A Xunta insiste na situación "favorable" do lobo en Galicia e reclama rebaixar a súa protección

A directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta fixo estas afirmacións nunha mesa redonda da Unión Europea en Bélxica sobre conservación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2024 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia



A directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Marisol Díaz, participou este luns nunha mesa redonda no marco do Foro Rexional de Conservación que organiza a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), celebrada en Bruxas (Bélxica), e na que trasladou o "estado favorable" do lobo en Galicia, e a necesidade de rebaixar a súa protección.

Así, a representante autonómica defendeu o traballo da Xunta na conservación da biodiversidade no territorio e destacou a situación favorable de especies como o lobo, tal e como reflicten os datos recompilados polo último censo elaborado (do bienio 2021-2022), "polo que poderían rebaixarse as medidas para a súa protección na liña do que está a propor a UE".

Segundo lembrou Marisol Díaz, Galicia é a zona con maior presencia de grupos territoriais de lobo ibérico en toda a rexión atlántica.

Por outra banda, apuntou que, ademais do lobo, Galicia realiza conxuntamente con outras comunidades (Asturias, Cantabria e Castela e León) o seguimento de especies como o oso, co fin de obter unha 'radiografía' o máis exacta posible do seu estado de conservación.

De feito, o lobo e o oso son dúas especies moi relevantes "dada a súa interacción coas explotacione agrogandeiras", polo que a Xunta convoca axudas todos os anos para previr e compensar os danos que causan aos espazos e a outros animais no ámbito rural galego.

Igualmente, subliñou que as especies silvestres, especialmente as ameazadas, son obxecto dunha avaliación periódica para contar con información sólida e actualizada que sirva de fundamento técnico para a aplicación de medidas específicas de conservación.

Así, a directora xeral puxo en valor o labor realizado a través dos plans de recuperación e conservación de especies do catálogo galego de especies ameazas e os plans de xestión de especies non ameazadas, e nese ámbito enmárcanse actuacións como os programas de cría en catividade de especies ameazas ou as accións para eliminar especies invasoras que provocan a perda da biodiversidade.

Finalmente, tamén destacou a utilidade dos instrumentos de declaración e xestión de espazos da Rede Galega de Espazos Protexidos, entre os que están o seis parques naturais, o Parque Nacional Illas Atlánticas, oito monumentos naturais, cinco humidais e dúas paisaxes protexidas. Os plans destes espazos inclúen medidas de conservación dos elementos da biodiversidade.

A directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Marisol Díaz, participa nunha mesa redonda no marco do Foro Rexional de Conservación que organiza a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).. XUNTA DE GALICIA
A directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Marisol Díaz, participa nunha mesa redonda no marco do Foro Rexional de Conservación que organiza a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta