de Galicia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa xunto ao resto de deputadas da formación no Parlamento de Galicia | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta