Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2024 | Actualizada ás 21:37
O Comité de Intercentros da CRTVG avanzou, na décimo sétima xornada de paro na corporación, segunda co horario ampliado desde as 11.30 horas ata as 13.45 horas para "impedir por completo" a emisión O Termómetro, que o próximo 1 de decembro chamará a toda a cidadanía a participar "nunha gran manifestación en defensa dos medios públicos".
O anuncio desa mobilización, que se propón buscar, unha vez máis, "a implicación da sociedade na tarefa de rescate da radiotelevisión pública", prodúcese despois das asembleas xerais que este martes referendaron continuar coa folga no formato actual, a pesar de, quéixase o Comité, "a negativa da dirección da Corporación a abrir un diálogo que permita reconducir o conflito".
Segundo o comité de folga, "lonxe de destensar", as persoas "con contratos de alta dirección" ao mando da CRTVG "profundan nas manobras represivas para tentar conseguir desactivar a folga recorrendo ao abuso de poder e a sementar o medo". O comité de folga afirma que se sorprendeu coa presenza no control de realización desde o que se pretendía conducir O Termómetro "dun técnico dunha empresa allea que tentaba medir o nivel de decibeis do megáfono co que se anuncia cada xornada o arranque dos paros".
"Acompañado do responsable de Seguridade e Saúde Laboral da CRTVG e sen avisar ás persoas traballadoras delegadas de prevención como é preceptivo, o único obxectivo dese técnico externo era solicitar probas para activar un expediente disciplinario contra os membros do comité de folga", denuncia o mesmo.
O Comité Intercentros agradeceu a todo o persoal da radio e da televisión "o esforzo que está a realizar para soster esta mobilización", co foco "moi especialmente" nos traballadores de O Termómetro cuxa retransmisión, sosteñen, abortouse unha vez máis. O comité sostén que os detalles da manifestación faranse públicos nos próximos días.
"ACTO POLÍTICO"
A consulta de Europa Press, a dirección da CRTVG defendeu que os responsables de Seguridade e Saúde Laboral están "a facer o seu traballo" para "garantir a seguridade" dos traballadores dos medios públicos; e lembrou que se trasladou ao Comité Intercentros dúas comunicacións por escrito advertindo de "condutas impropias que exercían os piquetes contra traballadores que non seguen os paros".
Estas dous comunicacións, apunta, fixéronse tras recibir no departamento de Recursos Humanos "queixas verbais e por escritos sobre a presión que estaba a exercer o comité de folga sobre o persoal de quenda que non secunda os paros". "Respectando o dereito á folga, a Corporación ten a obrigación de velar para que se respecte o dereito ao traballo que, de forma masiva, queren exercer os traballadores", engade.
Finalmente, sobre a manifestación, considera que "non é máis que outro acto político" do Comité Intercentros "tras o fracaso da folga indefinida contra a produción do programa O Termómetro, xa que case o 90% do persoal da Corporación rexeita día tras día secundar a folga forzada por este comité".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.