Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2024 | Actualizada ás 18:06
O Comité Intercentros da CRTVG, en folga desde hai un mes para denunciar a "externalización" e dilapidación de recursos" da Corporación, lamenta que a dirección rexeitase a mediación do Consello Galego de Relacións laborais para "desatascar" a situación.
Segundo informaron, a Corporación alongou a súa resposta ata o límite legal (tres días). No escrito, ven a mediación "innecesaria" e aducen que o obxecto da folga, recuperar a produción propia interna na franxa matinal da TVG, é "unha decisión produtiva que compete exclusivamente á dirección da Corporación e que non tivo incidencia nas condicións de traballo do persoal".
Neste contexto, o Comité Intercentros acusou ao director de recursos humanos, Víctor Tubío, de levar a cabo "unha onda represiva impropia do emprego público en contextos de máximo conflito". Explican que remitiu ao comité de folga unha advertencia na que acusaba aos convocantes do paro de "presionar ao persoal para que abandone o posto de traballo para secundar a folga".
Así mesmo, continúan, advertiu de sancións disciplinarias polo uso de altofalantes no interior das instalacións da empresa, "amplificador co que o comité avisa historicamente do inicio de cada mobilización e que nunca provocou actuacións represivas". Lamentan tamén que Recursos Humanos decidise "unilateralmente" acabar co sistema de crédito horario sindical para aplicar a partir do 1 de xaneiro de 2025 o réxime básico de crédito horario que establece o Estatuto de Persoas Teballadoras, "un importantísimo recorte que minguaría a capacidade de acción dos representantes legais do cadro de persoal".
Durante o paro deste venres, o 15º, volveuse a paralizar a emisión de 'O Termómetro', programa que pon de exemplo da "externalización" e "dilapidación de recursos públicos". Ademais, na concentración que tivo lugar ás portas da central do ente público en San Marcos, os manifestantes recibiron os apoios do escritor Suso de Toro e do actor e guionista Federico Pérez Rei. Tamén leron un comunicado de solidariedade e condolencias coas vítimas da DANA de Valencia.
POSTURA DA CRTVG
A CRTVG, consultada por Europa Press, informou de que o seguimento da folga este venres foi do 13,1%, polo que, aseguran, "máis do 85% do persoal da CRTVG non secunda o boicot sindical contra o programa 'O Termómetro'".
Destacan ademais que a folga indefinida "apenas está sostida polo Comité Intercentros convocante". Segundo apuntan, a asemblea de traballadores na que se confirmou a continuación dos paros tivo unha asistencia dunhas 40 persoas sobre un total de case 1.000 traballadores.
Así mesmo, aseguran que a petición de cancelación do programa 'O Termómetro' non ten "ningunha base legal". Argumentan que esta mesma estrutura de programa é a que existe en Televisión Española e o resto de canles autonómicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.