Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 06/04/2025 | Actualizada ás 12:00
Para dar a entender que unha persoa non ten quen a iguale naquilo do que se está a falar –nomeadamente, en dominio, forza, poder ou valentía–, ou ben, en certos casos, que unha persoa non ten quen se atreva a opoñerse a ela ou a desafiar o seu poder, influencia, notoriedade ou autoridade, en castelán é recurso habitual dicir aquilo de no hay quien le tosa.
Vexamos secuencias lingüísticas galegas que fornecen ese mesmo contido:
No haber quien le [me, te, nos...] tosa
{= 1. Non haber quen iguale, naquilo do que está a falar (nomeadamente, en dominio, forza, poder ou valentía), á persoa –ou mesmo tamén entidade ou cousa– a quen se lle aplica a expresión. 2. Non haber quen se atreva a se opoñer ou a desafiar o poder, influencia, notoriedade ou autoridade da persoa, ou entidade, a quen se lle aplica a expresión. }
Non haber quen lle poña o pé diante
Non haber quen lle tusa
Non haber quen llas dea
[E MAIS TAMÉN, CUNHA MAIOR CARGA DE COLOQUIALIDADE]:
Non haber quen lle ladre
Non haber can que lle ladre
Ex. (acepc. 1): En los diez últimos años la esquiadora noruega no tuvo quien le tosiera, pero la irrupción de esta joven finlandesa puede suponer un punto de inflexión al respecto.
Nos últimos dez anos a esquiadora norueguesa non tivo quen lle puxera o pé diante ‡ non tivo quen lle tusise ‡ non tivo quen llas dese ‡ non tivo quen lle ladrase ‡ non tivo can que lle ladrase, pero a irrupción desta moza finlandesa pode supor un punto de inflexión ó respecto.
Ex. (acepc. 1): En la relación calidad-precio, al mejillón de Galicia no hay quien le tosa.
Na relación calidade-prezo, ó mexillón de Galicia non hai quen lle poña o pé diante ‡ non hai quen lle tusa ‡ non hai quen llas dea ‡ non hai quen lle ladre ‡ non hai can que lle ladre.
Ex. (acepc. 2): En el organigrama de la empresa figura como número tres, pero como se trata del hijo del jefe, a efectos reales no hay quien le tosa y es él quien realmente parte el bacalao.
No organigrama da empresa figura como número tres, pero como se trata do fillo do xefe, para os efectos reais non hai quen lle poña o pé diante ‡ non hai quen lle tusa ‡ non hai quen llas dea ‡ non hai quen lle ladre ‡ non hai can que lle ladre e évos el quen realmente lles pon o rabo ás cereixas.
● Tamén:
No haber quien le haga sombra # quien le haga frente
Non haber quen lle faga sombra # quen lle faga fronte
Ex. (acepc. 1): Nos últimos dez anos a esquiadora norueguesa non tivo quen lle fixese sombra ‡ non tivo quen lle fixese fronte.
Ex. (acepc. 1): Na relación calidade-prezo, ó mexillón de Galicia non hai quen lle faga sombra ‡ non hai quen lle faga fronte.
Ex. (acepc. 2): No organigrama da empresa figura como número tres, pero como se trata do fillo do xefe, para os efectos reais non hai quen lle faga sombra ‡ non hai quen lle faga fronte e évos el quen realmente lles pon o rabo ás cereixas.
● Tamén, para a acepción 1:
Non haber quen lle empate # quen lle compita
Ex.: Nos últimos dez anos a esquiadora norueguesa non tivo quen lle empatase ‡ non tivo quen lle competise, pero a irrupción desta moza finlandesa pode supor un punto de inflexión ó respecto.
Ex.: Na relación calidade-prezo, ó mexillón de Galicia non hai quen lle empate ‡ non hai quen lle compita.
● Tamén, igualmente para a acepción 1:
No tener rival
Non ter rival && Non ter segundo que lle compita
Ex.: Nos últimos dez anos a esquiadora norueguesa non tivo rival ‡ non tivo segundo que lle competise.
Ex.: Na relación calidade-prezo, o mexillón de Galicia non ten rival ‡ non ten segundo que lle compita.
NOTAS:
1. Malia que as ocorrencias máis habituais da maioría destes fraseoloxismos se materializan co verbo haber, tamén poden presentar outros verbos, tal e como se reflicte, sen ir máis lonxe, no primeiro dos exemplos.
2. Polo que atangue á secuencia fraseolóxica non lle poñer o pé diante a alguén, no traballo “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”, de Xosé María López Ferro, fornécese a maiores outro significado da mesma, que reflectimos, ó pé da letra, a seguir:
«Non ter medo a ninguén. Pódenlle critica-lo que queiran que, como teña decidido algo, a el ninguén lle pon o pé diante.» |
3. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.