Temas: FRASEOLOXíA

“Vai túa”, unha das fórmulas galegas equivalentes á castelá “para ti la perra gorda”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 24/11/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

É posible que moitos ou moitas dos que estades a ler este artigo vivísedes algunha vez unha situación na que, nunha discusión en que existe un troco de opinións ou pareceres distintos con outra persoa, chegase un momento en que decidísedes que o mellor era darlle cabo á dita discusión e ceder ou pedir papas, mais non porque a outra persoa vos convencera, senón porque vistes que era tan carneirana que, por moito e moito que seguísedes falando, non ía baixar da burra nin atender a razóns.

Billetes, moedas, euros, euro, diñeiro. EUROPA PRESS - Arquivo
Billetes, moedas, euros, euro, diñeiro. EUROPA PRESS - Arquivo

En castelán, para lle pór o fin a este tipo de discusións ou situacións, resulta moi habitual recorrer á fórmula (pues) para ti la perra gorda.

Vexamos algunhas opcións expresivas das que dispomos en galego para iso mesmo:

(Pues vale,) Para ti la perra gorda

{= Fórmula con que unha persoa, por non seguir cunha discusión en que hai un troco de pareceres ou opinións, cede ante a parte contraria e lle pon fin á dita discusión, mais non porque lle convencera a opinión desta, senón porque entende que é demasiado carneirana coma para atender a razóns.}

(Pois vale,) Vai túa (, ala)

Ex.: —Que te digo que no hace ni diez años que le dieron el premio a su mujer. —Que no, hombre, que no, hazme caso, que por aquel entonces todavía no había cumplido los treinta y hoy en día ya tiene más de cincuenta. —Que te digo que no, que estás equivocado, que me acuerdo como si fuese hoy mismo… —Pues vale, para ti la perra gorda.

—Que che digo que non hai nin dez anos que lle deron o premio á súa muller. —Que non, home, que non, faime caso, que daquela inda non cumprira os trinta e hoxe en día xa ten máis de cincuenta. —Que che digo que non, que te estás a confundir, que me lembro coma se fose hoxe mesmo… —Pois vale, vai túa (, ala).

● Tamén:

(Pois vale,) Boura, Pepa, boura

Ex.: —Que che digo que non hai nin dez anos que lle deron o premio á súa muller. —Que non, home, que non, faime caso, que daquela inda non cumprira os trinta e agora xa ten máis de cincuenta. —Que che digo que non, que te estás a confundir, que me lembro coma se fose hoxe mesmo… —Pois vale: boura, Pepa, boura.

● Mesmo tamén, se cadra por calco da estrutura formal e do contido casteláns:

(Pois vale,) Para ti o patacón (, ala)

● Inda tamén:

(Pues vale,) Lo que tú digas # Como tú digas && [E MAIS]: (Pues vale,) Lo que tú quieras # Como tú quieras && [E MAIS TAMÉN]: Pues vale (, hombre/mujer...), tienes razón && Pues ya está (, hombre/mujer...), tienes razón

(Pois vale,) O que ti digas (, ala) # Como ti digas (, ala) && (Pois vale,) O que digas ti (, ala) # Como digas ti (, ala) && [E MAIS]: (Pois vale,) O que ti queiras (, ala) # Como ti queiras (, ala) && (Pois vale,) O que queiras ti (, ala) # Como queiras ti (, ala) && [E MAIS TAMÉN]: Pois vale (, home/muller...), tes razón (, ala) && Pois xa está (, home/muller...), tes razón (, ala) && Pois paréceme ben (, home/muller...), tes razón (, ala)

● E incluso tamén, relacionada e aplicable en certos contextos na medida en que se trata dunha resposta irónica ou retranqueira coa que se pecha a discusión, mais dando a entender que a outra parte está errada e que o que está a soster ten tanto valor coma o farelo:

Todo o que digas, farelo

Ex.: —Que che digo que non hai nin dez anos que lle deron o premio á súa muller. —Que non, home, que non, faime caso, que daquela inda non cumprira os trinta e agora xa ten máis de cincuenta. —Que che digo que non, que te estás a confundir, que me lembro coma se fose hoxe mesmo… —Pois vale: todo o que digas, farelo.

NOTA:

As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta