A Deputación de Lugo aproba un orzamento de 130,4 millóns nun tenso debate con berros reclamando a residencia de Becerreá

Un pleno con votos en contra do PP e con desaloxo de público tras as protestas pola residencia de Becerreá.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 26/11/2024 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

A Deputación de Lugo aprobou este martes, cos votos dos grupos de PSOE e BNG e en contra do PP, un orzamento de 130,4 millóns para 2025, case un 12 % máis, destinado a "mellorar servizos públicos", resumiu a deputada socialista Carmela López, responsable da área de Economía. Foi tras aprobarse, entre outros asuntos, unha declaración institucional en apoio aos veciños e veciñas e concellos afectados pola DANA e con desaloxo do público ante as protestas verbais expresadas por dúas das asistentes en relación ás demandas sobre a residencia en Becerreá.

Antes, e sobre as contas, a deputada Carmela López vinculou o aumento dos orzamentos á participación nos tributos do Estado e incidiu en que as contas se destinarán "a mellorar e ampliar os servizos públicos e promover a actividade económica". "Cooperación cos concellos e o tecido social, apoio a sectores produtivos e avanzar en proxectos comprometidos, tamén Becerreá", precisou para incidir nos case once millóns "para manter nove residencias" A iso, sumou outras partidas como 3,4 millóns para axuda no fogar; tres millóns en educación ou 26 millóns para mobilidade. "Unha importante subida para a mellora e conservación da rede viaria provincial", recalcou.

CRITICAS DO PP

Fronte a iso, o portavoz do PP Antonio Meijide asegurou que o orzamento sobe "porque cada día pagamos máis en impostos estatais", pero rexeitou que sexa bo. "Son só para unha parte moi pequena", dixo ao denunciar que se prima a concellos das cores políticas do goberno provincial, algo que desde este se rexeitou. Tamén cuestionou que haxa "diñeiro nos bancos", en referencia aos intereses, e que, dixo, non se utilice. Por todas estas cuestións, tachou de "inútil" o orzamento.

Fronte a iso, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, defendeu que este organismo vai ter o 1 de xaneiro unhas contas "en tempo e forma" e negou as críticas do PP e defendido que a Deputación de Lugo está "a asumir" competencias da Xunta. Desta, asegurou que "leva máis de dez anos sen construír unha residencia no rural na provincia e nós, sen competencias, incluímos un investimento de algo máis de dez millóns para o coidado dos maiores na provincia". A iso, sumou partidas para "atender" o patrimonio ou outras destinadas a unha programación propia no ámbito cultural.

Nas posteriores quendas de palabra, Carmela López reivindicou a execución do orzamento por parte do goberno provincial e preguntouse "onde está a Xunta" ao incidir en competencias autonómicas que, recalcou, está a asumir a institución provincial. "Son uns orzamentos responsables e equilibrados", insistiu. Antonio Ameijide (PP) volveu a cualificar de "inútiles" e "inxustas" as contas mentres que Efrén Castro (BNG) rexeitou estas afirmacións para incidir, ademais, noutras partidas como as destinadas ao tecido produtivo.

RESIDENCIA DE BECERREÁ

Xusto tras producirse a votación, escoitáronse berros en referencia aos deputados socialistas e ao presidente provincial, José Tomé, esixindo "compromisos" en relación á residencia de Becerreá e culpando á Deputación de non dar partidas ao concello. "Quen negou 300.000 euros ao Concello foi a Deputación", denunciaron.

O presidente provincial mandou desaloxar ao público e, con posterioridade, cualificou de lamentable unha "actuación auspiciada polo PP", considerou. "O único compromiso foi da Xunta e non o cumpriu, tiñan que preguntarlle por que non o cumpriu". "Os demais imos cumprilo en tempos legais", sinalou para asegurar que este "espectáculo se vai a acabar por motu propio ou porque este goberno tomará as medidas que marca a lei".

"Nada máis antidemocrático que rebentar un pleno", apostilou o vicepresidente da Deputación de Lugo, que atribuíu o sucedido a "movementos" orquestrados previamente. Entre outros asuntos, na mesma sesión plenaria, presentouse unha moción do BNG para instar á Xunta a garantir os servizos de pediatría de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei, que contou co apoio de todos os grupos.

José Tomé, en primeiro plano, acompañado dalgúns deputados provinciais socialistas
José Tomé, en primeiro plano, acompañado dalgúns deputados provinciais socialistas | Fonte: DEPUTACIÓN DE LUGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta