Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/11/2024 | Actualizada ás 10:56
A Unión do Povo Galego (UPG) falou alto e claro. Nun momento de definición estratéxica do futuro do nacionalismo galego, o partido hexemónico do BNG tamén quixo dar a súa opinión. Unha opinión que, aínda que quere ser constructiva, a verdade é que engade máis leña a unha fogueira que haberá que apagar na vindeira Asemblea Nacional desta fin de semana.
Nun comunicado colgado na súa páxina web, manda varios recados e todos apuntan cara a Ana Pontón, líder do Bloque pero tamén militante deste partido. Anuncios que chaman a atención e, especialmente, nun momento no que o BNG ten o maior apoio electoral da súa historia.
A UPG considera que se pode ver a existencia de varias candidaturas como un síntoma de "normalidade democrática nunha organización frontista e plural", pero tamén subliña que "é evidente que unha lista única e unitaria" --pola que aseguran apostar-- lanzaría unha mensaxe "potente" dun BNG "unido e con capacidade de integrar todas as correntes e sensibilidades", "a imaxe dun BNG máis forte e cohesionado".
"Lamentamos, por tanto, que esa vontade integradora que a UPG defende desde o inicio non fose suficientemente compartida para dar lugar a unha candidatura máis plural e unitaria". Por iso, comprométese a impulsar todos os esforzos necesarios e seguir traballando ata a propia Asemblea Nacional para lograr un acordo final que a faga posible.
En todo caso, animan á militancia a que participe activamente na cita e lembra que as grandes decisións que definiron as liñas de traballo do BNG e a súa estratexia foron sempre tomadas colectivamente pola militancia na asemblea. "Ese debe seguir sendo o camiño", apunta a UPG, que asegura ter a convicción de que a XVIII Asemblea servirá para que o nacionalismo continúa o camiño definido que terá que levar a novos éxitos políticos e á conquista do obxectivo final da soberanía de Galicia.
CANDO EN AMIO DICÍA OUTRA COUSA
A UPG mantén agora unha posición moi diferente a mantida hai 12 anos na famosa asemblea de Amio, aquela que provocou unha crise de tal calibre que acabou co nacionalismo esfalerado e roto en moitos anaquiños. Entón, o partido maioritario do Bloque,defendía a necesidade de "clarexar", é dicir, confrontar, fronte ao quintanismo e ao beirismo. Máis dunha década despois, e sen colectivos que lle fagan sombra, a UPG é partidara xa dunha candidatura única.
CONTRA O PRESIDENCIALISMO
Outra das advertencias da UPG vai dirixida expresamente contra a súa voceira nacional, Ana Pontón, e o seu equipo, especialmente, logo de ser a candidata nacionalista que máis éxito electoral ten colleitado en número de escanos, mesmo por riba do histórico Xosé Manuel Beiras. Neste sentido, no seu comunicado, a UPG avoga por unha dinámica interna "máis colectiva e coral" no Bloque Nacionalista Galego, "afastada de calquera tentación presidencialista" por considerar que é "incompatible co carácter asembleario e democrático da fronte".
No texto, a organización asegura ser "moi consciente" da importancia no momento actual da comunicación e dunha "acertada estratexia neste ámbito", pero incide na necesidade de máis traballo organizativo. "Sabemos que unha forza que traballa contra o poder e todos os seus medios non pode avanzar apenas con mercadotecnia e accións performativas de imaxe", indica a UPG, que fai fincapé na necesidade deel traballo organizativo, social, institucional e da batalla das ideas.
Así, a UPG sinala que a súa presenza na candidatura que agrupa á maioría da anterior dirección e que lidera Ana Pontón "debe entenderse como un acto de responsabilidade" pero tamén como "garantía de que sexa cumprido o compromiso de que a nova dirección funcionará sobre a base do diálogo, a negociación e o consenso" e de que será reactivado o papel do Consello Nacional como órgano de dirección do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.