Por GC Emprende | Compostela | 12/01/2016 | Actualizada ás 09:35
As expectativas das empresas galegas para 2016 son “moi favorables”. Iso é o que di un informe das Cámaras de Comercio de España que sinala que todas as variables analizadas –vendas, exportacións, investimento, emprego– presentan saldos positivos, o que indica unha maior porcentaxe de empresas con valoracións optimistas.
“As empresas de Galicia son máis optimistas que as do conxunto de España, e que as europeas, respecto á súa evolución económica e especialmente no que se refire a vendas nacionais, exportacións e investimento” , destaca o informe que foi presentado este luns pola Cámara de Comercio de Santiago.
Segundo o estudo, a maior parte delas agarda un comportamento favorable das súas vendas internas durante 2016. En concreto, un 59% de empresas prevé incrementar as vendas en territorio español respecto a 2015.
En canto ás expectativas sobre vendas ao exterior, as empresas galegas están moi esperanzadas e un 75% cre poder incrementar as súas exportacións no vindeiro ano, mentres que un escaso 1% das compañías galegas espera reducións nas súas exportacións.
No apartado de emprego, un 38% das empresas galegas agarda aumentar o número de empregados en plantilla nos próximos meses. Esta previsión de creación de emprego é inferior ás expectativas creadas en 2015, cando un 46% de empresas galegas auguraban poder colaborar coa subida do emprego. “Só un 5% das empresas galegas estima que reducirá o número de traballadores en 2016, un dato moi inferior ao rexistrado en 2015 cando un 23% de empresas galegas si o fixo” –explica a Cámara–. E sobre investimento, a enquisa asegura que un 95% das compañías galegas considera que en 2016 esta partida incrementarase ou manterase estable.
Ademais, a enquisa amosa que en 2015 os principais condicionantes da actividade para as empresas de Galicia foron a demanda interna, os custos laborais, as condicións de financiamento e as medidas de política económica. E os factores menos importantes, a escasez de persoal cualificado e os tipos de cambio. Estes mesmos factores poderán aplicarse, segundo a previsión dos empresarios galegos, na evolución da súa actividade económica en 2016.
A enquisa sobre a situación actual e as perspectivas empresariais para 2016 en Galicia, no resto de España e en Europa en xeral foi elaborada en setembro de 2015 pola Cámara de Comercio de España, en coordinación con Eurocámaras, a partir da opinión de preto de 60.000 empresarios europeos, dos cales 3.208 son españois e 184 galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.